Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7620

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 12 de xaneiro de 2023 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos cos centros docentes privados para o curso académico 2023/24 e seguintes (código de procedemento ED506A).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), no artigo 116.4 atribúe ás comunidades autónomas competencia para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento do réxime de concertos educativos, de acordo con este e cos artigos 108 e 109 da mesma lei orgánica.

A normativa básica reguladora dos concertos educativos está contida na LOE, na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos. Esta última establece as normas e o procedemento para subscrición, renovación e modificación dos concertos educativos.

Ao finalizar o curso 2022/23 rematará o período de seis anos de duración dos concertos educativos subscritos entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e os centros docentes privados, ao abeiro da Orde do 14 de marzo de 2017, polo que é preciso ditar a norma que rexerá a subscrición, renovación ou modificación dos concertos educativos no curso escolar 2023/24 e nos seguintes cursos do novo período de seis anos.

Por canto antecede, en aplicación do artigo 7 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e no artigo 3 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto, destinatarios e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de subscrición, renovación ou modificación (ED506A-anexo I) dos concertos educativos cos centros docentes privados da Comunidade Autónoma de Galicia, para as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de educación especial e de ciclos de formación profesional de grao básico, medio e superior (artigo 3.2.a), b), c) e e) da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación), e a súa convocatoria para os cursos 2023/24 e seguintes.

Artigo 2. Requisitos para solicitar a subscrición, a renovación ou a modificación do concerto educativo

1. Para solicitar a subscrición, a renovación ou a modificación do concerto educativo, o centro docente privado deberá:

a) Estar autorizado e reunir os requisitos establecidos nesta orde e demais normativa vixente aplicable. Cando soliciten o concerto por primeira vez, terán que levar máis de cinco anos funcionando desde a data da súa autorización definitiva, a non ser que manifestasen a súa vontade de acollerse a este réxime no momento de solicitar a autorización.

b) Así mesmo, a titularidade do centro deberá estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e ante a Seguridade Social.

2. En canto ás unidades educativas, para solicitar a subscrición, renovación ou modificación será necesario que:

a) Todas as unidades estean previamente autorizadas. Non obstante, poderá solicitarse concerto para unidades que, durante o mes de xaneiro, se atopen en trámite de autorización. Neste suposto, a concesión do concerto educativo para as ditas unidades estará condicionada á efectiva obtención da autorización antes do inicio do curso académico.

b) Para cada ensinanza e nivel concertado unicamente poderán estar en funcionamento as unidades que estean concertadas, agás nos centros en que se poida prever a entrada progresiva en funcionamento de unidades ou a súa redución e, no relativo ás ensinanzas de formación profesional, cando se trate de distintos ciclos formativos ou se impartan en modalidades diferentes.

Artigo 3. Duración do concerto

1. Os concertos que se formalicen en virtude desta orde terán unha duración máxima de 6 cursos académicos, a partir do curso 2023/24 e ata o final do curso 2028/29, que se producirá o día 31 de agosto de 2029.

Non obstante, os que se subscriban ou modifiquen no curso 2024/25 e seguintes rematarán ao final do curso 2028/29, sen prexuízo da súa posible modificación dentro do período de vixencia desta convocatoria.

2. Cando a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades denegue a renovación dun concerto educativo, poderá acordar coa titularidade do centro a prórroga por un só ano.

Artigo 4. Órganos competentes e prazo para resolver o procedemento de subscrición, renovación ou de modificación do concerto educativo

1. Corresponderalles ás respectivas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación tramitar o procedemento; ao Servizo de Inspección Educativa, emitir informe; e ás comisións provinciais de valoración, avaliar a documentación recibida e formular a súa proposta.

A continuación, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo de recibir das xefaturas as solicitudes, informes da Inspección e propostas das comisións, elaborará a proposta de resolución provisional, dará trámite de audiencia e elaborará a proposta de resolución definitiva, que aprobará a persoa titular da consellería competente en materia de educación.

2. O prazo máximo para resolver o procedemento e publicar a resolución definitiva será de cinco meses:

a) No caso do procedemento de subscrición ou renovación (ED506A-anexo I) para o ano académico 2023/24, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

b) No caso do procedemento de subscrición ou modificación (ED506A-anexo I) do concerto educativo nos cursos seguintes do período de concertos, contado desde o 1 de xaneiro anterior ao inicio do ano académico para o cal se solicita.

E, en todo caso, a falta de resolución expresa dentro do prazo establecido entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 5. Comisións provinciais de valoración: constitución, composición e funcións

1. No ámbito das respectivas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación constituirase a comisión provincial de valoración, que terá a seguinte composición:

Presidencia: a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de educación ou persoa en quen delegue.

Vogais:

a) Tres persoas funcionarias da xefatura territorial correspondente designadas pola persoa titular desta. Unha delas actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

b) Unha persoa representante dos concellos en que teña maior incidencia o ensino concertado, designada pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

c) Dous docentes do ensino privado concertado designados polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

d) Dúas persoas designadas polas federacións de nais e pais do alumnado máis representativas no ensino privado concertado.

e) Dúas persoas representantes de centros docentes privados concertados designadas polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito provincial.

f) E, no caso das solicitudes de concerto educativo para ensinanzas de formación profesional, a Dirección Xeral de Formación Profesional designará unha persoa técnica.

2. Correspóndelles ás comisións provinciais de valoración formular a súa proposta motivada respecto das solicitudes de subscrición, renovación ou modificación dos concertos educativos.

Artigo 6. Criterios para a subscrición ou a renovación do concerto educativo

1. Para a subscrición dos concertos educativos terase en conta que os centros privados satisfagan necesidades de escolarización. Entre os centros que cumpran este requisito terán preferencia os que atendan poboacións de condicións económicas desfavorables, os que realicen experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo, e os que fomenten a escolarización de proximidade ou estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa.

2. Para a renovación do concerto educativo terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación, que o centro non estea incurso en ningunha das causas de non renovación por reiteración de incumprimentos nos termos previsto no artigo 62.3 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e que exista dotación orzamentaria dispoñible.

Artigo 7. Criterios para a modificación do concerto educativo

A modificación do concerto educativo durante o seu período de vixencia por alteración do número de unidades concertadas (incremento ou diminución) ou doutras circunstancias individualizadas requirirá que estas variacións non afecten os requisitos que orixinaron a súa aprobación.

CAPÍTULO II

Procedemento de subscrición ou renovación e de modificación
do concerto educativo

Sección 1ª. Inicio do procedemento de subscrición ou renovación
e de modificación por instancia de parte

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de subscrición, renovación ou de modificación (ED506A-anexo I) do concerto educativo con centro docente privado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no formulario normalizado dispoñible na aplicación centrosprivados (https://www.edu.xunta.gal/centrosprivados/) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude deberá estar asinada pola persoa que figure como titular do centro docente no Rexistro de Centros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou polo seu representante e dirixida á correspondente xefatura territorial.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de subscrición ou renovación (ED506A-anexo I) para o ano académico 2023/24 presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de subscrición ou de modificación (ED506A-anexo I) do concerto educativo nos cursos seguintes dentro do período de vixencia presentaranse no mes de xaneiro anterior ao inicio do curso académico para o cal se solicita.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de subscrición, renovación ou de modificación (ED506A-anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa elaborada segundo os criterios que contén o anexo II.

b) Documentación acreditativa da representación.

c) Outra documentación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: a resolución definitiva.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Requirimento de documentación

A xefatura territorial respectiva poderá requirir ás persoas solicitantes que emenden as deficiencias da solicitude e acheguen a documentación preceptiva para tramitar o procedemento, concedéndolle un prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, con indicación de que, se non o fai así, teráselle por desistida da súa petición, logo de resolución expresa.

Sección 2ª. Instrución do procedemento

Artigo 16. Comprobación dos requisitos da solicitude e da documentación

1. A xefatura territorial comprobará os datos das solicitudes e a documentación; así mesmo, solicitará informe á Inspección Educativa sobre os aspectos indicados no artigo 18.

2. A continuación, a comisión provincial de valoración, logo de examinar as solicitudes, as memorias achegadas polos solicitantes e o informe da Inspección Educativa, elaborará de forma motivada a correspondente proposta que, en todo caso, deberá axustarse ás consignacións orzamentarias dispoñibles.

3. Ao longo do mes de febreiro, as xefaturas territoriais remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as solicitudes dos centros, acompañadas do informe da Inspección Educativa e da proposta da comisión provincial de valoración.

Artigo 17. Informe da Inspección Educativa

O informe da Inspección Educativa versará sobre os seguintes aspectos referidos ao curso académico en que se presenta a solicitude:

a) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade nos centros de titularidade pública da localidade ou, se é o caso, da zona de escolarización do centro solicitante do concerto, co fin de determinar se o centro cobre as necesidades de escolarizacion. Cando o informe se refira ás solicitudes de concertos para ensinanzas de formación profesional, a citada avaliación non se limitará á localidade ou á zona de escolarización, senón que, segundo o caso, poderá relacionarse cun ámbito xeográfico maior.

b) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade no centro solicitante do concerto.

c) Valoración das experiencias pedagóxicas realizadas no centro, se as houbese (só para os que o solicitan por primeira vez).

d) Características socioeconómicas da zona educativa do centro que solicita o concerto (só para os que o solicitan por primeira vez).

e) No caso das solicitudes relacionadas con concertos educativos en ensinanzas de formación profesional, o informe da Inspección Educativa incluirá unha análise das necesidades de escolarización realmente satisfeitas polo centro nos últimos catro anos. Para a elaboración deste informe, a Inspección Educativa poderá contar co asesoramento dun técnico da Dirección Xeral de Formación Profesional.

Sección 3ª. Resolución

Artigo 18. Proposta de resolución provisional e trámite de audiencia

1. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, á vista dos expedientes da programación xeral do ensino e das dispoñibilidades orzamentarias, elaborará a proposta de resolución provisional en que indicará as unidades e os niveis que correspondan e, se é o caso, o motivo de denegación.

2. A proposta de resolución provisional notificarase exclusivamente por medios electrónicos aos solicitantes, concedéndolles un prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación, para formular alegacións, achegar documentos ou xustificacións que consideren oportunas.

3. Unha vez valoradas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elabora a proposta de resolución definitiva que se elevará á persoa titular da consellería competente en materia de educación, e incluirá todos os centros que presentaron solicitude e indicará:

a) No caso de subscrición ou renovación de concerto educativo, número de unidades, con indicación do nivel educativo, que son obxecto de concerto.

b) No caso de modificación do concerto educativo, número de unidades suprimidas ou incrementadas.

c) No caso de subscrición, renovación ou de modificación desestimadas, indicará o motivo da denegación.

Artigo 19. Resolución definitiva

A resolución definitiva xunto cos respectivos anexos, logo da súa aprobación mediante orde da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Sección 4ª. Formalización do concerto e obrigas

Artigo 20. Formalización do concerto e das súas modificacións

1. A subscrición ou renovación do concerto educativo formalizarase nun documento administrativo axustado ao modelo do anexo III, en que se farán constar os dereitos e as obrigas recíprocas, así como as características concretas do centro e demais requisitos derivados da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e da demais normativa de desenvolvemento.

2. A modificación do concerto educativo por alteración do número de unidades concertadas formalizarase mediante addenda ao documento de formalización do concerto educativo.

Artigo 21. Obrigas dos centros concertados

A titularidade dos centros privados concertados queda suxeita as seguintes obrigas:

1. Impartir gratuitamente as ensinanzas do concerto de acordo cos correspondentes programas e plans de estudos e con suxeición ás normas académicas en vigor.

2. Ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes aos niveis ou graos de ensino obxecto do concerto e ter unha relación media de alumnado/unidade escolar non inferior á que determine a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades tendo en conta a existente para os centros públicos da bisbarra, concello ou, se é o caso, distrito en que estea situado o centro, sen prexuízo das excepcións previstas no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

3. Exixir e verificar que o persoal que teña contacto co alumnado menor de idade cumpre o requisito a que se refire o artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

4. Cumprir o establecido na normativa vixente sobre escolarización e admisión do alumnado.

5. Comunicar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a inexistencia de alumnado nas unidades concertadas, no prazo de 10 días hábiles contados a partir da data de finalización da matrícula.

6. Implementar as aplicacións informáticas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades relativas á xestión académica e administrativa, como, por exemplo, as seguintes:

a) Do proceso de escolarización (reserva, admisión ordinaria e escolarización extraordinaria) e matriculación do alumnado.

b) Da xestión completa de avaliación do alumnado: inicial, continua, cualificacións finais e expedientes académicos.

c) Das solicitudes de títulos académicos.

d) Da xestión da formación en centros de traballo.

7. Colaborar coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades nos programas dirixidos ou que teñan relación cos centros concertados e participar en todas as iniciativas que poña en marcha no ámbito do ensino concertado.

8. Facer constar na súa denominación, documentación e en toda a información ou publicidade que realicen a súa condición de centro concertado coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

CAPÍTULO III

Procedemento de modificación de oficio dos concertos
durante o seu período de vixencia

Artigo 22. Inicio do procedemento

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá iniciar, de oficio, a modificación do número de unidades concertadas dun centro durante o período de vixencia do concerto educativo, de acordo co previsto no artigo 46 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Procederá reducilas, no caso de que a proporción de alumnado/unidade escolar permita concentrar grupos que tivesen pouco alumnado, ou cando a relación media por unidade escolar sexa inferior á determinada pola Administración educativa para cada tipo de ensinanzas.

Artigo 23. Tramitación e resolución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo do informe da Inspección Educativa, dará audiencia á persoa interesada comunicándolle as alteracións que considera necesarias para o curso seguinte co fin de que, no prazo de 10 días hábiles, faga as alegacións que considere oportunas.

2. Valoradas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral elevará a proposta á persoa titular da consellería competente en materia de educación, para a súa inclusión, se procede, na resolución definitiva.

3. Na tramitación desta revisión de oficio aplicaranse as normas procedementais do capítulo II no que sexan compatibles.

4. A modificación formalizarase mediante addenda ao documento de formalización do concerto educativo.

CAPÍTULO IV

Orzamentos

Artigo 24. Financiamento

1. Esta orde tramítase de forma anticipada no exercicio orzamentario anterior ao da aprobación dos concertos, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa aprobación.

De acordo co artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, poderase chegar, como máximo, ata o momento inmediatamente anterior á disposición ou compromiso de gasto.

2. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias e polos contías máximas indicadas a continuación:

a) Educación infantil. Aplicación orzamentaria 10.08.422A.482.0, por unha contía total máxima de 15.976.914,91 € para o período setembro-decembro do ano 2023, de 45.123.580,93 € para cada unha das anualidades de 2024, 2025, 2026, 2027 e 2028 e de 29.146.666,02 € para o período xaneiro-agosto de 2029.

b) Educación primaria e educación secundaria obrigatoria. Aplicación orzamentaria 10.08.422A.482.1, por unha contía total máxima de 80.341.431,69 € para o período setembro-decembro do ano 2023, de 226.449.994,34 € para cada unha das anualidades de 2024, 2025, 2026, 2027 e 2028 e de 146.108.562,65 € para o período xaneiro-agosto de 2029.

c) Educación especial. Aplicación orzamentaria 10.08.422D.482.0, por unha contía total máxima de 6.536.755,21 € para o período setembro-decembro do ano 2023, de 18.416.359,50 € para cada unha das anualidades de 2024, 2025, 2026, 2027 e 2028 e de 11.879.604,29 € para o período xaneiro-agosto de 2029.

d) Ciclos formativos de formación profesional de grao superior, de grao medio e de formación profesional básica. Aplicación orzamentaria 10.08.422M.482.1, por unha contía total máxima de 9.635.916,05 € para o período setembro-decembro do ano 2023, de 27.154.708,08 € para cada unha das anualidades de 2024, 2025, 2026, 2027 e 2028 e de 17.518.792,03 € para o período xaneiro-agosto de 2029.

3. Os posibles incrementos de unidades concertadas quedarán condicionados á existencia de autorización, á comprobación de que as novas unidades atendan necesidades de escolarización e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 14 de marzo de 2017 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos con centros docentes privados para o curso académico 2017/18 e seguintes, así como todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data.

Disposición derradeira segunda. Autorizacións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO II

Memoria explicativa

Criterios para elaborar a memoria explicativa.

1. No caso de subscrición do concerto educativo por primeira vez, indicarán segundo proceda as seguintes circunstancias:

a) Necesidades de escolarización e termos en que se satisfán, de acordo coa demanda existente na comarca, concello ou, se é o caso, distrito en que estea situado o centro.

b) Condicións socioeconómicas desfavorables da poboación escolar da zona onde estea situado o centro.

c) Experiencias de interese pedagóxico que se realizarán no centro e interese para a calidade do ensino ou para o sistema educativo.

No caso de renovación do concerto educativo, a memoria versará sobre as razóns en que se funde a continuidade do centro e o cumprimento dos requisitos (indicados nas letras anteriores) que determinaron a aprobación do concerto; e, así mesmo, as variacións que houberen que lle poidan afectar.

2. No caso de modificación do concerto educativo por instancia de parte por alteración do número de unidades (incremento ou supresión) ou doutras circunstancias individualizadas, a memoria versará sobre as razóns en que se funden as modificacións, así como sobre o aspecto, de que non afectan os requisitos que orixinaron a súa aprobación.

En todo caso, indicará a composición resultante do centro docente e calquera outro aspecto que considere pertinente.

ANEXO III

Concerto educativo

Dunha parte,

... Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Doutra,

Dª/D... (NIF...) na súa condición de titular do centro/representante da titularidade do centro identificado a continuación:

Denominación: ...

Código: ...

Enderezo: ...

Localidade: ...

Concello: ...

Provincia: ...

De conformidade co disposto nos artigos 3.2 e 25 do Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, aprobado polo Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e no artigo 21 da Orde do... de... de... pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos con centros docentes privados para o curso académico 2023/24 e seguintes,

ACORDAN:

Subscribir o concerto educativo, conforme as seguintes cláusulas:

Primeira. O presente concerto educativo ten por obxecto o sostemento do centro privado con fondos públicos para a prestación do servizo público da educación nos termos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE), e na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

O centro asume as obrigas establecidas nas devanditas leis orgánicas, no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, na Orde do... de... de... pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2023/24, e demais normativa de aplicación.

Segunda. De acordo co establecido na dita orde, o concerto terá a seguinte extensión e duración:

(Indicaranse o nivel ou niveis educativos, número de unidades e período polo que se concertan. No caso de formación profesional, especificarase o ciclo formativo ou a familia profesional, e no caso de educación especial, expresarase a modalidade).

Terceira. A Administración está obrigada a asignar os fondos públicos para soster o centro concertado nos termos sinalados nos artigos 116 da LOE, e 12 e 13 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

A Administración educativa satisfaralle ao persoal docente os salarios correspondentes, como pagamento delegado e en nome da titularidade do centro, sen que estes signifiquen relación laboral ningunha entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o referido persoal.

Cuarta. A titularidade do centro está obrigada a impartir as ensinanzas obxecto deste concerto gratuitamente, sen percibir ningún concepto que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola súa impartición, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e plans de estudo e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor.

Quinta. A titularidade está obrigada, así mesmo, a que as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios que, se é o caso, se realicen no centro, se adecúen ao disposto no artigo 51 da LODE, e no Decreto 444/1996, do 13 de decembro, polo que se regulan as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

Sexta. A titularidade está obrigada a cumprir as normas de escolarización do alumnado en centros docentes públicos e privados concertados establecidas nos artigos 84 a 88 da LOE, no Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e demais normativa de desenvolvemento.

Sétima. A titularidade está obrigada a manter e, se é o caso, constituír os órganos de goberno a que se refire o artigo 54 da LODE, e o artigo 26 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Oitava. A provisión de vacantes do persoal docente que se produzan no centro concertado realizarase conforme o disposto no artigo 60 da LODE e no artigo 26.3 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Novena. Independentemente do número de unidades autorizadas, o centro unicamente terá en funcionamento o número de unidades concertadas. Non obstante, isto non lle será de aplicación se o centro está accedendo de xeito progresivo ao réxime de concertos ou se o está reducindo e, no relativo ás ensinanzas de formación profesional, cando se trate de distintos ciclos formativos ou se impartan en modalidades diferentes.

Décima. O centro deberá facer constar na súa denominación, na súa documentación e na súa publicidade a súa condición de centro concertado.

Igualmente, a titularidade deberá poñer en coñecemento dos membros da comunidade escolar e, se é o caso, das autoridades competentes o carácter propio do centro, no suposto de que o tivese.

Décimo primeira. Para a execución do concerto, a titularidade adoptará as seguintes medidas:

a) Para aboar os salarios, facilitaralle á Administración educativa a relación do persoal docente en pagamento delegado, coas súas retribucións, as liquidacións das cotizacións á Seguridade Social mediante a formalización e remisión dos documentos oficiais de cotización correspondentes, así como os partes de alta, baixa ou alteración.

As altas e as baixas do persoal docente no réxime da Seguridade Social xestionaraas a titularidade do centro na súa condición de empregador na relación laboral. As devanditas circunstancias deberán ser acreditadas por esta ante a Administración educativa.

As responsabilidades que se puidesen derivar do incumprimento das obrigas de altas, baixas e liquidación de cotizacións serán por conta da titularidade do centro.

Para o pagamento delegado, relacionarase o profesorado correspondente ás unidades concertadas sen que, en ningún caso, o custo de cada unidade poida exceder os módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento de centros concertados.

Así mesmo, a relación de perceptores en pagamento delegado incluirá as circunstancias que concorren en cada profesora ou profesor para os efectos de determinar o soldo, a antigüidade, a cotización á Seguridade Social e outras posibles variantes.

Todas as actividades do profesorado do centro concertado, tanto lectivas como non lectivas, retribuídas pola Administración en pagamento delegado prestaranse no nivel de ensino obxecto deste concerto.

b) As cantidades aboadas durante o ano pola Administración en concepto de «outros gastos», xustificaranse ao longo do mes de xaneiro do ano seguinte mediante a presentación pola titularidade da certificación do acordo do Consello Escolar aprobatorio das contas.

c) Para a xustificación das cantidades aboadas en concepto de «persoal complementario», achegaranse os orixinais ou copias compulsadas das nóminas, RNT da Seguridade Social e a acreditación do seu pagamento.

Estas cantidades xustificaranse, no mesmo prazo, separadamente das do concepto «outros gastos».

Décimo segunda. Para a renovación, prórroga e/ou modificación deste concerto, observarase o disposto no título V do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e na devandita Orde do...

Décimo terceira. Serán causas de extinción deste concerto as sinaladas no título VI do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

Décimo cuarta. As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste concerto serán resoltas pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou órgano en que delegue.

Para que conste, ambas as partes asinan de forma electrónica o presente concerto.

Polo centro privado,

(nome e apelidos)

Pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

(cargo e datos persoais)

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file