Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2023 Páx. 8256

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as listaxes de persoas que se incorporan nas bolsas autonómicas galegas existentes para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, en virtude do disposto na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, do entón denominado Ministerio de Política Territorial e Función Pública.

O artigo 53.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, permite as comunidades autónomas constituír no seu ámbito territorial a relación de candidatos propia para a provisión, con carácter interino, de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, convocando a celebración das correspondentes probas de aptitude e dándose preferencia aos aspirantes que aprobaran algún exercicio nas probas de acceso á subescala correspondente.

En desenvolvemento do anterior marco normativo, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Orde do 30 de novembro de 2017 pola que se establece o procedemento para a selección e nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional (publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 229, do 1 de decembro) e, para os efectos de facer efectiva a inclusión nas listas autonómicas das persoas aspirantes que aprobaran algún exercicio nas probas de acceso ás subescalas correspondentes, o entón denominado Ministerio de Política Territorial e Función Pública ditou a Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, pola que se establece o procedemento de elaboración de relacións de candidatos das subescalas da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Mediante a Resolución do 14 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, efectuouse a última convocatoria para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, regulando na súa disposición adicional única a inclusión nas bolsas vixentes da relación de candidatos remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, indicando que se outorgará a cada aspirante 10 puntos por exercicio superado para a correspondente subescala.

O Instituto Nacional de Administración Pública remitiu a esta Dirección Xeral de Administración Local a relación de persoas candidatas que superaron algún exercicio das probas selectivas para o ingreso nas diferentes subescalas da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional derivadas da oferta de emprego público de 2019 e que solicitaron a súa inclusión nas listas de interinos autonómicas galegas.

En cumprimento do disposto na Orde do 30 de novembro de 2017 antes citada efectuouse ás persoas candidatas integrantes das listas remitidas o oportuno requirimento para que achegasen a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de titulación e de coñecemento de lingua galega (Celga 4), e para que indicasen a zona de preferencia pola que optan (A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra), convocando os que non acreditaron posuír o Celga 4 para a realización da proba de coñecemento de galego.

De acordo co sinalado no artigo 4 da Orde do 30 de novembro de 2017, de producirse empate na puntuación, a orde de desempate sería a seguinte:

a) Pola puntuación obtida no proceso selectivo.

b) Pola letra vixente no resultado do sorteo para participar nos procesos selectivos na Administración autonómica de Galicia do ano natural anterior á convocatoria do proceso selectivo do que deriva a relación de persoas candidatas remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública.

c) Pola persoa solicitante de maior idade.

E o punto cuarto da referida Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, indica que as relacións de candidatos elaboradas conforme ao procedemento establecido na mesma terán validez ata a elaboración de novas relacións de candidatos resultantes do desenvolvemento de novos procesos selectivos.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta que o artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atribúe á Dirección Xeral de Administración Local a execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a perda de vixencia das listaxes de persoas que aprobaron algún exercicio das probas selectivas para as correspondentes subescalas da escala funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional derivadas da oferta de emprego público de 2018 que se incorporaron nas bolsas autonómicas galegas existentes, en virtude do disposto na Orde TFP/297/2019, e que se fixeron públicas pola Resolución do 6 de agosto de 2021 desta Dirección Xeral de Administración Local.

As persoas integrantes das citadas listaxes que estean a ocupar postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, en virtude de nomeamentos conferidos por esta dirección xeral, continuarán nos seus postos de traballo ata que se produza unha causa que dea lugar ao seu cese.

Estas listaxes están á disposición das persoas interesadas na páxina web Eidolocal, na epígrafe Máis información, no seguinte enderezo:

https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos

Segundo. Publicar as listaxes de persoas candidatas que se incluirán nas bolsas autonómicas galegas vixentes para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, derivada da última relación de candidatos remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, que acreditaron o cumprimento dos requisitos previstos na Orde do 30 de novembro de 2017, da entón Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza.

Estas listaxes están á disposición das persoas interesadas na páxina web Eidolocal, na epígrafe Máis información, no seguinte enderezo:

https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos

Terceiro. Ter por desistidas ás persoas candidatas que non atenderon ao requirimento efectuado ou non acreditaron os requisitos previstos na Orde do 30 de novembro de 2017.

Estas listaxes están á disposición das persoas interesadas na páxina web Eidolocal, na epígrafe Máis información, no seguinte enderezo:

https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a directora xeral de Administración Local, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local