Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6401

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2022 pola que se fixan os criterios reguladores do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas durante o ano 2023, e se convoca a súa realización (código de procedemento PR471A).

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é a publicación dos criterios xerais que regularán a realización do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas ao longo do ano 2023, cuxas edicións son convocadas por resolución do director xeral da Agasp na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública: https://agasp.xunta.gal/es (código de procedemento PR471A).

Este curso de formación rexerase polo establecido nesta resolución e no Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

Segundo. Contido do curso e temario

1. Aspectos básicos da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. Aspectos básicos da normativa de xogo.

3. Dereitos e deberes das persoas espectadoras e usuarias. Dereitos fundamentais.

4. Dereito de admisión.

5. Medidas de seguridade nos establecementos abertos ao público e normativa de autoprotección.

6. Normativa sobre horarios dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.

7. Réxime xurídico das persoas menores de idade.

8. Aspectos básicos da normativa en materia de igualdade.

9. Conceptos básicos de primeiros auxilios.

10. Protocolo en situacións de perigo.

11. Técnicas básicas de autocontrol en situacións de extrema necesidade.

O temario está dispoñible na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública na seguinte ligazón:

https://agasp.xunta.gal/sites/w_agasp/files/temario_control_de_acceso_marcadores__0.pdf

Terceiro. Requisitos de participación

1. Este curso vai destinado ás persoas que pretendan realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. As persoas aspirantes deberán posuír os seguintes requisitos exixidos polo artigo 6 do Decreto 48/2021:

a) Ser maior de idade.

b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.

c) Carecer de antecedentes penais.

d) Ter a aptitude psicolóxica necesaria acreditada consonte o que dispón o artigo 8.4 do Decreto 48/2021.

Cuarto. Presentación de solicitudes e prazo

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal que figura como anexo I desta resolución.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica de solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo para a presentación da dita solicitude, vinculada co procedemento PR471A, abrirase ao día seguinte de que se publique a presente resolución no DOG e permanecerá aberto ata o día 2 de xaneiro de 2024 (o modelo de solicitude figura como anexo a esta resolución (anexo I).

As solicitudes para unha edición concreta do curso admitiranse ata como máximo 10 días hábiles antes da realización da dita edición do curso, segundo o calendario das edicións do curso para o ano 2023, que se publica como anexo II a esta resolución.

Cando se acade un número mínimo de 20 solicitudes, a Agasp programará a súa realización e publicará na súa páxina web a listaxe de persoas admitidas e as excluídas en cada edición que se realice e, ademais, as persoas interesadas recibirán un correo electrónico e un sms, indicándolles toda a información relativa ao curso (data de realización e horario).

Quinto. Documentación complementaria

As persoas interesadas na realización do curso de formación deberán achegar coa solicitude o certificado de aptitude psicolóxica. Este certificado poderá ser expedido por un centro médico-psicotécnico debidamente autorizado consonte o disposto no Real decreto 170/2010, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de centros de recoñecemento destinados a verificar as aptitudes psicofísicas dos condutores, ou por persoal colexiado coa titulación de Psicoloxía ou Medicina.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos devanditos datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os referidos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Lista de persoas admitidas e excluídas do curso

A lista coas persoas admitidas e excluídas publicarase na páxina web da Agasp con polo menos sete días hábiles de anterioridade ao inicio de cada edición que se leve a cabo, unha vez reunido o número mínimo de solicitudes de participación recibidas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Lugar, desenvolvemento e duración da realización do curso ao longo do ano 2023

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra) e o horario das clases será das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 17.30 horas.

Ao remate farase un exame de coñecementos que consistirá nun test de 20 preguntas. Para obter os 5 puntos será necesario responder correctamente 10 preguntas. As respostas erróneas non descontarán para o cómputo total das correctas. A persoa encargada da dirección do curso será a responsable da súa avaliación e de expedir a acreditación de telo superado.

Cando o número de solicitudes sexa inferior a 20, suspenderase a realización do curso e os aspirantes serán inscritos na edición seguinte.

As persoas seleccionadas que non se presenten ao curso sen causa xustificada serán penalizadas e non poderán volver solicitar a inscrición nun prazo de 90 días.

Décimo. Información para as persoas interesadas

As persoas interesadas poderán obter información adicional sobre esta convocatoria e as seguintes a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada), procedemento PR471A.

b) Na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (https://agasp.xunta.gal).

c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal

d) No teléfono da Agasp: 886 20 61 16 ou 886 20 61 09.

e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección na Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Décimo primeiro. Publicación dos actos

1. Unha vez rematado, a persoa encargada da dirección do curso será a responsable da súa avaliación e da expedición da acreditación de telo superado.

2. Todos os actos derivados desta resolución publicaranse na páxina web da Academia Galega de Seguridade pública https://agasp.xunta.gal/

Décimo segundo. Relación de alumnado declarado apto

No prazo de 10 días hábiles, publicarase na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública a relación definitiva das persoas que superaron o curso formativo.

No prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública da relación definitiva das persoas que superaron o curso formativo, cuxos datos se recompilarán desagregados por sexos, as persoas aspirantes incluídas nela deberán solicitar da dirección xeral competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas a expedición da habilitación (a través do procedemento PR472A), xuntando o xustificante de ter aboado a correspondente taxa administrativa para os efectos de que lles sexa expedida esta, xunto co distintivo que os identifique e acredite como persoal de control de acceso a espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público.

O procedemento para a expedición da habilitación está recollido no artigo 9 do Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Estrada, 23 de decembro de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega
de Seguridade Pública

missing image file
missing image file

ANEXO II

Calendario das edicións do curso de formación para a obtención
da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas para o ano 2023

Mércores, 18 de xaneiro de 2023.

Xoves, 16 de febreiro de 2023.

Mércores, 15 de marzo de 2023.

Sábado, 15 de abril de 2023.

Venres, 12 de maio de 2023.

Mércores, 21 de xuño de 2023.

Xoves, 13 de xullo de 2023.

Sábado, 23 de setembro de 2023.

Mércores, 18 de outubro de 2023.

Martes, 21 de novembro de 2023.

Mércores, 13 de decembro de 2023.