Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2023 Páx. 8122

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341D).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten entre as súas funcións apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, para o que recoñece a necesidade de prestar unha especial atención. Co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7ª da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas ou non suficientemente representadas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na Comunidade Autónoma.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 73/2022 , do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de promoción do emprego autónomo.

O programa Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo estará cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, no obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; obxectivo específico a: «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e dos grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social», e medida 1.a.01: «Axudas para apoio a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia».

A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación na concesión das axudas.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

En canto ao procedemento de concesión establécese un procedemento que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa Xempre autónomo, para a promoción do emprego autónomo (TR341D), e realizar a súa convocatoria para o ano 2023.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023, ambos inclusive.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

2. Ademais do previsto no número 1, resulta de aplicación a seguinte normativa específica: Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, de 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013 e Normas de subvencionalidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamento

1. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.30.322C.472.0, código de proxecto 2023 00102, cun crédito de 12.000.000 de € para o exercicio económico 2023.

Este crédito orzamentario está recollido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2022.

De acordo co disposto no artigo 25.2 e 25.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 23 de xuño, de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

2. O programa Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo estará cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, nunha porcentaxe do 60 %, a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e, en particular, no obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; obxectivo específico a: «Mellorar o acceso ao emprego e as medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e en particular das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e dos grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social», e medida 1.a.01: «Axudas para apoio a persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia».

3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente para este programa no momento da resolución da concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente, xa que a convocatoria non é plurianual.

4. O programa Xempre Autónomo para a promoción do emprego autónomo fai unha distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas, a cal será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2017-2021, inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, terá en conta o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos. Ao abeiro disto, en cada unha das provincias galegas a repartición dos anteditos importes por aplicación orzamentaria realizarase en atención ás seguintes porcentaxes: A Coruña: 33 %; Lugo: 17 %; Ourense: 17 % e Pontevedra: 33 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non for suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 8 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

5. Para este programa, no suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, realizarase unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

6. Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria, que se tramitará como modificación dela, segundo o previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de maneira que o incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, tras informe favorable por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Estaren inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoas autónomas ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecer de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e encontrarse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Teren iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

c) Estaren de alta no imposto de actividades económicas.

d) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

e) Teren o domicilio fiscal en Galicia.

f) Non teren percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data de inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

g) Non teren desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, nin que estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Seren condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obteren subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitaren a declaración de concurso, seren declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estaren suxeitas a intervención xudicial ou seren inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Daren lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estaren incursas as persoas físicas, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non se acharen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Teren a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non se acharen ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Seren sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obteren subvencións, segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obteren a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, con excepción do recollido no número 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 14.1.

Artigo 6. Definicións

Para os efectos desta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, 360 días durante os 540 días anteriores á alta no RETA ou mutualidade do colexio profesional correspondente.

3. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio da actividade laboral a de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.

4. Persoa con discapacidade ou dependencia: aquela que teña recoñecido pola Administración competente ben un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % ou un grao de dependencia segundo a lexislación vixente.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade ou dependencia realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada e se a discapacidade ou a dependencia fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade ou da dependencia.

5. Comunidade de bens, sociedade civil ou outras entidades xurídicas sen personalidade xurídica de nova creación: aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 1 de outubro de 2022, segundo a data en que se dea de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

6. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

7. Para os efectos deste programa, terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia, ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

8. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e a descendencia de primeiro grao das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

9. Persoa estranxeira: aquela que careza de nacionalidade española e estea en posesión de autorización ou permiso de residencia e traballo en España.

10. Persoa trans: toda aquela persoa que se identifique cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

11. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2016-2020 nos grupos ocupacionais segundo a nova Clasificación nacional de ocupacións (CNO-11), publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, téñense en conta os grupos ocupacionais que no ano 2020 reflicten valores de contratación inferiores ao 40 % de representación feminina e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

Artigo 7. Subvencións baixo as condicións do réxime de minimis

1. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €.

3. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 € durante calquera período de tres exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude que figura como anexo I xunto coa documentación e no prazo establecido nesta orde.

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para seren beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo contará a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Cúmprese, polo tanto, o prazo mínimo dun mes establecido no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitiranlle as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Contía da subvención

1. Co obxecto de axudar as persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación, coas seguintes contías:

1.1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

1.2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

a) Persoas menores de 30 anos.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.

d) Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.

e) Persoas maiores de 55 anos.

1.3. A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra e) do punto 1.2 deste artigo).

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada ou estranxeira.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.

2. Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante; en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.

3. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Alta definitiva no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional, con indicación dos períodos de alta nela.

c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).

d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

e) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

f) No caso de que as persoas polas cales se solicita a subvención teñan a condición de trans, documentación que xustifique que se obtivo ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, se é o caso.

i) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións. Todo o anterior tal e como se recolle no anexo I da orde.

j) Declaración responsable de que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda (anexo I).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentara anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Vida laboral dos últimos 5 anos no réxime especial de traballadores autónomos.

d) Alta no imposto de actividades económicas.

e) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Certificado de domicilio fiscal.

j) Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a. Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

b. Consulta de datos de residencia con data de última variación do padrón.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. Por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE+ que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza o organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos) para consultar a información (da Administración pública competente) relativa ao cumprimento do mantemento do emprego e da forma xurídica.

Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O fin último deste programa é a promoción do emprego autónomo a través do outorgamento dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral, polo que para facilitar o financiamento dos proxectos de autoemprego subvencionados ao abeiro desta orde se establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes serán os servizos de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competentes por razón do territorio, que instruirán os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear ou manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a notificación realizarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras

9. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.

Artigo 16. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal; no caso de solicitudes con domicilio fiscal fóra de Galicia, a competencia será da xefatura territorial onde se presentase a solicitude.

Artigo 17. Resolución da concesión

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas polas persoas que as realizan, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade, reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos será obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 20, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao se aceptar coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. En todo caso, deberá notificárselle a cada persoa beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Tamén se informará á persoa beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á xefatura territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente por razón do territorio.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter potestativo, poderá formularse recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Forma de pagamento e xustificación

1. O aboamento das subvencións reguladas nesta orde realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados os requisitos exixidos, en concreto, os referidos as débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social; o cumprimento do resto dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable, resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

2. No prazo máximo de 3 meses desde a recepción da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar electronicamente a aplicación desta axuda aos gastos subvencionables, segundo o modelo previsto no anexo II, sen prexuízo do establecido no artigo 30 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para xustificar os importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

e) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de vinte e catro meses, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade (motivos económicos, técnicos, productivos u organizativos, perda de licenza administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación, incapacidade permanente, catástrofe ou acontecemento fortuíto e imprevisible) o cal deberá acreditar fidedignamente.

f) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola cales se lles concederon as subvencións.

g) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a consellería correspondente; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, os espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea, xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou dunha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispor delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

j) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitaráselles ás persoas beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que poña á súa disposición o organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

k) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Seguimento e control

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta orde, no suposto de ter a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autoriza a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

3. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Ademais, como consecuencia do cofinanciamento polo FSE+ das axudas previstas nesta orde, as persoas beneficiarias, someteranse ás actuacións de comprobación e control e deberán facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Incompatibilidades e concorrencia

A subvención establecida neste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Nova Oportunidade que se convoque no ano 2023, no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, convocadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como con outras axudas que, polos mesmos conceptos e para a mesma finalidade, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no ano 2023 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónomo galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 5 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 21.e) de mantemento da alta no RETA ou mutualidade durante un período de vinte e catro meses.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 21.e) de manter a alta no RETA ou mutualidade durante vinte e catro meses, pero pode aproximarse de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos vinte e catro meses.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 21, letra f), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo dun ano.

5. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 21, letra b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 21, letra b), de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles.

8. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles.

9. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

10. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 21, letra i).

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumplimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

Mentres non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán pórse en coñecemento a través da seguinte canle: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nas xefas e xefes territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file