Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2023 Páx. 8120

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341Q).

BDNS (Identif.): 671435.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000,00 euros e unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2021 inferior a 30.000,00 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000,00 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.

3. Quedan excluídos desta orde:

a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea, conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341Q).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse oito millóns de euros (8.000.000,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iníciase ás 9.00 horas do día 25 de xaneiro de 2023 e remata o 29 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade