Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6514

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT402B).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

O Decreto 73/2022, do 25 de maio, fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. No seu artigo 4 establece os órganos de dirección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, adscribindo á dita consellería o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio. Segundo a referida normativa e de conformidade co disposto no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da consellería é a autoridade superior da Consellería e a presidenta do Instituto de Estudos do Territorio e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a Comunidade galega, de conformidade co Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante o Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; e o artigo 6, ao tratar os fins das actuacións das administracións públicas en materia de paisaxe, dispón que estas deben atender, como mínimo, entre os seus fins, á protección da paisaxe, entendida como todas aquelas accións que teñan como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe.

Pola súa banda, o artigo 9 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe teñen, entre outras funcións, a de fixar as condicións para a preservación e recuperación de valores paisaxísticos, así como definir as actuacións precisas para a preservación, mellora ou recuperación dos valores paisaxísticos

III

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, ao Instituto de Estudos do Territorio correspóndelle o exercicio das competencias relativas á promoción, deseño, execución e seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial, mediante a educación e formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe; o apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe, e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade; a posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes, tales como os catálogos da paisaxe de Galicia, as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entenda necesario para o cumprimento dos puntos anteriores; así como avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.

Igualmente, correspóndelle formar, sensibilizar e concienciar a sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes: promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, así como calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.

A paisaxe é un elemento que coadxuva a mellorar a nosa calidade de vida e benestar, xa que a contorna perceptiva das persoas inflúe notablemente na súa vida cotiá; por este motivo é importante protexer a rica e extensa diversidade paisaxística de Galicia.

IV

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de que os concellos presten determinados servizos públicos. Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda da Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, mediante o potenciamento e apoio á prestación de servizos por parte dos nosos concellos, que é a Administración máis próxima ás persoas administradas, converténdoas en motores do desenvolvemento económico rexional.

Esta resolución permitirá articular unha colaboración cos concellos para desenvolver actuacións tendentes a mellorar a contorna paisaxística, ben sexa nos núcleos de poboación ben en zonas rurais ou naturais.

V

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, busca mellorar e protexer a riqueza paisaxística de Galicia, para o que conta con instrumentos con que asegurar a súa axeitada protección, xestión e ordenación.

Dentro destes instrumentos destacan o Catálogo das paisaxes de Galicia e as directrices da paisaxe, polo que a determinación das actuacións subvencionables a través da presente resolución se referirá a determinados impactos paisaxísticos que deron lugar á identificación de ámbitos de especial atención paisaxística (AEAP) por parte do Catálogo das paisaxes de Galicia.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego en que a cooperación interinstitucional resulta estratéxica, que fomente o coidado da riqueza paisaxística en ámbitos especialmente sensibles e desenvolvendo así obxectivos previstos, tanto naquel como na Estratexia galega da paisaxe: a súa posta en valor e a concienciación e sensibilización da sociedade, poñendo especial fincapé na Administración pública (recoñecemento por toda a poboación da relevancia do seu papel e da importancia da responsabilidade compartida na mellora e conservación da esencia de Galicia neste eido).

VI

O artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En consecuencia, con cargo aos créditos do Instituto de Estudos do Territorio asignados para esta finalidade, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, tras a correspondente tramitación e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia ao prever a posibilidade de realizar pagamentos anticipados superiores ao 50 % da subvención concedida, e todo de conformidade coa competencia conferida polo artigo 10 dos estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública, para o ano 2023, para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia (código de procedemento MT402B).

O seu principal obxectivo é colaborar e corresponsabilizar os concellos galegos en relación coa mellora da contorna paisaxística, a través de intervencións dirixidas a corrixir alteracións ou impactos relacionados con certos equipamentos e bens de titularidade municipal que supoñen unha deterioración do carácter ou da calidade da paisaxe.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos producidos tanto por edificios de titularidade municipal, como por outros equipamentos e bens de titularidade municipal na súa contorna, debido ao seu inadecuado aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices da paisaxe de Galicia (código de procedemento MT402B) a través de dúas liñas de axuda.

2. As liñas de axuda refírense a actuacións sobre inmobles destinados á prestación dos servizos municipais, entendendo como tales aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou cos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei, así como a outros bens de titularidade municipal.

As dúas liñas de axuda son as seguintes:

a) Liña I: equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

1º. Renovación do acabamento exterior das fachadas (paramentos cegos, carpintarías ou cerrallarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabamento final, ou deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Para os efectos da presente resolución considerarase deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes, así como os casos de fachadas de cachotaría ou cantería que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntado.

En relación coa substitución de carpintarías e elementos de cerrallaría, poderá considerarse a subvención da actuación cando se trate de actuacións sobre arquitecturas tradicionais, en que se propoña a renovación de elementos orixinais de inviable reparación ou a substitución de elementos instalados posteriormente e pouco adecuados aos valores arquitectónicos da edificación ou construción. En todo caso, admitiríase exclusivamente a instalación de carpintarías tradicionais de madeira ou elementos de cerrallaría de fundición de idénticas características ás orixinais.

Quedarán excluídas de forma expresa tanto a corrección das deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza como a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores distintas das sinaladas no parágrafo anterior e o picado de recebos existentes en fachadas de cachotaría para deixar vista a pedra, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación do acabamento.

2º. Remate ou renovación do acabamento exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atoparse nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.

Considéranse incluídas entre as actuacións subvencionables as unidades de obra imprescindibles para o soporte non estrutural do material constitutivo da solución de cuberta.

Para o novo acabamento exterior das cubertas daquelas edificacións situadas en contornas rurais empregarase preferentemente tella cerámica ou lousados de lousa ou cuarcita (en función do material tradicional da comarca), ben que poden empregarse outros materiais e solucións acordes cos características arquitectónicas da edificación, autorizables de acordo coa normativa de aplicación vixente e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin aplicaranse os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como a corrección das deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

b) Liña II A: fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos: as actuacións que se subvencionarán son, en todo caso, de índole menor, xa que non se cambiará o uso. Os posibles tipos de intervención detállanse no anexo técnico da presente resolución.

Establécense as seguintes indicacións para definir as actuacións subvencionables:

1º. Fontes:

Acondicionar, rehabilitar ou substituír, parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos que forman parte das fontes polo seu estado de deterioración ou por xerar un impacto na paisaxe.

Traballos de corrección de xeometrías, substitución ou reforma das estruturas de soporte ou das cubertas (de ser o caso), respectando os valores arquitectónicos do elemento e garantindo unha correcta integración paisaxística.

2º. Lavadoiros públicos:

Acondicionar, rehabilitar ou substituír, parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos que forman parte dos lavadoiros públicos polo seu estado de deterioración ou por xerar un impacto na paisaxe.

Traballos de corrección de xeometrías, substitución ou reforma das estruturas de soporte ou das cubertas (de ser o caso), respectando os valores arquitectónicos do elemento e garantindo unha correcta integración paisaxística.

3º. Palcos ou quioscos de música:

Acondicionar, rehabilitar ou substituír, parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos que forman parte dos palcos ou quioscos de música, polo seu estado de deterioración o por xerar un impacto na paisaxe.

Traballos de corrección de xeometrías, substitución de sollados, elementos estruturais, funcionais ou ornamentais que, polo seu estado de deterioración ou deficiente execución, poidan ser causa de situacións de risco para as persoas.

Poderá considerarse subvencionable o cambio ou eliminación daqueles elementos ornamentais inadecuados e/ou que desvirtúan os valores arquitectónicos do elemento e que poidan implicar unha deterioración da calidade paisaxística da contorna.

4º. Hórreos públicos:

Acondicionar, rehabilitar ou substituír, parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos que forman parte dos hórreos, polo seu estado de deterioración ou por xerar un impacto na paisaxe, e que se indican a continuación.

Só se poderá actuar nos elementos seguintes dos hórreos públicos: portas, cubertas, cerramentos de madeira, con fallos estruturais, roturas ou en deficiente estado de conservación.

Poderase considerar subvencionable o cambio ou eliminación daqueles elementos ornamentais inadecuados e/ou que desvirtúan os valores arquitectónicos do elemento e que poidan implicar unha deterioración da calidade paisaxística da contorna.

c) Liña II B: outras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

1º. Revestimento exterior de muros de cerramento de terreos realizados con fábricas de bloques de formigón ou ladrillo cerámico sen revestir.

O revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen recebo previo) ou con morteiros indicados para quedar vistos; en calquera caso, aplicaranse tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderá empregarse pedra, acorde coas características da zona. En todos os casos tomaranse como referencia os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fiadas de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaústres. Nestes casos deberán executarse as solucións que garantan o axeitado acabamento e remate construtivo do elemento.

Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor do acabamento.

2º. Acondicionamento exterior de fachadas, cubertas ou outros elementos constitutivos da construción ou instalación que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabamento final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor do acabamento.

Para os efectos da presente resolución considerarase deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os citados elementos como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes, entre outras.

Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotaría ou cantería que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntado.

Quedarán excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

3º. Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como no caso dos valados, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.

Terceiro. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2021, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter cumprido coa obriga anual de remisión das contas do concello ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude, que poderá referirse a unha ou ás dúas liñas de axudas.

O orzamento total da solicitude é o resultado da suma dos orzamentos parciais das liñas solicitadas que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido.

b) O concello debe ter a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretenden realizar as actuacións.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

c) De seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación.

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou actuacións concretas que se pretende executar ao abeiro desta resolución con base no proxecto ou memoria valorada presentado, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste punto na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Cuarto. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución en 2023. En ningún caso o custo de adquisición e execución dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) A execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

b) Os custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 10 % do investimento subvencionable.

c) Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) A adquisición de terreos.

b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 2 deste punto.

d) A adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos realizados con anterioridade á data de publicación da presente resolución no DOG.

Quinto. Subcontratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das obras será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, as entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da devandita lei.

Tamén deberán achegar a resolución de adxudicación da obra na cal se xustifique que a elección entre as ofertas presentadas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

Sexto. Financiamento e contía da subvención. Compatibilidade

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.760.00, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o ano 2023.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

4. O importe da subvención será:

Liña I: 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio), co límite máximo de 20.000 € por concello.

Liña II: 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio), co límite máximo de 20.000 € por concello.

Sétimo. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata o día 28 de febreiro de 2023.

4. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade do mesmo xeito que non se admitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta resolución.

5. A presentación da solicitude comporta a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

6. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, incluída no anexo I desta resolución, na cal se fai constar:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia e consonte o disposto no artigo 11.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o Concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan nas bases reguladoras.

g) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

h) Que no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

i) Que os materiais e acabamentos propostos son conformes coas indicacións que se recollen nas guías a que se fai referencia no punto 2º.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

1º. O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras concretas que se pretende executar ao abeiro desta resolución e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, ao cal fai referencia o punto 3.2.c) desta resolución.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

2º. Que se cumpriu coa obriga e remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, á cal fai referencia o punto 3.1.b) desta resolución.

3º. A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do punto 3.2.b) desta resolución.

4º. Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade, do ano que corresponda, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local.

c) Tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención, no caso de que sexa de aplicación o previsto no artigo 29.3 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior á contía de 40.000 euros, prevista para o contrato menor.

d) Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarse un documento co nivel de proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria explicativa que defina co detalle suficiente as características e o alcance das actuacións obxecto da subvención.

2º. Medicións e orzamento das actuacións, que inclúa unha relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, coas medicións das unidades para executar e os prezos unitarios. Incluirase tamén un resumo do orzamento de execución material por capítulos, con aplicación das porcentaxes de gastos xerais, beneficio industrial e impostos que proceda en cada caso. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global (partidas alzadas ou similares).

3º. Referencia catastral e planos de situación/coordenadas que permita xeolocalizar con exactitude os edificios, bens e equipamentos obxecto das axudas.

4º. Planos a escala e detalle suficientes para definir adecuadamente as actuacións.

5º. Reportaxe fotográfica do ben e da súa contorna onde se aprecie o estado actual que presenta.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa representante.

2. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

3. Consulta de concesións de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segundo. Órganos competentes

O Instituto de Estudos do Territorio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá á persoa que exerza a dirección do organismo ditar a resolución de concesión.

Décimo terceiro. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade será substituído pola persoa que desempeñe a Xefatura do Servizo Xurídico-Administrativo.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Unha vez recibidas as solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados ao Departamento Técnico de Estudos para a súa valoración, con suxeición aos criterios establecidos nestas bases reguladoras, mediante o correspondente informe emitido pola persoa titular do dito departamento.

Unha vez que o Departamento Técnico de Estudos determine a adecuación das solicitudes presentadas ao obxecto da convocatoria, a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa elevará a proposta á persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio, quen resolverá.

4. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Décimo cuarto. Resolución

1. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio para a súa resolución. A dita proposta conterá o número de expediente, a identidade e NIF do concello, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a entidade solicitante a que se lle concede a subvención e a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes.

4. A resolución notificarase a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres (3) meses desde que remate o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este, a solicitude de concesión de axuda poderase entender desestimada por silencio administrativo.

6. Unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou medio electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común

Décimo sexto. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada pola persoa titular da dirección do Instituto de Estudos do Territorio poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se o acto non for expreso, a entidade solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións autorizadas na resolución de concesión, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da axuda concedida.

3. Para a modificación da resolución non se poderán ter en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio, logo da instrución do correspondente expediente.

Décimo oitavo. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste caso, a persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Décimo noveno. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo, executar as obras previstas no documento presentado, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidas nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención.

3. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dada aos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

8. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables. Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade dos pagamentos derivados da execución do proxecto subvencionado, nos termos establecidos no punto 19º desta resolución.

c) En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da normativa vixente en materia de contratación do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das entidades locais.

e) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que sexa o seu posuidor.

f) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Vixésimo. Xustificación

1. A data límite para a xustificación da subvención será o 30 de setembro de 2023.

2. A documentación xustificativa que, en todo caso, incorporará a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento para a finalidade para a que foi concedida a axuda, consonte o disposto no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, é a seguinte:

a) Facturas e, no caso de obras, certificación con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local. En todo caso, a relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, debe axustarse, en canto á definición das unidades de obra executadas e aos seus prezos unitarios, ao xa detallado na documentación achegada coa solicitude de subvención.

Nesta relación recollerase a medición das unidades efectivamente executadas de cada partida e no resumo de orzamento aplicarase, se procede, o coeficiente de baixa correspondente á oferta da empresa finalmente contratada.

En ningún caso serán computables, para efectos do cálculo do orzamento subvencionable aceptado, os importes correspondentes a unidades de obra non incluídas na relación valorada inicial.

b) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria segundo o modelo do anexo IV desta resolución, en que solicita que se proceda ao pagamento da subvención concedida polo importe que proceda, e na que se faga constar:

1º. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

2º. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello beneficiario, co visto e prace do alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, segundo o modelo do anexo V desta resolución, na cal se faga constar:

1º. O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2º. Que, segundo informe da Intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

3º. Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.

d) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na resolución deberán achegar, ademais, as fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, así como dos inmobles obxecto de intervención, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permitan identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan. A documentación fotográfica debe recoller o estado inicial e o estado posterior ás actuacións subvencionadas, co detalle axeitado para comprobar a efectiva execución destas.

e) Nos supostos en que sexa exixible, consonte o punto 5º destas bases reguladoras, a entidade beneficiaria deberá presentar:

1º. Documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2º. Copia da resolución de adxudicación da obra ou equipamento onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

3. Os gastos xustificados deberán corresponderse coas actuacións para as que concedeu a axuda.

Se a xustificación non acada o 100 % do investimento subvencionable, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio, sempre que se cumpran o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

4. O Instituto de Estudos do Territorio poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo primeiro. Pagamento anticipado e acreditación da efectividade dos pagamentos

1. Unha vez acreditada a aceptación da subvención, co obxectivo de acadar unha maior eficacia e eficiencia na xestión destas achegas e se así o solicita a entidade beneficiaria, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata o 70 % do importe da subvención concedida no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude, segundo o previsto nos artigos 63 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en referencia aos pagamentos anticipados e á exoneración da constitución de garantía por tratarse de administracións públicas. A concesión deste anticipo farase mediante resolución motivada, segundo o disposto no artigo 6.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades ás entidades locais galegas.

2. Os concellos beneficiarios estarán exentos de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

4. En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto, e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

5. De conformidade co artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades ás entidades locais galegas, e para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado cando fose contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

6. De conformidade co establecido no xa citado artigo 3 do Decreto 193/2011, o concello beneficiario está obrigado a acreditar documentalmente, mediante xustificante de transferencia bancaria, a efectividade dos pagamentos dos gastos correspondentes á actuación subvencionada, no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria do aboamento da subvención concedida.

Para o cómputo do prazo dos sesenta días naturais, o concello presentará un certificado da intervención municipal en que se faga constar a data de ingreso do aboamento da subvención na conta bancaria do concello.

Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación a que fai referencia o ordinal vixésimo da presente resolución.

7. O xustificante da transferencia bancaria estará debidamente identificado e selado pola entidade bancaria, de acordo co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

8. O Instituto de Estudos do Territorio poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da efectividade dos pagamentos realizados.

Vixésimo segundo. Incumprimento, perda do dereito ao cobramento, reintegros e sancións

1. Ademais das causas indicadas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo co establecido no artigo 14.1.n), dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas e, concretamente:

a) Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos polos puntos 19º e 20º desta resolución.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

1º. Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. Para estes efectos, considerarase execución incompleta a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables.

Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

2º. Incumprimento da normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos que constitúen o obxecto da subvención.

3º. Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta resolución.

Vixésimo cuarto. Control

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Vixésimo quinto. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións.

Vixésimo sexto. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sétimo. Normativa reguladora

En todo o non previsto nesta resolución rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, así como, supletoriamente, as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vixésimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio

ANEXO TÉCNICO

Con carácter xeral, nas intervencións sobre materiais pétreos constitutivos de calquera dos bens a que fai referencia este anexo, cando sexa necesaria a instalación de elementos de fixación ou ancoraxes, estes serán non oxidables, ben de aceiro inoxidable ou bronce, ben doutro material compatible coa arquitectura en que se intervén, de xeito que se eviten as roturas por expansión do elemento metálico oxidado.

A ancoraxe das pezas de aceiro ou bronce á pedra farase mediante chumbo fundido. No caso de tratarse de pezas metálicas exteriores ornamentais deterioradas polo óxido, aplicaranse inhibidores de óxido, protexéndoas posteriormente.

Estes materiais pétreos non se hidrofugarán nin se consolidarán con produtos sintéticos non admisibles segundo os criterios de intervención no patrimonio construído establecidos polo órgano sectorial competente.

1. Fontes:

Indícanse a continuación algunhas das operacións básicas habituais susceptibles de subvención, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se precise restaurar:

a) Limpeza con auga a baixa presión e manual.

b) Picado e descarnado de xuntas en mal estado.

c) Emprego de morteiros tradicionais a base de cal.

d) Repaso de xuntas en cores acordes ao elemento tradicional.

e) Selaxe de xuntas de depósitos e canles.

f) Novas cubertas (de ser o caso). A execución de novas cubertas deberá resolverse coa solución respectuosa cos valores arquitectónicos do elemento e con acabamentos en tella cerámica ou lousados de pedra ou cuarcita natural, segundo as características da arquitectura tradicional da zona de actuación.

g) Substitución ou reparación de elementos concretos (canos, cornixas, empedrados, laxes, etc.).

h) Mellora das contornas inmediatas, limpeza e eliminación de biomasas que invadan os lugares das fontes (non se inclúen os seus accesos).

2. Lavadoiros públicos:

Indícanse a continuación algunhas das operacións básicas habituais susceptibles de subvención, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se precise restaurar:

a) Limpeza con auga a baixa presión e manual.

b) Picado e descarnado de xuntas en mal estado.

c) Emprego de morteiros tradicionais a base de cal.

d) Repaso de xuntas en cores acordes ao elemento tradicional.

e) Selaxe daquelas xuntas dos depósitos e canles de chegada e saída que precisan a estanquidade.

f) Novas cubertas: a execución de novas cubertas deberá resolverse cunha solución respectuosa cos valores arquitectónicos do elemento e con acabamentos en tella cerámica ou lousado de lousa ou cuarcita natural, segundo as características da arquitectura tradicional da zona de actuación.

g) Substitución ou reparación de elementos concretos (canos, cornixas, empedrados, laxes, etc.).

h) Mellora das contornas inmediatas, limpezas e eliminación de biomasas que invadan os lugares dos lavadoiros (non se inclúen os seus accesos).

3. Palcos ou quioscos de música:

Indícanse a continuación algunhas das operacións básicas habituais susceptibles de subvención, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se precise restaurar:

a) Picado e descarnado de xuntas en mal estado.

b) Repaso de xuntas en cores acordes ao elemento tradicional.

c) Selaxe daquelas xuntas en pedra, metal, madeira ou similar, que comprometan a seguridade dos elementos de soporte.

4. Hórreos públicos:

Indícanse a continuación algunhas das operacións básicas habituais susceptibles de subvención, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se precise restaurar:

a) Reutilizarase toda a madeira posible empregando as técnicas e métodos tradicionais; excepcionalmente, poderanse substituír elementos irrecuperables polo seu estado. No caso de substitución deberá empregarse o mesmo tipo de madeira que nas pezas orixinais.

b) Protexerase a madeira cun produto insecticida e funxicida. A pintura e a súa cor serán acordes cos existentes na zona e, de ser o caso, a recomendada na Guía de cores e materiais de Galicia. As súas características permitirán a transpiración da madeira, polo que se empregará pintura de poro aberto (lasures). Non se empregarán nin vernices nin pinturas plásticas, achegarase proba mediante ficha técnica da pintura e a súa porosidade.

c) As pezas de tella ou de lousa recuperaranse na medida do posible, e a súa renovación farase segundo o xeito tradicional empregado neste tipo de construción, con corte irregular e métodos artesanais e as mesmas medidas.

Non se disporán pranchas de fibrocemento baixo as tellas; estas deberanse colocar sobre o entaboado de madeira e, de ser necesario, disporase algún tipo de protección sobre este, xa sexa cunha imprimación ou mediante a colocación dunha lámina transpirable.

No caso de que o hórreo presente intervencións inadecuadas realizadas con materiais como bloques de cerámica ou formigón onde corresponderían solucións executadas con entramados de madeira, poderán acceder ás axudas, xustificando tal circunstancia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file