Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8709

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións provisionais da fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso na categoría de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, convocado pola Resolución do 13 de decembro de 2019.

Pola Resolución de 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 11 de xaneiro de 2023), realizada a baremación dos méritos achegados polos/as aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicou o anuncio da exposición da baremación con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso, no proceso selectivo para o ingreso na categoría de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral.

O concurso-oposición foi convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 26 de decembro), modificada pola Resolución do 21 de decembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 256, do 22 de decembro). A base 3.1 da Resolución do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso, establece que os méritos se valorarán con referencia ao día inmediatamente anterior, incluído, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o 25 de decembro de 2019. Detectado un erro material de carácter técnico na configuración da data de valoración de méritos, procede realizar a baremación con relación á data indicada e publicar o anuncio da exposición da baremación con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso.

De conformidade coa base oitava da Resolución do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso selectivo, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo convocado pola Resolución do 13 de decembro de 2019 para o ingreso na categoría de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, que substitúen as publicadas pola Resolución do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 11 de xaneiro de 2023).

Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Segundo. De conformidade coa base oitava da Resolución do 13 de decembro de 2019, contra os resultados da baremación provisional, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos