Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6559

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

EXTRACTO da Resolución do 12 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT402B).

BDNS (Identif.): 669169.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2021, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Que cumprisen coa obriga anual de remisión das contas do concello ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

As subvencións teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos producidos tanto por edificios de titularidade municipal como por outros equipamentos e bens de titularidade municipal na súa contorna, debido ao seu inadecuado aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e cos obxectivos e criterios que expresan as directrices da paisaxe de Galicia. Os gastos subvencionables son os indicados no punto cuarto.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están contidas na Resolución do 12 de decembro de 2022, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria para 2023.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe total dun millón de euros (1.000.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma.

O importe da subvención será:

Liña I: 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio), co límite máximo de 20.000 € por concello.

Liña II: 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio), co límite máximo de 20.000 € por concello.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o día 28 de febreiro de 2023.

Sexto. Outros datos

Sen prexuízo dos demais requisitos establecidos na resolución, cada concello poderá presentar unha única solicitude, na cal poderá pedir unha axuda por cada unha das liñas existentes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto oitavo da resolución.

Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e consten nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que non se admitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece na resolución.

Unha vez acreditada a aceptación da subvención, co obxectivo de alcanzar unha maior eficacia e eficiencia na xestión destas achegas e se así o solicita a entidade beneficiaria, poderase facer efectivo, en concepto de pagamento anticipado, ata o 70 % do importe da subvención concedida.

A data límite para a xustificación da subvención será o 30 de setembro de 2023.

Recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio