Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2023 Páx. 6410

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2023 (código de procedemento PR775A).

Un dos fins da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), establecido no artigo 3 da Lei 14/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, é a difusión e normalización da lingua galega. Para conseguir este fin, cómpre concienciar os nenos e as nenas galegos da necesidade de fomentar a dinamización da nosa lingua e de coñecer e divulgar a cultura que ao seu través nos transmitiron os nosos devanceiros e as nosas devanceiras.

Por esta razón, como un máis dos actos que a EGAP organizará para honrar ás letras galegas, e especialmente este ano a Francisco Fernández del Riego, convócase, un ano máis, o concurso de literatura infantil e xuvenil co obxecto de que os nenos e nenas galegos teñan a oportunidade de demostrar a súa capacidade para redactar en lingua galega e de exercitar a súa imaxinación para concibir historias e desenvolver as súas habilidades neste idioma.

Ao igual que na convocatoria do ano anterior, prevese novamente a posibilidade de que os contos poidan ser presentados tanto de forma presencial como electrónica. Esta alternativa permitirá aos nenos e ás nenas galegos ter a posibilidade de comezar a familiarizarse co emprego de ferramentas electrónicas e, ademais, contribuirá a que as persoas que presenten as solicitudes na súa representación teñan unha maior facilidade para comunicarse coa Administración. Así mesmo, esta medida contribuirá ao aforro de papel ás persoas interesadas.

En vista de todo o exposto

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras e convocar un concurso de literatura infantil e xuvenil en que poderán participar os nenos e as nenas galegos, que ten como obxectivo incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e convócase, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2023 orientado aos nenos e ás nenas galegos, con idades comprendidas, segundo estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos (código de procedemento PR775A).

A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirán en cada categoría tres premios en metálico, cada un deles coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 07.81.122B.480.0 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. A convocatoria de subvencións regulada nesta resolución tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2023 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Terceira. Participantes e contido

1. Poderán optar aos premios os nenos e as nenas que teñan a súa veciñanza administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

2. Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12 e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.

3. Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os fillos e as fillas de quen sexa integrante do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

5. Poderán presentarse contos premiados con anterioridade por todo tipo de organismos públicos ou privados, excepto no caso de contos que xa fosen premiados pola propia EGAP. Neste sentido, a concesión do premio regulado nesta convocatoria será compatible coa de calquera outro premio de similares características.

Cuarta. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Quinta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación do anexo I, e presentarán a seguinte documentación, en arquivos independentes en formato pdf:

a) Un arquivo que conterá o texto do conto. Este arquivo nomearase co título do conto e o pseudónimo da persoa autora.

b) Un arquivo que conterá unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome/s, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso, así como os datos dos seus proxenitores.

2. No caso de que se opte pola presentación presencial, coa solicitude, que deberá formularse mediante a presentación do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas. Este sobre incluirá o texto do conto en folio formato A4 no que se fará constar o pseudónimo da persoa autora e o título do conto.

b) Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome/s, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso, así como os datos dos seus proxenitores.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten os contos, tanto na presentación presencial como na electrónica, cumpriranse as seguintes exixencias:

– Na cabeceira do conto indicarase exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo.

– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas representantes legais do/da menor incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas representantes legais do/da menor se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Instrución e tramitación das solicitudes

A Dirección da EGAP, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios. En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de recepción dos orixinais presentados, a instrución e o requirimento da emenda ás persoas solicitantes (ou ás persoas representantes no caso de habelas), se for necesario.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas, das cales cinco pertencerán ao ámbito literario e docente. As funcións da secretaría, con voz e sen voto, realizaraas unha persoa integrante do cadro de persoal da EGAP proposta pola súa dirección.

A persoa que exerza a presidencia dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de se produciren. A composición do xurado, na cal se procurará unha presenza equilibrada de mulleres e homes, farase pública na páxina web da EGAP.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos das persoas que o integran. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que asinarán a persoa que exerza a presidencia e a que exerza a secretaría.

Os premios poderán ser declarados desertos, se así o considera o xurado.

Co fin de garantir o anonimato, a Dirección da EGAP facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento/sobre, segundo corresponda, relativo ás obras presentadas e manterá custodiada a identidade da persoa autora ata que se resolva o procedemento.

Décimo primeira. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: ata 14 puntos.

b) Orixinalidade: ata 14 puntos.

c) Valores culturais e que sustentan a democracia e os dereitos humanos: ata 10 puntos.

d) Coidado da lingua: ata 12 puntos.

Décimo segunda. Resolución, comunicación e aceptación

A Dirección da EGAP, con base na proposta do xurado, resolverá o procedemento de concesión dos premios no prazo de cinco días desde a data de elevación da proposta de resolución e, en todo caso, no prazo máximo sinalado na base décimo novena.

Para tal efecto, unha vez que o xurado eleve a proposta, a Dirección da EGAP abrirá o documento/sobre segundo corresponda, relativo á identidade das persoas participantes.

Cada unha delas debe aceptar o premio no prazo de cinco días, que se contarán a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución de concesión do premio.

Décimo terceira. Publicación dos actos

A resolución do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, a dita resolución será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da EGAP.

Décimo cuarta. Recursos

A resolución do procedemento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, cabe a interposición directa dun recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da antedita publicación, de conformidade co disposto polos artigos 8.2 e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Décimo sexta. Pagamento dos premios

Os premios outorgados serán aboados dentro do exercicio económico 2023. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo sétima. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da EGAP, logo de presentar a solicitude de retirada asinada pola persoa que exerza a representación legal do/da menor e unha identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo oitava. Información e control. Revogación e reintegro

1. As persoas que representan legalmente as persoas beneficiarias dos premios quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

2. Procederá a revogación do premio, así como o reintegro total da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, que resulten de aplicación.

Décimo novena. Duración do procedemento

Ao abeiro do establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non excederá dos cinco meses desde a data de publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Vixésima. Aceptación das bases e recursos

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que se opte polo recurso de reposición, non caberá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta por silencio do recurso de reposición interposto.

Disposición derradeira primeira. Aclaración ou interpretación das bases

A Dirección da Escola Galega de Administración Pública poderá adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file