Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8711

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións provisionais da fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso na categoría de terapeuta ocupacional, convocado pola Resolución do 13 de decembro de 2019.

Mediante a Resolución do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 11 de xaneiro de 2023), realizada a baremación dos méritos achegados polos/as aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicou o anuncio da exposición da baremación con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso, no proceso selectivo para o ingreso nas categorías de logopeda e terapeuta ocupacional.

O concurso-oposición foi convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 26 de decembro), modificada pola Resolución do 21 de decembro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 256, do 22 de decembro). A base 3.1. da Resolución do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso, establece que os méritos se valorarán con referencia ao día inmediatamente anterior, incluído, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o 25 de decembro de 2019. Detectado un erro material de carácter técnico na configuración da data de valoración dos méritos na categoría de terapeuta ocupacional, cómpre corrixir o erro e realizar a baremación en relación coa data do 25 de decembro de 2019, e publicar a baremación con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, así como a valoración total da fase de concurso.

De conformidade coa base oitava da Resolución do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso selectivo, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo convocado pola Resolución do 13 de decembro de 2019 para o ingreso na categoría de terapeuta ocupacional, que substitúen as publicadas mediante a Resolución do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 11 de xaneiro de 2023).

Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Segundo. De conformidade coa base oitava da Resolución do 13 de decembro de 2019, contra os resultados da baremación provisional os/as aspirantes poderán presentar reclamación, ante o respectivo tribunal de selección, no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A reclamación deberase presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberase dirixir á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos
do Servizo Galego de Saúde