Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2023 Páx. 7054

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de espectáculos públicos, consonte o establecido na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, que mantén a reserva para o Estado das competencias relativas á seguridade pública e a facultade de ditar normas que regulen os espectáculos taurinos. A materia de espectáculos públicos abrangue as actividades recreativas, tal e como sinalou o Tribunal Constitucional no Auto 46/2001, do 27 de febreiro.

Para o pleno exercicio desta competencia, o Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, regula o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia, e mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumíronse as funcións e os servizos transferidos.

Con base na devandita atribución competencial promulgouse a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. A disposición derradeira quinta recolle a habilitación para o desenvolvemento regulamentario da lei. Ao abeiro desa habilitación, este decreto pretende darlle resposta á reivindicación dos sectores implicados que puxeron de relevo a necesidade da aprobación dun regulamento que estableza unha regulación daqueles aspectos que, pola súa especificidade, non tiñan o seu axeitado encaixe nunha norma de rango legal.

Así mesmo, coa aprobación do novo decreto preténdese dispoñer dunha normativa regulamentaria específica que facilite as funcións dos operadores técnicos e xurídicos municipais e, ao mesmo tempo, que as persoas interesadas poidan acadar unha máis sinxela e áxil resolución dos seus procedementos.

A regulación contida neste decreto comprende a definición do que se entende por técnico competente, as condicións técnicas e de seguridade, as instalacións portátiles ou desmontables, as atraccións itinerantes de feira, o réxime dos seguros en relación cos espectáculos públicos e as actividades recreativas, as festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas, recoñecendo a mesma singularidade reflectida na Lei 10/2017, do 27 de decembro, para este tipo de eventos, a asistencia sanitaria e dispositivos de vixilancia, as condicións de admisión e permanencia, as entradas, a información e publicidade e o Rexistro de Empresas e Establecementos.

De xeito sucinto e sen ánimo de exhaustividade cómpre subliñar algún dos aspectos máis relevantes do seu contido. No que atinxe ás instalacións portátiles e desmontables especifícase a documentación técnica que deben achegar e os requisitos técnicos que deben cumprir. Con respecto ás atraccións itinerantes de feira especifícase a documentación técnica, os requisitos técnicos que deben cumprir e as actuacións de comprobación. Na materia de seguros establécese unha regulación do capital mínimo que deben cubrir as pólizas de seguros de responsabilidade civil diferenciando por tipoloxía de actividade e por capacidades. Diferénciase tamén se se trata de espazos ao aire libre delimitados ou non delimitados. Recoñécese a singularidade das festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas. Regúlase a asistencia sanitaria que se debe exixir en cada tipo de espectáculo público ou actividade recreativa (caixa de primeiros auxilios, ambulancias, enfermaría, etc.), diferenciando entre grandes e pequenos espectáculos. Regúlase con detalle o exercicio do dereito de admisión, especificando a quen corresponde recibir a comunicación das condicións de admisión e o procedemento e requisitos para facelo. Inclúese tamén a regulación pormenorizada das entradas e o réxime de información e publicidade. Por último, insírese no texto do decreto o Rexistro de Empresas e Establecementos e regúlase a inscrición, a estrutura, os datos que se inscribirán, o código e o procedemento de inscrición, así como a modificación e cancelación.

Este decreto está estruturado en tres títulos, que comprenden trinta e oito artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O título I, baixo a denominación de disposicións xerais, está composto por dous capítulos. O primeiro deles dedícase ao obxecto e ámbito de aplicación. O capítulo II regula os requisitos e condicións dos espectáculos públicos, das actividades recreativas e dos establecementos ou espazos abertos ao público en que se celebren. Pola súa vez, este capítulo II divídese en cinco seccións, nas cales se regulan, respectivamente, as condicións de carácter xeral (sección primeira), as instalacións portátiles ou desmontables (sección segunda), as atraccións itinerantes de feira (sección terceira), o réxime de seguros dos espectáculos públicos e das actividades recreativas (sección cuarta) e, finalmente, a asistencia sanitaria e dispositivos de vixilancia (sección quinta).

O título II, que regula os aspectos xerais da organización e do desenvolvemento dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, divídese en tres capítulos. No primeiro regúlanse as condicións de admisión e permanencia. No capítulo II establécese a regulación das entradas. O capítulo III dedícase á información.

O título III regula o Rexistro de Empresas e Establecementos.

Polo que atinxe á parte final do decreto, a disposición adicional primeira regula o réxime de comunicación de datos por parte dos concellos ao Rexistro de Empresas e Establecementos, a disposición derradeira primeira recolle a habilitación normativa, mentres que a disposición derradeira segunda fai referencia á entrada en vigor da norma.

Na elaboración desta norma observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os cales cabe destacar a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e goberno aberto, así como o trámite de audiencia aos sectores afectados. De conformidade co artigo 10.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, en relación co artigo 4.1.a) do Decreto 82/2018, do 2 de agosto, polo que se regula Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, déuselle trámite de audiencia á dita comisión que emitiu, por unanimidade dos seus membros, o seu parecer favorable.

Finalmente, e de conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que, coa aprobación deste decreto, se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, no que atinxe a determinados aspectos de organización e desenvolvemento daqueles, así como constituír o Rexistro de Empresas e Establecementos.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Este decreto será de aplicación a todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e aos establecementos e espazos abertos ao público en que se celebren.

2. As disposicións establecidas neste regulamento aplicaranse sen prexuízo da normativa sectorial que, de ser o caso, resulte aplicable.

CAPÍTULO II

Requisitos e condicións dos espectáculos públicos, das actividades
recreativas e dos establecementos ou espazos abertos ao público
en que se celebren

Sección 1ª. Condicións de carácter xeral

Artigo 3. Condicións técnicas e de seguridade

1. Os espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación deste decreto e os establecementos e espazos abertos ao público en que se celebren deberán cumprir as condicións técnicas e de seguridade a que fai referencia o artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, así como as establecidas neste decreto e na normativa técnica que en cada momento resulte aplicable. Tamén deberán cumprir as condicións técnicas ou de seguridade que, ao abeiro do previsto no artigo 5, letra g), e 7.3 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, poidan establecer os concellos a través das súas ordenanzas ou regulamentos.

2. De conformidade co disposto no artigo 12 da Lei 10/2019, do 27 de decembro, o réxime de intervención administrativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas é o previsto na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

3. Para os efectos do disposto no artigo 22.1.c) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, considéranse técnico competente todos aqueles que teñan a titulación e cualificación necesaria por razón da materia de que se trate e tamén o que estea en posesión de calquera das titulacións académicas e profesionais de grao superior habilitantes para a produción de espectáculos.

Nos supostos recollidos nos artigos 40.2.b).2º e 42.2.a) da Lei 9/2013, do 19 de decembro, a referencia á persoa técnica competente incluirá os profesionais mencionados no parágrafo anterior, sempre que o proxecto e a documentación técnica non incorpore referencias urbanísticas. Neste segundo caso, a referencia á persoa técnica competente será a que estea en posesión de calquera das titulacións académicas ou profesionais habilitantes para a redacción de proxectos consonte a normativa de aplicación á materia concreta de que se trate, así como para a subscrición de certificados segundo a normativa específica de aplicación, ou que, sen posuír as titulacións académicas anteriores, acreditasen a cualificación profesional necesaria para subscribir certificacións consonte a normativa técnica que resulte aplicable en cada caso.

Sección 2ª. Instalacións portátiles ou desmontables

Artigo 4. Instalacións portátiles ou desmontables

1. As instalacións portátiles ou desmontables definidas conforme o disposto no artigo 3.f) da Lei 10/2017, do 27 de decembro, deberán cumprir as condicións técnicas e de seguridades establecidas no artigo 7 da dita lei, así como as que a continuación se determinan:

a) As condicións de seguridade apropiadas para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, a convivencia veciñal e a integridade dos espazos públicos. Corresponde aos concellos determinar, segundo a tipoloxía do establecemento, cales son as medidas de seguridade específicas que se deben cumprir.

b) As previsións da norma UNE-EN 13782:2016. Estruturas temporais. Carpas. Seguridade.

c) As previsións da norma UNE-EN 13200-6:2013. Instalacións para espectadores. Parte relativa ás gradas temporais desmontables, ou normas que as substitúan.

d) As medidas previstas en materia de evacuación no Documento básico de seguridade no caso de incendio (DB-SI) e na epígrafe de accesibilidade do Documento básico de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA) naquelas instalacións portátiles ou desmontables que estean cerradas polo menos nos 2/3 do seu perímetro e naqueloutras que, tendo un perímetro acoutado menor de 2/3 e maior de 1/2, teñan unha superficie de polo menos 2.500 metros cadrados.

e) Cando, polas características específicas da actividade, as saídas estean conformadas por unha apertura na propia lona ou entoldado vertical de pechamento, esta deberá quedar sinalizada, dispoñer dun sistema rápido de enrolado e recollida e estar exento no oco do paso de calquera elemento vertical sustentante, así como de calquera tipo de soporte horizontal que supoña unha diferenza de nivel e poida consistir nunha barreira para as persoas con discapacidade. En calquera caso, os ditos pasos disporán, en todo momento, de persoal que facilite a apertura e reconduza a evacuación do público.

f) Ter un plan de autoprotección e un plan de emerxencia cando así o exixa a normativa de aplicación.

2. No caso de que as instalacións portátiles ou desmontables en que se desenvolvan espectáculos públicos ou actividades recreativas estean sometidas ao réxime de declaración responsable previsto no artigo 40 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, esta debe presentarse no concello, na súa condición de organismo competente para a súa recepción e comprobación, cunha antelación mínima de 2 días hábiles anteriores ao inicio da súa instalación ou montaxe.

3. Concluída a instalación e antes da súa posta en funcionamento, nos casos en que estean sometidas ao réxime de declaración responsable, o solicitante deberá presentar a certificación de instalación ou montaxe subscrita por técnico competente ou por unha entidade de certificación de conformidade municipal (ECCOM), na cal se acredite que as instalacións reúnen as medidas necesarias de seguridade e solidez de todos os seus elementos.

Sección 3ª. Atraccións itinerantes de feira

Artigo 5. Requisitos de documentación

1. Para os efectos deste decreto entenderase por atraccións itinerantes de feira aquelas atraccións recreativas propias das festas e verbenas populares que se instalan temporalmente en espazos ao aire libre, públicos ou privados.

2. O proxecto e documentación técnica a que se refire o artigo 40.2.b).2º da Lei 9/2013, do 19 de decembro, deberá incorporar os documentos seguintes:

a) O proxecto da atracción que recolla a información necesaria para a realización das inspeccións e verificacións de montaxe e das probas de funcionamento e, como mínimo, os puntos de control, as tolerancias admisibles, as velocidades máximas, os límites de idade, a altura e o peso permitido ás persoas usuarias.

b) O manual de funcionamento que incorpore instrucións comprensibles, en galego ou en castelán, relativas á montaxe, ao funcionamento e ao mantemento. Tamén debe recoller os requirimentos de cualificación do persoal de montaxe, funcionamento e mantemento.

c) O libro de operacións que identifique con claridade a atracción e conteña os datos sobre a data de adquisición, o historial das reparacións efectuadas, as modificacións e as inspeccións realizadas.

Artigo 6. Requisitos técnicos

As atraccións itinerantes de feira deberán cumprir os requisitos exixidos pola normativa específica de aplicación e, en concreto, deberán cumprir os recollidos nas seguintes normas:

a) Norma UNE-EN 13814:2006. Maquinaria e estruturas para parques e feiras de atraccións. Seguridade.

b) Norma UNE-EN 14960:2014. Equipamentos de xogo inchables. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio.

c) Norma UNE-EN 13782:2016. Estruturas temporais. Carpas. Seguridade.

Artigo 7. Actuacións de inspección e comprobación

A inspección e comprobación das atraccións itinerantes de feira abranguerá os campos seguintes:

a) Revisión da solidez e seguridade estrutural da instalación. Esta actuación comprende, como mínimo e entre outros aspectos, os seguintes: o estado de conservación dos elementos, a solidez e a estabilidade dos elementos colgados e decorados, o correcto funcionamento e o estado dos sistemas de contención de pasaxeiros, as condicións xeométricas de ramplas e varandas e focos e elementos de iluminación.

b) Revisión de instalacións. Esta actuación comprende, como mínimo e entre outros aspectos, os seguintes:

1º) A revisión da instalación eléctrica na súa totalidade, empregando os equipamentos específicos para a comprobación do funcionamento de interruptores diferenciais e o nivel de illamento das liñas principais de alimentación. A inspección complementarase cunha revisión das condicións da montaxe do cablaxe, conexións e equipamentos autónomos.

2º) A revisión do sistema hidráulico e pneumático, por medio dunha inspección visual dos circuítos pneumáticos e hidráulicos para comprobar a instalación, co obxecto de detectar posibles puntos de fuga ou deterioracións nela.

3º) A revisión do sistema de protección de incendios, verificando a existencia de equipamentos de extinción, a sinalización de emerxencia e a evacuación das persoas usuarias.

c) Probas de funcionamento: unha vez que a atracción se atopa totalmente instalada e con subministración eléctrica deben realizarse as probas de funcionamento dos sistemas de seguridade e bloqueo, da parada de emerxencia, da iluminación de emerxencia, do grupo electróxeno e das condicións de evacuación.

d) Competencia do persoal das atraccións: cada atracción, mentres permaneza en funcionamento, deberá estar sempre baixo o control directo dun operador principal, maior de idade e con coñecemento suficiente do funcionamento da atracción, sen prexuízo da existencia doutros operadores auxiliares. Esta persoa será a responsable de que se respecten as normas de acceso á atracción por parte das persoas usuarias, así como do manexo da atracción consonte o disposto no seu manual de funcionamento. As funcións de inspección e comprobación deben abranguer a identificación do operador principal, así como dos operadores auxiliares, se os houber.

e) Requisitos de acceso: cada atracción debe colocar, nun lugar visible ao público e perfectamente lexible, un cartel indicativo dos requisitos de acceso que inclúa as limitacións de altura, peso ou idade das persoas usuarias, a necesidade de que as persoas menores accedan ou non acompañados, así como os riscos para grupos específicos de persoas como as embarazadas, as que teñan problemas cardíacos, ou calquera outra condición física ou psíquica incompatible coa intensidade ou características da atracción. As funcións de inspección e comprobación deben acreditar a existencia do dito cartel en cada unha das atraccións.

f) Requisitos de imaxe e linguaxe non sexista: as atraccións e demais instalacións itinerantes de feira non poderán estar rotuladas, decoradas ou conter imaxes sexistas, nin que presenten ás mulleres de forma vexatoria ou discriminatoria, ben utilizando particular e directamente o seu corpo ou partes del, ben a súa imaxe asociada a comportamentos estereotipados por razón de xénero. Igualmente, non poderán empregar mensaxes que conteñan unha linguaxe sexista. Así mesmo, non poderán incorporar imaxes ou unha linguaxe que contribúa a xerar violencia ou discriminación en calquera das súas manifestacións, especialmente sobre as persoas menores de idade, ou fomente estereotipos de carácter sexista, racista, estético ou de carácter homófobo ou transfóbico ou por razóns de discapacidade. As funcións de inspección e comprobación deben acreditar o cumprimento destes requisitos.

Sección 4ª. Réxime de seguros dos espectáculos públicos
e das actividades recreativas

Artigo 8. Capitais mínimos asegurables

1. En aplicación do artigo 8 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, os capitais mínimos que deberán cubrir, no seu conxunto, as pólizas de seguro de responsabilidade civil de espectáculos públicos e actividades recreativas, atendendo especialmente á capacidade máxima e ao tipo de espectáculo ou actividade recreativa que se vaia desenvolver, serán os seguintes:

a) Espectáculos públicos enumerados na epígrafe I do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, que se desenvolvan en espazos ao aire libre delimitados:

1º. Con capacidade ata 100 persoas: 200.000 euros de capital mínimo asegurado.

2º. Con capacidade entre 101 e 150 persoas: 300.000 euros de capital mínimo asegurado.

3º. Con capacidade entre 151 e 300 persoas: 500.000 euros de capital mínimo asegurado.

4º. Con capacidade entre 301 e 500 persoas: 600.000 euros de capital mínimo asegurado.

5º. Con capacidade entre 501 e 1.000 persoas: 700.000 euros de capital mínimo asegurado.

6º. Con capacidade entre 1.001 e 1.500 persoas: 1.000.000 euros de capital mínimo asegurado.

7º. Con capacidade entre 1.501 e 2.500 persoas: 1.200.000 euros de capital mínimo asegurado.

8º. Con capacidade entre 2.501 e 5.000 persoas: 1.500.000 euros de capital mínimo asegurado.

b) Espectáculos públicos enumerados na epígrafe I do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, que se desenvolvan en espazos ao aire libre non delimitados:

1º. Con previsión de asistencia de ata 100 persoas: 100.000 euros de capital mínimo asegurado.

2º. Con previsión de asistencia entre 101 e 150 persoas: 200.000 euros de capital mínimo asegurado.

3º. Con previsión de asistencia entre 151 e 300 persoas: 400.000 euros de capital mínimo asegurado.

4º. Con previsión de asistencia entre 301 e 500 persoas: 500.000 euros de capital mínimo asegurado.

5º. Con previsión de asistencia entre 501 e 1.000 persoas: 600.000 euros de capital mínimo asegurado.

6º. Con previsión de asistencia entre 1.001 e 1.500 persoas: 700.000 euros de capital mínimo asegurado.

7º. Con previsión de asistencia entre 1.501 e 2.500 persoas: 1.000.000 euros de capital mínimo asegurado.

8º. Con previsión de asistencia entre 2.501 e 5.000 persoas: 1.200.000 euros de capital mínimo asegurado.

c) Actividades recreativas enumeradas na epígrafe II do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, sempre que se desenvolvan en espazos ao aire libre delimitados:

1º. Con capacidade ata 100 persoas: 200.000 euros de capital mínimo asegurado.

2º. Con capacidade entre 101 e 150 persoas: 300.000 euros de capital mínimo asegurado.

3º. Con capacidade entre 151 e 300 persoas: 500.000 euros de capital mínimo asegurado.

4º. Con capacidade entre 301 e 500 persoas: 600.000 euros de capital mínimo asegurado.

5º. Con capacidade entre 501 e 1.000 persoas: 700.000 euros de capital mínimo asegurado.

6º. Con capacidade entre 1.001 e 1.500 persoas: 1.000.000 euros de capital mínimo asegurado.

7º. Con capacidade entre 1.501 e 2.500 persoas: 1.200.000 euros de capital mínimo asegurado.

8º. Con capacidade entre 2.501 e 5.000 persoas: 1.500.000 euros de capital mínimo asegurado.

d) Actividades recreativas enumeradas na epígrafe II do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro, que se desenvolvan en espazos ao aire libre non delimitados:

1º. Con previsión de asistencia de ata 100 persoas: 100.000 euros de capital mínimo asegurado.

2º. Con previsión de asistencia entre 101 e 150 persoas: 200.000 euros de capital mínimo asegurado.

3º. Con previsión de asistencia entre 151 e 300 persoas: 400.000 euros de capital mínimo asegurado.

4º. Con previsión de asistencia entre 301 e 500 persoas: 500.000 euros de capital mínimo asegurado.

5º. Con previsión de asistencia entre 501 e 1.000 persoas: 600.000 euros de capital mínimo asegurado.

6º. Con previsión de asistencia entre 1.001 e 1.500 persoas: 700.000 euros de capital mínimo asegurado.

7º. Con previsión de asistencia entre 1.501 e 2.500 persoas: 1.000.000 euros de capital mínimo asegurado.

8º. Con previsión de asistencia entre 2.501 e 5.000 persoas: 1.200.000 euros de capital mínimo asegurado.

e) Establecementos abertos ao público enumerados na epígrafe III do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 124/2019, do 5 de setembro:

1º. Con capacidade ata 100 persoas: 300.000 euros de capital mínimo asegurado.

2º. Con capacidade entre 101 e 150 persoas: 400.000 euros de capital mínimo asegurado.

3º. Con capacidade entre 151 e 300 persoas: 600.000 euros de capital mínimo asegurado.

4º. Con capacidade entre 301 e 500 persoas: 750.000 euros de capital mínimo asegurado.

5º. Con capacidade entre 501 e 1.000 persoas: 900.000 euros de capital mínimo asegurado.

6º. Con capacidade entre 1.001 e 1.500 persoas: 1.200.000 euros de capital mínimo asegurado.

7º. Con capacidade entre 1.501 e 2.500 persoas: 1.600.000 euros de capital mínimo asegurado.

8º. Con capacidade entre 2.501 e 5.000 persoas: 2.000.000 euros de capital mínimo asegurado.

2. Cando a capacidade ou a previsión de asistencia supere os límites establecidos no número 1 deste artigo, a cantidade mínima de capital asegurado incrementarase en 60.000 euros por cada 1.000 persoas ou fracción de capacidade ou previsión de asistencia superior a 5.000 persoas, ata chegar a 6.000.000 de euros.

3. A previsión de asistencia será calculada polo órgano competente para outorgar a autorización ou licenza ou recibir a declaración responsable relativa ao espectáculo público ou á actividade recreativa, con carácter previo ao outorgamento da autorización ou licenza ou, de ser o caso, no momento da comprobación da declaración responsable.

Para o cálculo da previsión de asistencia terase en conta o número de asistentes ao espectáculo público ou á actividade recreativa en ocasións anteriores, o número de participantes no dito espectáculo ou actividade e os datos ou previsión de asistencia que para o efecto poida achegar a persoa organizadora. No caso de que exista venda de entradas ou reserva de prazas, terase en conta o número de entradas que se puxeron á venda ou se ofertaron para reserva para realizar o seu cálculo.

4. Para os efectos deste decreto considerarase como espazo delimitado o lugar de titularidade pública ou de propiedade privada onde ocasionalmente se levan a cabo espectáculos públicos ou actividades recreativas que non dispoñan de infraestruturas nin instalacións fixas para facelo e que se atopen debidamente acoutados con entradas e saídas perfectamente sinalizadas e superficie diferenciada.

5. No caso de instalacións ou estruturas portátiles ou desmontables que se utilicen con ocasión de feiras ou atraccións en espazos abertos ao público, o capital mínimo asegurado será de 150.000 euros por cada instalación ou estrutura. A persoa titular da actividade, da instalación ou da estrutura está obrigada a contratar a póliza de seguro de responsabilidade civil.

6. Se as instalacións ou estruturas a que fai referencia o número 5 deste artigo se utilizan conxuntamente nun espazo delimitado e son obxecto dunha única solicitude de autorización, ou licenza, ou dunha única declaración responsable, débese subscribir unha única póliza de seguro de responsabilidade civil conxunta para todas as estruturas ou instalacións, cuxo capital mínimo asegurado será o establecido no artigo 8.1.c).

Artigo 9. Coeficientes correctores

Cando as características ou circunstancias específicas dun establecemento aberto ao público ou dun espectáculo ou actividade recreativa non comporten un risco especial para as persoas ou os bens, o órgano competente para outorgar a licenza ou a autorización, ou aquel ante o que se presenta a declaración responsable, mediante un informe motivado, pode determinar a aplicación dun coeficiente redutor ás contías mínimas do artigo anterior ata un máximo dun 30 %.

Artigo 10. Acreditación do seguro de responsabilidade civil

1. A contratación do seguro de responsabilidade civil acreditarase mediante a exhibición dun exemplar da póliza, en que figuren as cláusulas xerais e particulares que reflicten a cobertura e o capital asegurado, xunto co recibo de pagamento das primas correspondentes ao período do seguro en curso ou de copia deles.

2. Sen prexuízo do disposto no número 1, a contratación do seguro de responsabilidade civil tamén poderá acreditarse mediante unha certificación da compañía aseguradora ou do axente de seguros, que deberá ter o contido mínimo seguinte:

a) A identificación da compañía aseguradora ou do axente de seguros e da persoa que actúe na súa representación.

b) O número da póliza de seguro.

c) A mención expresa á cobertura de responsabilidade civil e á vixencia temporal do seguro.

d) A identificación do espectáculo público ou da actividade recreativa e do establecemento ou espazo aberto ao público onde se celebren.

e) O municipio onde se localice o establecemento ou espazo aberto ao público onde se vaia celebrar o espectáculo público ou a actividade recreativa.

f) A data e a hora da celebración do espectáculo público ou da actividade recreativa.

g) A mención expresa ao aseguramento do establecemento ou espazo aberto ao público ou do espectáculo público ou actividade recreativa.

h) A contía do capital asegurado e da franquía, de ser o caso.

i) A data e a sinatura da persoa que expida o certificado.

Artigo 11. Festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas

1. As agrupacións ou asociacións de veciños/as ou as comisións de festas que organicen festas e verbenas populares deberán dispoñer dun seguro de responsabilidade civil cunha contía mínima de capital asegurado de 200.000 euros, sen prexuízo do que, de ser o caso, dispoña a normativa específica de aplicación.

2. Sen prexuízo do disposto no número 1, o resto de persoas titulares das actividades na festa ou verbena popular, como as orquestras ou as persoas titulares de instalacións portátiles ou desmontables, entre outros, deberán contratar as súas pólizas de seguro de responsabilidade civil específicas para o desenvolvemento das súas actividades respectivas, nos termos previstos no artigo 8.

Sección 5ª. Asistencia sanitaria e dispositivos de vixilancia

Artigo 12. Asistencia sanitaria

1. Os establecementos abertos ao público cunha capacidade inferior a 500 persoas e os espazos abertos ao público cunha capacidade inferior a 1.000 persoas, en que se celebren espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación deste decreto, deberán dispoñer dunha caixa de primeiros auxilios, debidamente sinalizada e coa dotación axeitada para atender os sinistros que poidan producirse.

A caixa de primeiros auxilios estará dotada, como mínimo, do material seguinte: desinfectantes e antisépticos autorizados, gasas estériles, algodón hidrófilo, vendas, esparadrapo, apósitos adhesivos, tesoiras, pinzas e luvas dun só uso. Este material revisarase periodicamente e, en todo caso, antes do comezo de cada espectáculo público, e repoñerase o material que falte ou estea caducado.

2. Os establecementos abertos ao público cunha capacidade entre 500 e 1.000 persoas e os espazos abertos ao público cunha capacidade entre 1.000 e 5.000 persoas en que se celebren espectáculos públicos e actividades recreativas incluídos no ámbito de aplicación deste decreto, deberán cumprir os requisitos previstos no número 1 e, ademais, disporán dun lugar debidamente sinalizado para prestar os primeiros auxilios e calquera outra posible atención sanitaria. Así mesmo, deberán contar cunha persoa con coñecementos acreditados en asistencia sanitaria inmediata, que deberá estar preparada para a súa intervención durante a duración da totalidade do espectáculo público ou a actividade recreativa.

3. O disposto neste artigo entenderase sen prexuízo do establecido na normativa vixente en materia de autoprotección.

Artigo 13. Dispositivos de vixilancia

1. Os espectáculos públicos e as actividades recreativas que se realicen tanto en establecementos abertos ao público como en espazos abertos ao público deberán dotarse de persoal suficiente ou sistemas tecnolóxicos adecuados para a identificación das emerxencias e garantir o aviso aos servizos públicos de intervención, así como contar cun plan de emerxencia nos supostos en que a normativa de aplicación así o exixa.

2. Os espectáculos públicos e as actividades recreativas con previsión de asistencia superior a 2.000 persoas deberán dispoñer do persoal necesario para a prevención e identificación das emerxencias por aglomeracións e para garantir unha evacuación ordenada ou un confinamento, se for necesario.

3. Cando o espectáculo público ou a actividade recreativa teña unha previsión de asistencia de público superior a 5.000 persoas, será condición indispensable para a súa celebración que no establecemento ou espazo aberto ao público en que se celebre se constitúa un posto de mando avanzado que garanta o mando único e a coordinación dos servizos públicos e privados de intervención, seguridade e sanitarios, e estea en permanente contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, CIAE-112, no caso dunha emerxencia. Así mesmo, a persoa organizadora do espectáculo público ou da actividade recreativa deberá comunicar a Axencia Galega de Emerxencias a súa realización cunha antelación mínima dun mes.

4. Cando o espectáculo público ou a actividade recreativa que se desenvolva en espazos abertos ao público conte cunha previsión de asistencia de entre 2.000 e 5.000 persoas, a persoa organizadora deberá analizar as posibles situacións de emerxencia e adoptar as medidas necesarias en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación do persoal e das persoas asistentes, designando para iso o persoal encargado de poñer en práctica estas medidas e comprobando o seu correcto funcionamento. A persoa encargada destas medidas deberá estar, en todo momento, presente durante a celebración do espectáculo público ou actividade recreativa, coordinando e supervisando calquera situación deste tipo que poida producirse.

5. En todo caso, en espectáculos públicos ou actividades recreativas nas cales os asistentes estean sentados exixirase, como mínimo, un vixilante de seguridade por cada 1.000 asistentes. Nos espectáculos públicos ou actividades recreativas en que os asistentes estean de pé, exixirase, como mínimo, un vixilante de seguridade por cada 1.000 asistentes, e aumentarase a ratio, como mínimo, a 2 vixilantes por cada 1.000 asistentes, a partir dos 2.000 primeiros.

Esta disposición non será de aplicación ás festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas.

6. Nos espectáculos públicos e actividades recreativas en espazos abertos ao público establecerase a seguinte porcentaxe mínima de vías de circulación para o acceso dos espectadores:

a) Con capacidade igual ou inferior a 500 persoas: 1 vía de circulación.

b) Con capacidade entre 501 e 1.000 persoas: 2 vías de circulación.

c) Con capacidades superiores a 1.000 persoas: 4 vías de circulación.

Esta disposición non será de aplicación ás festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas.

Artigo 14. Aseos

1. Os espectáculos públicos e as actividades recreativas en espazos abertos ao público con capacidade igual ou inferior a 500 persoas e de máis de 90 minutos de duración deberán dispoñer de 3 aseos e un deles accesible.

2. Os espectáculos públicos e as actividades recreativas en espazos abertos ao público con capacidade entre 501 e 1.000 persoas e máis de 90 minutos de duración deberán dispoñer de 4 aseos e un deles accesible.

3. Os espectáculos públicos e as actividades recreativas en espazos abertos ao público con capacidade superior a 1.001 persoas e duración superior a 90 minutos, deberán dispoñer dun aseo adicional por cada franxa de 500 persoas.

4. Os aseos para homes e para mulleres deberán ter unhas dimensións e estar distribuídos nunha proporción tal que o tempo de espera sexa similar, evitando os tempos de espera substancialmente superiores e as acumulacións de persoas nos aseos para mulleres. Deberán instalarse cambiadores para bebés nos aseos para homes e nos aseos para mulleres.

5. O disposto neste artigo non será de aplicación ás festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas.

TÍTULO II

Aspectos xerais da organización e do desenvolvemento dos espectáculos
públicos e das actividades recreativas

CAPÍTULO I

Condicións de admisión e permanencia

Artigo 15. Exercicio do dereito de admisión

1. O dereito de admisión exercerase de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 10/2017, do 27 de decembro.

2. As persoas titulares dos establecementos abertos ao público e as persoas organizadoras dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que establezan condicións especiais de admisión deberán dispoñer de follas de reclamación para que as persoas usuarias poidan formalizar as queixas que, de ser o caso, se produzan no exercicio do dereito de admisión.

3. No suposto de que a persoa usuaria considere que a queixa non foi atendida de xeito satisfactorio, poderá remitirlle a folla de reclamación ao órgano administrativo municipal ou autonómico competente para recibir a declaración responsable ou outorgar a autorización autonómica ou licenza municipal correspondente, por se os feitos reflectidos nela puideran ser constitutivos da infracción tipificada no artigo 33.b) da Lei 10/2017, do 27 de decembro.

Artigo 16. Comunicación das condicións especiais de admisión

1. A persoa titular do establecemento aberto ao público ou a persoa organizadora do espectáculo público e da actividade recreativa que pretenda establecer condicións especiais de admisión poderá comunicar as ditas condicións de admisión ao órgano competente para coñecer da declaración responsable ou da autorización autonómica ou licenza municipal correspondente. A dita comunicación non supón ningún tipo de autorización nin condiciona o exercicio da actividade e realízase para os únicos efectos de facilitar as tarefas de comprobación e inspección por parte do órgano competente.

2. Neste caso, a persoa interesada deberá achegar, xunto coa solicitude, unha copia do cartel en que consten as condicións especiais de admisión que pretenda establecer. No dito cartel deberán figurar os datos seguintes:

a) O nome do establecemento aberto ao público e a actividade que se pode desenvolver nel, consonte a súa habilitación municipal ou, de ser o caso, o nome do espectáculo público ou da actividade recreativa.

b) O enderezo do establecemento aberto ao público ou, de ser o caso, o lugar de celebración do espectáculo público ou da actividade recreativa.

c) O nome ou razón social da persoa titular do establecemento aberto ao público ou da persoa organizadora do espectáculo público ou da actividade recreativa.

d) A referencia expresa ás condicións de entrada no establecemento aberto ao público ou no espectáculo público ou na actividade recreativa. En todo caso, deberase facer constar a expresión “Reservado o dereito de admisión”.

3. En todo caso, o exercicio do dereito de admisión deberá respectar o disposto no artigo 13.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, e non pode supoñer, en ningún caso, discriminación por razón de raza, identidade de xénero, orientación sexual, relixión, opinión, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin atentado aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas das persoas usuarias dos establecementos ou espazos abertos ao público, tanto no relativo ás condicións de acceso e permanencia como ao uso dos servizos que se prestan neles. No suposto de que o texto comunicado non respecte os requisitos e límites establecidos para o exercicio do dereito de admisión no artigo 13.2 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, o órgano competente, no prazo de 15 días desde a presentación da solicitude, requirirá a persoa interesada para que emende os defectos observados. A persoa interesada disporá de 10 días hábiles para presentar ante o órgano competente o novo texto íntegro do cartel coas modificacións ou correccións introducidas.

Artigo 17. Modificación das condicións especiais de admisión

Calquera modificación das condicións especiais de admisión poderá comunicarse, con carácter previo, ao órgano competente para os efectos de facilitar as tarefas de comprobación e inspección consonte o procedemento establecido no artigo anterior.

Artigo 18. Ineficacia das condicións especiais de admisión

As condicións especiais de admisión que incumpran o disposto no artigo 13.2 da Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia non producirán efecto ningún.

CAPÍTULO II

Entradas

Artigo 19. Definicións

O acceso aos espectáculos públicos e actividades recreativas celebrados en establecementos ou espazos abertos ao público poderá quedar condicionado á posesión dunha entrada ou abono. Entenderase por:

a) Entrada: o billete expedido pola persoa organizadora que outorga o dereito a contemplar un espectáculo público, a acceder a un establecemento aberto ao público ou a participar nunha actividade recreativa, consonte o disposto na dita entrada, e que se esgota unha vez finalizado o espectáculo ou actividade ou polo tempo de celebración especificado na entrada.

b) Abono: o tipo de entrada expedido pola persoa organizadora que outorga a unha persoa con carácter nominativo o dereito a acceder ao establecemento ou espazo aberto ao público onde se celebren os espectáculos públicos ou actividades recreativas durante un período determinado.

Artigo 20. Dereitos e obrigas das persoas posuidoras de entradas ou abonos

As persoas posuidoras dunha entrada ou abono, nos termos expresados no artigo anterior, terán os dereitos e as obrigas que lles correspondan como público, de conformidade co disposto no artigo 21 da Lei 10/2017, do 27 de decembro.

Artigo 21. Prezo das entradas e abonos

1. A persoa organizadora poderá determinar libremente o prezo da entrada ou abono sen que, en ningún caso, poida establecer prezos diferentes por razón da orixe ou lugar de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión, discapacidade, orientación sexual, identidade de xénero ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social das persoas usuarias.

Porén, poderanse aplicar medidas de acción positiva en relación coas persoas con discapacidade para asegurar que poidan acceder, participar e desfrutar dos espectáculos públicos ou actividades recreativas en igualdade de condicións que as demais persoas. Tamén se poderán establecer descontos para colectivos determinados de persoas como poden ser as familias de especial consideración previstas no artigo 9 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

2. Nos casos en que a persoa organizadora determine a gratuidade da entrada ou abono en atención á idade do seu posuidor, deberá expedirse igualmente a correspondente entrada ou abono. Todos os asistentes ao espectáculo público ou actividade recreativa serán contabilizados para efectos do cálculo da capacidade máxima do establecemento ou espazo aberto ao público en que se celebren.

3. O prezo de venda das entradas e abonos non poderá ser superior ao anunciado na publicidade do espectáculo público ou actividade recreativa, sen prexuízo do disposto para a venda comisionada con recarga.

Artigo 22. Venda de entradas e abonos

1. A venda de entradas e abonos para espectáculos públicos ou actividades recreativas unicamente poderá realizarse cando se presentase a correspondente declaración responsable ou solicitase a licenza ou autorización autonómica necesaria, segundo o caso.

2. Se o espectáculo ou a actividade non se autoriza, no suposto de estar sometido ao réxime de licenza, ou se prohibe por non cumprir os requisitos do réxime de declaración responsable, devolverase o importe das entradas e abonos consonte o previsto neste regulamento.

3. As invitacións para un espectáculo público ou actividade recreativa non poderán ser, en ningún caso, obxecto de venda, nin realizarse atendendo a criterios discriminatorios de orixe ou lugar de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión, discapacidade, orientación sexual, identidade de xénero ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social das persoas usuarias. Porén, poderanse aplicar medidas de acción positiva en relación coas persoas con discapacidade para asegurar que poidan acceder, participar e desfrutar dos espectáculos ou actividades en igualdade de condicións que as demais persoas.

4. O número de entradas e abonos non poderá superar, en ningún caso, a capacidade máxima do establecemento ou espazo aberto ao público onde se celebre o espectáculo público ou a actividade recreativa.

Artigo 23. Canles de venda de entradas e abonos

1. A persoa organizadora debe identificar na publicidade as canles e os puntos de venda presenciais, telefónicos ou telemáticos que se utilicen para a venda de entradas e abonos directamente ao público, sexa pola propia persoa organizadora ou a través de empresas dedicadas á venda de entradas.

2. As canles de venda deben ser totalmente accesibles. As prazas reservadas para persoas con discapacidade tamén poderán adquirirse pola internet sempre que se acredite tal condición no proceso de venda.

Artigo 24. Puntos de venda de entradas e abonos

1. As entradas e abonos poderanse expedir no mesmo establecemento aberto ao público onde teña lugar o espectáculo público ou a actividade recreativa ou noutros diferentes pertencentes á mesma persoa organizadora ou a distinta empresa. No suposto de que a venda se efectúe no mesmo establecemento, o despacho das entradas e abonos deberá estar aberto polo tempo necesario e coa suficiente antelación ao comezo do espectáculo ou da actividade.

2. A persoa organizadora habilitará os puntos de venda que resulten necesarios en relación co número de localidades para o seu rápido despacho ao público e evitar aglomeracións.

3. Os devanditos puntos de venda deberán estar abertos ao público polo tempo necesario e coa suficiente antelación ao comezo do espectáculo público ou da actividade recreativa coa finalidade de que todas as persoas espectadoras ou participantes poidan desfrutar da integridade do espectáculo ou da actividade.

Artigo 25. Venda telemática

1. A venda telemática de entradas e abonos deberá cumprir a normativa reguladora do comercio electrónico. En todo caso, a venda por este medio deberá efectuarse de xeito que se garanta a confidencialidade dos datos persoais e bancarios da persoa usuaria.

2. Non se admitirá a compra de entradas e abonos mediante o uso de programas informáticos cando o proceso de compra poida efectuarse usando unha rede ou servizo de comunicación electrónica e a oferta estea suxeita a condicións que limiten o número de entradas e abonos que poidan ser adquiridos por unha soa persoa compradora, coa finalidade de manter a integridade da venda directa ao público.

3. A venda telemática de entradas e abonos por empresa diferente da persoa organizadora e cunha recarga sobre o prezo da entrada terá o carácter de venda comisionada. Na páxina web ou plataforma deberá figurar, en lugar visible e destacado, que se trata de vendas comisionadas, e indicarase tamén o importe da recarga aplicada. En todo caso, estas comisións serán proporcionadas e non abusivas.

Artigo 26. Venda comisionada

1. Entenderase por venda comisionada a venda de entradas e abonos realizada mediante empresas dedicadas a esta actividade e contratadas pola persoa organizadora do espectáculo público ou actividade recreativa, cuxo prezo inclúa unha recarga para a persoa usuaria en concepto de comisións ou gastos de xestión e distribución.

2. En todos os supostos de venda comisionada, tanto presencial como telemática, deberá existir un acordo entre a persoa organizadora do espectáculo público ou actividade recreativa de que se trate e a empresa comisionista, que terá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Os espectáculos públicos ou actividades recreativas para as cales se establece ou, de ser o caso, o tempo durante o cal a empresa comisionista venderá as entradas e abonos dos ditos espectáculos ou actividades.

b) O número de entradas e abonos que se van vender ou a porcentaxe de entradas e abonos que se venderán por esta vía no caso de que o acordo sexa para máis dun evento.

c) A porcentaxe de recarga sobre o prezo oficial, que non poderá exceder o 20 %.

d) O réxime de cancelación e reembolsos acordado polas partes.

3. Nas entradas ou abonos que se adquiran por venda comisionada deberá facerse constar esta circunstancia mediante un selo coa expresión «Venda comisionada» e, así mesmo, deberá figurar o seu prezo inicial e final.

Artigo 27. Venda prohibida

1. Queda prohibida a revenda, así como a venda encuberta de entradas ou abonos.

2. Considérase venda encuberta de entradas ou abonos aquela en que a persoa ou empresa vendedora a oculta baixo unha aparente oferta como venda principal de artigos ou obxectos referidos ou non ao espectáculo público ou actividade recreativa, achegando as entradas como algo accesorio ou gratuíto.

Artigo 28. Rexistro de abonos

1. Coa finalidade de garantir unha maior protección ás persoas consumidoras e sen prexuízo do disposto na normativa de protección de datos, a persoa organizadora deberá levar un rexistro dos abonos vendidos para cada espectáculos público ou actividade recreativa, no cal se identifique, de ser o caso, a localidade a que teña dereito a persoa abonada con expresión do seu número de fila e asento, así como o nome, apelidos ou denominación social, o número de identificación fiscal e domicilio da persoa titular do abono.

2. Este rexistro estará á disposición do persoal que exerza funcións de inspección.

Artigo 29. Cancelacións e reembolsos

1. A persoa usuaria terá dereito á devolución do prezo da entrada e abono, logo da reclamación e de acordo coas condicións de venda, nos supostos seguintes:

a) Cando, antes do seu comezo, se produza a cancelación, suspensión ou cambio das datas do espectáculo público ou da actividade recreativa.

b) Cando non poida entrar e desfrutar do espectáculo público ou da actividade recreativa, ou cando non poida facelo en condicións de accesibilidade, igualdade e inclusión, por causas imputables á persoa organizadora, sexa por unha organización defectuosa do espectáculo ou da actividade ou por falta de previsión acreditada no acceso ordenado ao establecemento ou espazo aberto ao público.

c) No caso de modificación do espectáculo público ou actividade recreativa, sempre e cando esta afecte a identidade dos artistas, intérpretes ou executantes principais, ou a natureza ou características principais do espectáculo ou actividade programada, agás que xa tiver comezado ou que a variación sexa por causa de forza maior.

2. Se o espectáculo público ou a actividade recreativa se suspende de xeito sobrevido, unha vez iniciado, a persoa usuaria terá dereito á devolución do importe da súa entrada e abono, sempre que a suspensión non sexa por causa de forza maior ou non teña transcorrido un terzo do tempo previsto do espectáculo ou da actividade programados.

No suposto de que estivese previsto continuar o espectáculo público ou a actividade recreativa suspendidos, na mesma data da inicialmente prevista, a persoa usuaria non terá dereito á devolución, sendo válida a entrada e abono adquirida ou, de ser o caso, aquela que a substitúa.

CAPÍTULO III

Información

Artigo 30. Carteis informativos nos establecementos abertos ao público

1. No acceso aos establecementos abertos ao público comprendidos no ámbito de aplicación deste decreto, nun lugar visible ao público e perfectamente lexible, deberá expoñerse en cada un dos dous idiomas oficiais de Galicia un cartel informativo co contido establecido no número 2 e que deberá axustarse á estrutura e dimensións establecidas no anexo.

No caso de que os establecementos que se atopen dentro dun establecemento comercial de carácter colectivo regulado pola Lei 10/2013, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, o cartel informativo deberá colocarse no acceso a cada un dos establecementos abertos ao público que integren o dito establecemento comercial de carácter colectivo.

2. O cartel informativo terá o contido seguinte:

a) O nome do establecemento.

b) O espectáculo público ou a actividade recreativa que se celebre no dito establecemento, clasificados de conformidade co disposto no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado mediante o Decreto 124/2019, do 5 de setembro.

c) O horario de apertura e peche do establecemento.

d) A capacidade máxima autorizada.

e) As limitacións de entrada a persoas menores de idade, de conformidade coa lexislación vixente.

f) As condicións especiais de admisión no caso de existiren.

g) O número de decibelios permitido.

3. Con independencia da obrigatoriedade do cartel informativo a que fai referencia este artigo, nos establecementos abertos ao público deberá constar, en lugar visible ao público e perfectamente lexible e nos dous idiomas de Galicia, a información que consta no artigo 19 da Lei 10/2017, do 27 de decembro.

TÍTULO III

Rexistro de empresas e establecementos

Artigo 31. Finalidade do rexistro

1. Consonte o disposto no artigo 11 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, créase o Rexistro Público de Empresas e Establecementos dedicados á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aquelas instalacións de titularidade pública que sexan susceptibles de seren utilizadas para o desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

2. Para os efectos do Rexistro de Empresas e Establecementos, terán a consideración de empresa as persoas e entidades dedicadas á realización de espectáculos públicos e actividades recreativas.

3. A finalidade do Rexistro será meramente informativa e declarativa polo que, en ningún caso, será necesaria a resposta, a confirmación ou a inscrición efectiva neste rexistro para poder exercer a actividade, de conformidade co disposto no artigo 11.3 da Lei 10/2017, do 27 de decembro.

4. O Rexistro será xestionado pola consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Artigo 32. Inscrición no Rexistro

Serán obxecto de inscrición:

a) As empresas dedicadas ao desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

b) Os establecementos dedicados ao desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

c) As instalacións de titularidade pública que sexan susceptibles de ser utilizadas para o desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

Artigo 33. Estrutura do Rexistro

O Rexistro estrutúrase nas seguintes seccións:

Sección I. Empresas dedicadas ao desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

Sección II. Establecementos dedicados ao desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

Sección III. Instalacións de titularidade pública que sexan susceptibles de seren utilizadas para o desenvolvemento de espectáculos públicos e/ou actividades recreativas.

Artigo 34. Código de rexistro

O código de rexistro será outorgado pola Comunidade Autónoma de Galicia a cada empresa, establecemento ou instalación pública e a súa estrutura será XXXX-ZZZ-YYY, onde:

a) XXXX é o número consecutivo outorgado.

b) ZZZ son as siglas que identifican a Comunidade Autónoma (GAL).

c) YYY son as siglas que identifican a sección en que se inscribe.

Artigo 35. Datos que se inscribirán

1. Na sección I constarán os seguintes datos:

a) Nome ou razón social da persoa ou entidade que teña a consideración de empresa.

b) NIF.

c) Domicilio social.

d) Persoa representante (nome, apelidos e sexo).

e) A/as epígrafe/s da actividade económica que desenvolve.

2. Na sección II constarán os seguintes datos:

a) Nome do establecemento.

b) Identificación da persoa titular do establecemento (nome, apelidos e sexo).

c) Enderezo do establecemento.

d) Actividade que desenvolve.

3. Na sección III constarán os seguintes datos:

a) Nome da instalación.

b) Administración ou organismo titular.

c) Enderezo da instalación.

d) Espectáculo público ou actividade recreativa que podería desenvolver.

Artigo 36. Solicitudes e comunicacións

A inscrición nas distintas seccións do Rexistro faraa o órgano autonómico de dirección competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, logo da remisión, por parte dos concellos correspondentes de copia da licenza, declaración responsable ou comunicación previa que habilite o establecemento ou a empresa para o exercicio da actividade.

Artigo 37. Modificación e cancelación da inscrición

Calquera modificación dos datos da inscrición será feita polo propio órgano autonómico de dirección competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, logo da recepción da documentación acreditativa dos cambios comunicados polo concello correspondente ou do cesamento da actividade debidamente comunicado polo concello correspondente.

Artigo 38. Carácter do rexistro e acceso á información

1. O rexistro queda adscrito ao órgano autonómico de dirección competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. De conformidade co disposto no artigo 11.4 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, o rexistro será público e as consultas del serán gratuítas, sen prexuízo da aplicación da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e das previsións legais en materia de taxas e prezos públicos noutros trámites distintos da mera consulta.

Disposición adicional primeira. Réxime de comunicación dos concellos dos datos que se inscribirán no Rexistro

A efectos da inscrición no Rexistro de Empresas e Establecementos, no prazo máximo de dous meses contados desde a entrada en vigor deste decreto, os concellos deberán remitir ao órgano autonómico de dirección competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas unha lista dos establecementos existentes no seu municipio e de empresas dedicadas a espectáculos públicos e actividades recreativas cos datos que se especifican neste decreto.

A partir desa primeira remisión, os concellos unicamente deberán remitir copia das licenzas concedidas ou declaracións responsables presentadas para cada novo establecemento ou espectáculo público ou actividade recreativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas para ditar as disposicións necesarias en desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Dimensións e estrutura dos carteis informativos
dos establecementos abertos ao público

Os carteis informativos regulados no artigo 30 terán unha dimensión de 297 × 420 mm e axustaranse á seguinte estrutura:

Na parte superior esquerda figurará o logotipo, símbolo ou escudo e o nome do concello

A parte central constará de tres corpos:

a) No primeiro corpo constará á esquerda o nome do establecemento. Á dereita constará o tipo de actividade segundo a clasificación do Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público, así como a capacidade máxima.

b) Debaixo do anterior, figurará o segundo corpo en cuxa parte esquerda constará o horario xeral de apertura e peche.

c) No terceiro corpo conterase a prohibición de entrada a persoas menores de idade cando así sexa exixible, así como as condicións especiais de admisión, establecidas pola normativa ou pola persoa titular do establecemento. Neste corpo debe constar tamén o número de decibelios permitido.