Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6398

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos produtivos, incremento da eficiencia enerxética e fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, e para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F).

BDNS (Identif.): 669998.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas, segundo dispón o artigo 46 do Regulamento (UE) nº 508/2014.

Para os efectos desta orde, considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que a axuda se solicite para a modernización de barcos auxiliares de acuicultura, poderán ser persoas beneficiarias da axuda tanto as persoas propietarias da embarcación como as persoas armadoras titulares de establecementos de acuicultura.

As axudas correspondentes ás modalidades A e B están dirixidas ás empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas, segundo a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio, así como as que non teñan esa consideración (grandes empresas).

As axudas correspondentes á modalidade C unicamente están dirixidas ás empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE205F, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas ás seguintes accións:

1. Modalidade A: axudas destinadas á realización das actuacións que a seguir se detallan, que teñen por obxecto o fomento dunha acuicultura sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva (artigo 48, alíneas: a), b), c), d), f), h) do Regulamento (UE) nº 508/2014):

a) Investimentos produtivos na acuicultura.

b) Diversificar a produción acuícola e as especies cultivadas.

c) Modernizar os centros acuícolas.

d) Melloras e modernización relacionadas coa saúde e o benestar dos animais, incluída a adquisición de equipamentos destinados a protexer as explotacións dos predadores salvaxes.

e) Investimentos na mellora da calidade do produto acuícola ou para incrementar o seu valor.

f) Diversificar os ingresos das empresas acuícolas mediante o desenvolvemento de actividades complementarias.

2. Modalidade B: axudas destinadas a investimentos que aumenten a eficiencia enerxética e fomenten a reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables (artigo 48, alínea k) do Regulamento (UE) nº 508/2014).

3. Modalidade C: axudas destinadas á obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico, co fin de mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas e reducir o impacto ambiental negativo do seu funcionamento (artigo 49, alínea b) do Regulamento (UE) nº 508/2014).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos produtivos, incremento da eficiencia enerxética e fomento da reconversión das empresas acuícolas a fontes de enerxía renovables, e para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE205F).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que figuran no cadro que se insire dotadas no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2023. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán ás seguintes contías:

Aplicación orzamentaria

Modalidade de axuda

Ano 2023

15.02.723A.772.2

Modalidade A

2.500.000 €

15.02.723A.772.5

Modalidade B

150.000 €

15.02.723A.772.6

Modalidade C

90.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar