Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 24 de xaneiro de 2023 Páx. 8253

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z).

BDNS (Identif.): 671605.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

Sector servizos-sección CNAE 2009

División

Sección G: comercio por xunto e polo miúdo; reparación de vehículos de motor e motocicletas.

45 a 47

Sección H: transporte e almacenamento.

49 a 53

Sección I: hostalería.

55 a 56

Sección J: información e comunicacións.

58 a 63

Sección K: actividades financeiras e de seguros.

64 a 66

Sección L: actividades inmobiliarias.

68

Sección M: actividades profesionais, científicas e técnicas.

69 a 75

Sección N: actividades administrativas e servizos auxiliares.

77 a 82

Sección P: educación.

85

Sección Q: actividades sanitarias e de servizos sociais.

86 a 88

Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

90 a 93

Sección S: outros servizos.

94 a 96

2. Os requisitos para obteren a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría, artístico-recreativo e outros servizos, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran os requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código de procedemento IN417Z).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z).

Cuarto. Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2023 e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 4.200.000,00 euros.

Quinto. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea, de 30.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura e de 20.000 euros para empresas do sector agrícola.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación das solicitudes comeza ao día seguinte ao da publicación de esta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de xuño de 2023.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 2 de outubro de 2023.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia