Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 19 de xaneiro de 2023 Páx. 7084

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 227/2022, do 22 de decembro, polo que se crea o Consello Galego da Arquitectura Técnica e se aproban os seus estatutos.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 23 que os colexios profesionais dunha mesma profesión, con ámbito territorial circunscrito á Comunidade Autónoma de Galicia, poderán constituír o correspondente consello galego de colexios, e a súa creación realizarase mediante decreto, que deberá, así mesmo, aprobar os correspondentes estatutos. O artigo 28 da mesma norma establece que a aprobación dos estatutos se efectuará logo de verificación da súa legalidade pola consellería competente en materia de colexios profesionais, e publicarase no Diario Oficial de Galicia o referido decreto aprobatorio e os ditos estatutos.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación do Consello Galego da Arquitectura Técnica

Créase o Consello Galego da Arquitectura Técnica co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Aprobación dos estatutos do Consello Galego da Arquitectura Técnica

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito consello, que figuran como anexo a este decreto.

Artigo 3. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Consello Galego da Arquitectura Técnica

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Constitución

O Consello Galego da Arquitectura Técnica (en diante, Consello Galego) constitúese como unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Normativa de aplicación

Este Consello Galego réxese pola Lei de colexios profesionais, a lexislación propia da Comunidade Autónoma de Galicia en canto lle sexa aplicable, polos estatutos xerais do Consello Xeral e polos seus propios estatutos.

Artigo 3. Personalidade xurídica propia

O Consello Galego está formado polos colexios oficiais da arquitectura técnica da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Tanto o Consello Galego como os colexios que o integran son corporacións de dereito público recoñecidas e amparadas pola Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei de colexios profesionais e o resto do ordenamento de aplicación.

No seu respectivo ámbito de actuación, este Consello Galego é autónomo e ten, separada e individualmente, personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumprir os seus fins, e poderá, a título oneroso ou lucrativo, transferir, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos e, en xeral, ser titular de todo tipo de dereitos, promover ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións nacionais ou internacionais, incluída a constitucional.

Artigo 4. Fins e funcións

4.1. Dentro do seu ámbito territorial de actuación, o Consello Galego é o organismo representativo e coordinador dos colexios que o integran e da profesión, e correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar os seus propios estatutos e emitir informe sobre os colexios da profesión ou actividade de ámbito territorial inferior.

b) Coordinar a actuación dos colexios que o integren.

c) Representar a profesión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e perante os correspondentes consellos xerais, cando así se permita nas súas normas reguladoras.

d) Resolver recursos de alzada dos colexios profesionais integrantes.

e) Resolver os conflitos que poidan presentarse entre os distintos colexios, sen prexuízo do ulterior recurso contencioso-administrativo.

f) Exercer as funcións deontolóxico-disciplinarias respecto aos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integren e os do propio Consello.

g) Elaborar as normas deontolóxicas comúns á profesión.

h) Elaborar o orzamento e fixar a participación dos colexios nos gastos do Consello.

i) Emitir informe dos proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais que agrupen ou se refiran aos fins ou funcións a eles encomendados.

j) Exercer aquelas funcións que lles poidan ser delegadas ou encomendadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e as que poidan ser obxecto dos correspondentes convenios de colaboración.

k) Realizar aquelas actividades que se consideren de interese para os profesionais e as demais funcións que lles atribúan a lexislación vixente e os seus estatutos.

4.2. Correspóndenlle a este Consello Galego os seguintes fins:

a) A coordinación dos colexios profesionais que o integren e a representación da profesión no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As relacións con outras institucións e a Administración autonómica, en especial co Goberno galego, co fin de facilitar a mutua colaboración para a mellor satisfacción dos intereses sociais e profesionais cuxa defensa teñen encomendada.

c) Sinatura de convenios coas administracións públicas, outros colectivos ou empresas que poidan ser de interese.

d) Todos aqueles que, de acordo coa lei, os seus estatutos xerais e regulamentos, se establezan.

CAPÍTULO II

Órganos de dirección e goberno do Consello Galego

Artigo 5. Órganos

A Xunta de Goberno do Consello Galego estará constituída por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha tesourería-contadoría e por unha vogalía. Ademais, a Xunta de Goberno do Consello Galego estará asistida por unha secretaría, coas facultades e competencias que se determinan no artigo 10 destes estatutos.

Todos os cargos serán desempeñados de forma rotatoria polos membros da Xunta de Goberno deste Consello Galego, a excepción da secretaría, que non será un cargo en que exista rotación.

Artigo 6. Xunta de Goberno

6.1. A Xunta de Goberno é o órgano de goberno, xestión, representación e administración do Consello Galego. Estará composta polos/as presidentes/as de cada un dos colexios integrantes.

6.2. Compételle á Xunta de Goberno exercer os fins, funcións e competencias atribuídos ao Consello Galego referidos no artigo 4 destes estatutos.

6.3. Para a válida constitución da Xunta de Goberno será necesaria a asistencia mínima de tres presidentes/as.

6.4. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes. No caso de empate, decidirá o voto de calidade da persoa que exerza a presidencia do Consello Galego no momento da votación.

6.5. Admítese que a presidencia de cada colexio poida delegar a súa asistencia e voto nun membro da Xunta de Goberno do seu propio colexio.

6.6. Non se admitirán delegacións colexiais, é dicir, que un colexio delegue pola súa vez noutro colexio.

Artigo 7. Presidencia

7.1. Quen exerza a presidencia do Consello Galego terá a representación do Consello Galego perante toda clase de autoridades, organismos públicos e privados, tribunais e perante o Consello Xeral.

7.2. Incumben á persoa que exerza a presidencia do Consello Galego as seguintes competencias:

7.2.1. Exercer a representación da profesión perante calquera persoa, tribunal ou entidade, pública ou privada, do seu territorio, sen menoscabo das funcións atribuídas aos colexios da súa demarcación.

7.2.2. Exercer a representación dos colexios integrados perante o Consello Xeral e perante os demais consellos de ámbito autonómico e colexios integrados en autonomías uniprovinciais.

7.3. Ademais, exercerá as funcións e labores que lle atribúa a Xunta de Goberno, cuxas reunións presidirá.

7.4. Actuará igualmente ordenando os pagamentos que se realicen con cargo aos fondos do Consello Galego e deberá asinar conxuntamente con algunha das persoas que recolle o artigo 15.4.

7.5. A presidencia do Consello Galego será desempeñada de forma rotatoria polas persoas que formen parte da Xunta de Goberno do Consello Galego conforme a orde alfabética do nome dos colexios. O cargo terá unha duración anual, coincidindo cos cambios dos períodos electorais colexiais.

7.6. Habilítase a presidencia para que poida delegar tanto a representación como a sinatura electrónica para os efectos de recibir notificacións, presentar todo tipo de instancias, recursos, así como calquera outra función que se estableza expresamente no acordo de delegación, na persoa que exerza o cargo de secretaría, ou de calquera outro/a integrante do Consello Galego.

Artigo 8. Vicepresidencia

8.1. A persoa que exerza o cargo da vicepresidencia substituirá a quen exerza o cargo da presidencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade durante o período que dure esta situación; desempeñará tamén as funcións e delegacións que a presidencia lle asigne.

8.2. O cargo de vicepresidencia será desempeñado de forma rotatoria polos membros da Xunta de Goberno do Consello Galego. O cargo terá unha duración anual. A vicepresidencia será asumida pola persoa que desempeñe a función de tesouraría-contadoría nos 12 meses anteriores.

Artigo 9. Tesouraría-contadoría

9.1. Correspóndelle á persoa que exerza a tesouraría-contadoría ordenar a contabilidade do Consello Galego, efectuar cobranzas e pagamentos e coidar de que se tome nota nos libros oficiais das cobranzas e pagamentos efectuados, con expedición dos libramentos oportunos, que se someterán ao visto e prace da presidencia. Realizará, así mesmo, o estado de contas semestrais.

9.2. Tamén procederá a dispor dos fondos e ao pagamento de facturas do Consello mediante talóns ou transferencias coa súa sinatura, e deberá asinar conxuntamente con algunha das persoas que establecen, o artigo 15.4 destes estatutos.

9.3. O cargo de tesouraría-contadoría será desempeñado de forma rotatoria polos membros da Xunta de Goberno do Consello Galego. O cargo terá unha duración anual. A tesouraría-contadoría será exercida pola persoa que desempeñase a función de vogal nos 12 meses anteriores.

Artigo 10. Secretaría

10.1. A Xunta de Goberno do Consello Galego estará asistida por unha persoa que exercerá o cargo da secretaría, coas facultades e competencias que se determinan neste artigo.

10.2. Actuará como secretario/a con voz, pero sen voto.

10.3. Poderá desempeñar este cargo calquera colexiado/a pertencente aos colexios integrantes do Consello Galego designado pola Xunta de Goberno para o seu período de mandato que teña a condición de residente no colexio onde estea establecida a sede autonómica. Terá ao seu cargo a documentación do Consello Galego, redactará as actas das reunións, expedirá as certificacións co visto e prace da persoa que exerza o cargo da presidencia e dirixirá os servizos administrativos do Consello Galego.

10.4. Tamén procederá a dispoñer dos fondos e ao pagamento de facturas do Consello mediante talóns ou transferencias coa súa sinatura, e deberá asinar conxuntamente con algunha das persoas que establece o artigo 15.4 destes estatutos.

CAPÍTULO III

Reunións da Xunta de Goberno, réxime de adopción de acordos

Artigo 11. Reunións

11.1. A Xunta de Goberno, logo da convocatoria efectuada pola presidencia, reunirase con carácter ordinario como mínimo seis veces ao ano. A primeira reunión organizarase no primeiro cuadrimestre e nela será obrigatorio incluír o exame e aprobación, se procede, das contas do exercicio anterior, así como da memoria que se someta ao seu coñecemento, e na cal, con claridade e precisión, se exporá o labor realizado no ano precedente. Estes documentos, xunto coa orde de día, serán postos á disposición das persoas integrantes cunha antelación de cando menos dez días naturais á realización da xunta.

11.2. Organizarase outra reunión ordinaria durante o cuarto trimestre e nela presentaranse os orzamentos do exercicio seguinte, que deberán estar igualmente ao dispor dos integrantes nos dez días naturais anteriores á reunión.

11.3. Tamén se reunirán con carácter extraordinario cando así o pidan dous dos seus membros. Para tal efecto, deberán cursar unha solicitude formal perante a presidencia.

11.4. O desenvolvemento das reunións da Xunta de Goberno será recollido nun libro de actas, debidamente dilixenciado, con expresión dos acordos e das votacións resultantes, se se producen, asinado pola persoa que exerza o cargo da secretaría e co visto e prace da presidencia.

Artigo 12. Sede

A sede do Consello Galego fíxase na cidade de Santiago de Compostela, na Delegación de Santiago de Compostela do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña, que na actualidade se atopa na rúa Ramón Piñeiro, 23, baixo.

As reunións da Xunta de Goberno organizaranse na sede do Consello Galego, salvo circunstancias que aconsellen outra localización.

Artigo 13. Executividade de acordos

Os acordos da Xunta de Goberno considéranse para todos os efectos actos administrativos, polo que serán executivos desde a súa notificación aos/ás interesados/as, conforme o establecido na Lei de procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de impugnación de acordos

14.1. Os acordos adoptados pola Xunta de Goberno do Consello galego son susceptibles de impugnación por parte do colexio ou persoa interesada, mediante a interposición de recurso de reposición perante a propia Xunta de Goberno do Consello Galego ou mediante a interposición de recurso contencioso-administrativo, conforme o establecido na Lei procesual contencioso-administrativa.

14.2. Os prazos, tramitación e resolución do recurso axustaranse ao disposto na lexislación de procedemento administrativo común.

CAPÍTULO IV

Réxime económico do Consello Galego

Artigo 15. Recursos do Consello Galego

15.1. Son recursos ordinarios do Consello Galego:

a) Os produtos dos seus bens e dereitos.

b) As achegas ordinarias dos colexios integrados nel.

c) Os ingresos resultantes das súas publicacións, informes, ditames e calquera outro traballo ou actividade.

15.2. Son recursos extraordinarios:

a) As subvencións e/ou donativos que se lle concedan ao Consello Galego por parte do Estado, Comunidade Autónoma, Consello Xeral e demais entidades públicas ou privadas.

b) As achegas extraordinarias dos colexios integrados que acorde a Xunta de Goberno.

c) O produto do alleamento ou gravame do seu patrimonio, se o houber.

15.3. Tanto os recursos ordinarios como extraordinarios deberán aplicarse exclusivamente aos fins e funcións propias do Consello Galego.

A achega económica ordinaria dos colexios ao Consello Galego realizarase conforme se estableza anualmente en cada orzamento.

15.4. Para proceder a dispor dos fondos do Consello Galego será necesaria a sinatura de polo menos dous dos tres cargos que a continuación se mencionan: persoas que exerzan a presidencia, a contadoría-tesouraría ou a secretaría.

CAPÍTULO V

Comisións

Artigo 16. Creación de comisións

A Xunta de Goberno pode crear cantas comisións considere conveniente.

Artigo 17. Comisión Deontolóxica e de Recursos

17.1. Asumirá as seguintes competencias:

1. Resolución dos recursos de alzada interpostos fronte a resolucións dos colexios integrantes do Consello Galego.

2. Incoación, tramitación e resolución dos expedientes disciplinarios-deontolóxicos competencia do Consello Galego.

17.2. Trátase dunha comisión obrigatoria para o Consello Galego, para cuxa instauración deberá adoptar o oportuno acordo de creación.

17.3. Esta comisión estará conformada polas persoas que exerzan o cargo da secretaría en cada un dos colexios integrantes do Consello Galego, coa abstención da persoa que exerza a secretaría do colexio do cal proveña o expediente. O exercicio deste cargo é delegable excepcionalmente se concorre causa xustificada, para o cal deberá realizarse a correspondente delegación da función.

17.4. Esta comisión contará cunha persoa que exercerá o cargo da presidencia e outra que exercerá a secretaría da Comisión, que deberá ser nomeada entre os seus integrantes cunha duración anual e rotatoria.

17.5. Esta comisión adoptará os acordos por maioría simple de votos, e a persoa que exerza a presidencia terá voto de calidade para o caso de empate.

17.6. O Consello Galego poderá designar un/unha letrado/a para que desempeñe o asesoramento xurídico da Comisión.

Artigo 18. Outras comisións

O Consello Galego poderá crear ou eliminar todas e cantas comisións considere necesarias, para o cal realizará un acordo de creación en que se regulará o seu funcionamento e composición.

CAPÍTULO VI

Disolución e abandono

Artigo 19. Disolución

O Consello Galego poderá disolverse mediante acordo adoptado na Xunta de Goberno co voto favorable de polo menos tres cuartas partes dos seus compoñentes.

En tal suposto, a liquidación e a adxudicación de bens que constitúan o patrimonio do Consello Galego realizaranse proporcionalmente ás achegas económicas de cada colexio, conforme o establecido na lexislación de aplicación.