Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2023 Páx. 7618

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 230/2022, do 29 de decembro, polo que se modifica a denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

A Constitución española, no seu artigo 27.10, consagra o principio da autonomía universitaria, que segundo o artigo 2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, comprende a creación de estruturas específicas que actúen como soporte da investigación e a docencia.

De acordo co recollido no artigo 17.2 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios, o cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deberá ser aprobado pola Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades.

Tal e como establen o artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o dito rexistro, e o artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, tras a súa aprobación comunicarase ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e nove de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo

Autorizar a modificación da denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, que pasará a denominarse Facultade de Comunicación.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades