Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8601

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2022 de encomenda de xestión á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para o apoio técnico, dirección de execución e coordinación en seguridade e saúde das actuacións de conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia.

1. A Axencia Turismo de Galicia foi creada mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

A Axencia créase, como axencia pública autonómica, co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos Camiños de Santiago, de acordo co disposto no artigo 1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, del turismo de Galicia, no cal se establece que a Administración autonómica acomodará as súas actuacións á promoción e ao estímulo dun sector turístico galego competitivo, ao impulso da desestacionalización e da diversificación da oferta turística e de calidade, ao fomento da actividade turística para conseguir o equilibrio territorial entre as distintas zonas de Galicia.

O artigo 9 dos seus estatutos establece como unha das competencias da Axencia Turismo de Galicia é o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.

Así mesmo, o artigo 7 dos citados estatutos dispón que ten a consideración de medio propio e servizo técnico dos poderes adxudicadores dependentes da Comunidade Autónoma para os que realice a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aquela un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos.

2. A Axencia Turismo de Galicia está a tramitar a licitación do servizo de conservación integral do Camiño de Santiago ao seu paso pola Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se inclúen todos os camiños ou treitos da rede de camiños que pertencen ao Camiño de Santiago, así como os seus elementos funcionais:

• Camiño Francés.

• Camiño de Santiago do Norte. Ruta do interior. Camiño primitivo ou de Ovedo.

• Camiño de Santiago do Norte. Ruta da costa.

• Camiño Portugués, interior e pola costa.

• Camiño do Sueste-Vía da Prata.

• Camiño de Fisterra-Muxía.

• Camiño Inglés.

• Camiño de Inverno.

Para os efectos de manter en todo momento o Camiño de Santiago nun óptimo estado para o paso dos peregrinos, e asociado ao contrato de servizo de conservación, é necesario un servizo que realice un efectivo e óptimo seguimento, coordinación e xestión de todas aquelas operacións necesarias para a correcta execución dos traballos de conservación e mantemento integral daquel, mediante:

• A realización da dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde nas obras de conservación integral dos Camiños de Santiago, na Comunidade Autónoma de Galicia.

• O servizo de apoio técnico para o control e vixilancia das actuacións da conservación integral dos Camiños de Santiago, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a Axencia Turismo de Galicia carece dos medios e persoal necesarios para desenvolver as tarefas que constitúen o obxecto destes servizos, dado que na súa relación de postos de traballo non figura persoal especializado para levar a cabo estas prestacións.

3. A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) é unha sociedade mercantil coa totalidade do seu capital público e, segundo o Decreto 260/2006, do 28 de decembro, está configurada como medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, ordénase a publicación da modificación dos estatutos da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), autorizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de setembro de 2012:

O artigo 1 dos seus estatutos establece que «Coa denominación Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) constitúese unha sociedade mercantil pública autonómica das previstas no artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A sociedade terá a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico».

No seu artigo 2.a) establécese que «A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) ten por obxecto a realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e a prestación de servizos en materias agrícolas, gandeiras, forestais, acuícolas, pesqueiras, marisqueiras, de desenvolvemento rural, de conservación e protección do medio natural e ambiental, así como as necesarias para o mellor uso e xestión dos recursos naturais, e para a mellora dos servizos e recursos públicos».

4. O artigo 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, LCSP) dispón que:

«Os poderes adxudicadores poderán organizarse executando de maneira directa prestacións propias dos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obras e concesión de servizos, a cambio dunha compensación tarifaria, valéndose doutra persoa xurídica distinta a eles, xa sexa de dereito público ou de dereito privado, logo de encargo a esta, con suxeición ao disposto neste artigo, sempre e cando a persoa xurídica que utilicen mereza a cualificación xurídica de medio propio personificado respecto deles de conformidade co disposto nos tres puntos seguintes, e sen prexuízo dos requisitos establecidos para os medios propios de ámbito estatal na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O encargo que cumpra os ditos requisitos non terá a consideración de contrato».

5. O artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regula as encomendas de xestión, e dispón:

«1. A realización de actividades de carácter material ou técnico da competencia dos órganos administrativos ou das entidades de dereito público poderá ser encomendada a outros órganos ou entidades de dereito público da mesma ou de distinta Administración, sempre que entre as súas competencias estean esas actividades, por razóns de eficacia ou cando non se posúan os medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

As encomendas de xestión non poderán ter por obxecto prestacións propias dos contratos regulados na lexislación de contratos do sector público. En tal caso, a súa natureza e o réxime xurídico axustarase ao previsto nesta.

(...)

3. A formalización das encomendas de xestión axustarase ás seguintes regras:

a) Cando a encomenda de xestión se realice entre órganos administrativos ou entidades de dereito público pertencentes á mesma Administración deberá formalizarse nos termos que estableza a súa normativa propia e, na súa falta, por acordo expreso dos órganos ou entidades de dereito público intervenientes. En todo caso, o instrumento de formalización da encomenda de xestión e a súa resolución deberá ser publicada, para a súa eficacia, no Boletín Oficial del Estado, no boletín oficial da comunidade autónoma ou no da provincia, segundo a Administración a que pertenza o órgano encomendante.

Cada Administración poderá regular os requisitos necesarios para a validez de tales acordos que incluirán, ao menos, expresa mención da actividade ou actividades a que afecten, o prazo de vixencia e a natureza e alcance da xestión encomendada».

6. Pola súa súa vez, a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu artigo 7 establece que as relacións entre os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais que integran o sector público autonómico están suxeitas aos principios de cooperación, colaboración e asistencia recíprocas co fin de garantir a eficacia do sector público e o uso eficiente dos recursos públicos, e o artigo 8.2 da mesma lei establece que, cando os medios de que dispoñan resulten insuficientes para o cumprimento e a realización dos seus fins institucionais, acudirán con preferencia á cooperación, colaboración e asistencia doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou doutras entidades do sector público autonómico que si dispoñan dos medios dos cales precisan.

Así mesmo, o artigo 13.2 do mesmo texto legal establece que as encomendas de xestión en virtude das cales se encargue a unha entidade, que conforme o sinalado na Lei de Administración xeral e do sector público de Galicia, teña o carácter de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, a realización dunha determinada prestación a cambio dunha tarifa se suxeitarán ao establecido nos artigos 47 e seguintes da indicada lei.

7. O artigo 10 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, Lofaxga) dispón que «Poderá encargarse a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral do órgano que se determine conforme o artigo 47 da presente lei».

O citado artigo 47 da Lofaxga establece o seguinte:

«1. Para os efectos previstos no artigo 4.1.n) e 24.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, todas as entidades instrumentais determinadas no artigo 45 teñen a consideración de medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realicen a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aqueles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Se se trata de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública.

2. O carácter de medios propios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comporta para as entidades, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, a obrigación de executar as encomendas ou encargos que os poderes adxudicadores que os controlan e os seus medios propios lles realicen dentro do ámbito do seu obxecto social e nos termos fixados nos seus estatutos.

As relacións dos medios propios cos poderes adxudicadores de que son medios propios instrumentais e servizos técnicos teñen natureza instrumental e non contractual, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado. As encomendas ou encargos retribuiranse mediante as tarifas suxeitas ao réxime previsto neste artigo e comportarán a facultade para o órgano que llos efectúa de ditar as instrucións necesarias para a súa execución».

Así mesmo, conforme o disposto no artigo 48 da Lofaxga «Cando as encomendas sexan efectuadas por outros medios propios da Administración da Comunidade Autónoma que non estean baixo a tutela funcional da consellería ou departamento ou adscritos a estes, deberá autorizalas previamente».

Pois ben, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) está adscrita á Consellería do Medio Rural, segundo o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

8. Con data do 20 de agosto de 2022, a Consellería do Medio Rural autoriza a encomenda a Seaga para o apoio técnico, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde para as actuacións de conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia.

9. A encomenda rexerase segundo o que se dispón a Instrución conxunta das consellerías de Economía e Facenda e do Medio Rural sobre o réxime das encomendas á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.», do 19 de marzo de 2007, a cal recolle no punto terceiro:

«O importe das obras, traballos, proxectos, estudos e subministracións realizados por medio de Seaga determinaranse aplicando ás unidades executadas as tarifas correspondentes que deberán ser obxecto de aprobación por unha comisión interdepartamental».

Con data do 20 de agosto de 2013 a comisión interdepartamental aproba o réxime de tarifas aplicable á empresa Seaga.

10. O orzamento da encomenda ascende a 585.883,03 € e está exento de aplicación do IVE de acordo co artigo 7 da Lei 28/2014, do 27 de novembro, que modifica a Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

A dotación orzamentaria destinada para levar a cabo a encomenda é de 585.883,03 €, exentos de IVE, con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.616.0, proxecto de gasto 2015 00008.

11. O prazo de execución da encomenda de xestión comprende desde o 1 de febreiro de 2023 ata o 31 de xaneiro de 2025.

12. Con data do 21 de outubro de 2022, a directora da Axencia Turismo de Galicia acorda o inicio do expediente Encomenda de xestión á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para o apoio técnico, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das actuacións de conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia.

13. Con data do 18 de novembro de 2022, a Asesoría Xurídica emite informe de conformidade da proposta de resolución da Encomenda de xestión á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para o apoio técnico, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das actuacións de conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia.

14. A Intervención Delegada fiscalizou de conformidade a encomenda, así como a aprobación e compromiso do gasto, con data do 15 de decembro de 2022.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos (en diante, Decreto 196/2012), crea a Axencia de Turismo de Galicia como axencia pública autonómica co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo, e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos Camiños de Santiago, de acordo co disposto no artigo 1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no cal se establece que a Administración autonómica acomodará as súas actuacións á promoción e ao estímulo dun sector turístico galego competitivo, ao impulso da desestacionalización e da diversificación da oferta turística e de calidade, e ao fomento da actividade turística para conseguir o equilibrio territorial entre as distintas zonas de Galicia.

Os artigos 19.4.n) e 37.2 do Decreto 196/2012 establecen que a dirección é o órgano de contratación da Axencia.

Así mesmo, o artigo 19.4.h) do Decreto 196/2012 establece que a dirección é o órgano competente para dispoñer os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a autorización e ordenación dos pagamentos da Axencia dentro dos límites que lle correspondan.

Mediante o Decreto 120/2020, do 10 de setembro, noméase directora da Axencia Turismo de Galicia a María Nava Castro Domínguez (DOG núm. 185, do 11 de setembro).

Por todo o anterior,

RESOLVO:

• Encargar á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a execución do apoio técnico, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde das actuacións de conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coas estipulacións que figuran no anexo.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO

Estipulacións

Primeira. Traballos que se realizarán

A natureza deste encargo é de apoio técnico, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde para as actuacións de conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto deste encargo consiste na realización de dúas tarefas principalmente:

• Realización da dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde nas obras de conservación integral dos Camiños de Santiago, na Comunidade Autónoma de Galicia.

• Servizo de apoio técnico para o control e vixilancia das actuacións da conservación integral dos Camiños de Santiago, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os traballos que hai que realizar consistirán na dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde nas obras de conservación integral dos Camiños de Santiago, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o que será necesario un enxeñeiro de camiños, canles e portos con 3 anos de experiencia como mínimo, e un coordinador de seguridade e saúde, cunha titulación de arquitecto técnico, enxeñeiro de obras públicas, enxeñeiro técnico agrónomo ou enxeñeiro agrónomo.

Para as tarefas de apoio técnico para o control e vixilancia das actuacións da conservación integral dos camiños de santiago, será necesario o servizo como xefe de unidade de 1 enxeñeiro técnico de obras públicas, cun mínimo de 3 anos de experiencia, e 5 vixilantes con titulación de formación profesional superior en obra civil ou edificación, cun mínimo de 2 anos de experiencia.

Desenvolvemento das relacións entre o director de execución e a Administración:

Durante o desenvolvemento dos traballos todas as relacións directas da asistencia técnica coa Administración se desenvolverán unicamente a través do director de execución.

O consultor informará o director do encargo sobre a marcha xeral dos traballos encomendados no tempo e modo que crea axeitado este último. Así mesmo, celebraranse reunións de traballo para resolver os posibles problemas que se presenten.

O consultor poderá establecer contactos e reunións co contratista, que deberán ser coñecidos e autorizados polo director do encargo, quen asistirá persoalmente ou por delegación, se así o considera necesario, e será en calquera caso o único facultado para tomar decisións, salvo delegación expresa.

O consultor tomará nota do falado en todas as reunións ás que acuda, xa sexa acompañado ou non pola dirección do contrato, e redactará unha acta de cada reunión que elevará á consideración do director e conservará ata a finalización das obras.

O director de execución terá ao seu cargo cinco vixilantes e dous enxeñeiros técnicos de obra pública, repartidos polos distintos camiños, para o control e vixilancia das actuacións da conservación integral dos Camiños de Santiago na Comunidade Autónoma de Galicia, o cal dará as oportunas ordes para obter os obxectivos.

Funcións da dirección de execución:

A dirección de execución asumirá a función técnica de dirixir a execución material da obra, e de controlar cualitativa e cuantitativa a construción e calidade da obra, así como a supervisión económica da obra executada.

As distintas funcións que desenvolverá son as seguintes, entre outras:

– Exixir ao contratista, directamente ou a través do persoal ás súas ordes, o cumprimento das condicións contractuais.

– Garantir a execución das obras con estrita suxeición ao proxecto aprobado, ou modificacións debidamente autorizadas, e o cumprimento do programa de traballos.

– Definir aquelas condicións técnicas que os pregos de prescricións correspondentes deixan á súa decisión.

– Resolver todas as cuestións técnicas que xurdan en canto a interpretación de planos, condicións de materiais e de execución de unidades de obra, sempre que non se modifiquen as condicións do contrato.

– Estudar as incidencias ou problemas expostos nas obras que impidan o normal cumprimento do contrato, ou aconsellen a súa modificación, tramitando, se é o caso, as propostas correspondentes.

– Propoñer as actuacións procedentes para obter, dos organismos oficiais e dos particulares, os permisos e autorizacións necesarios para a execución das obras e ocupación dos bens afectados por elas, e resolver os problemas expostos polos servizos e servidumes relacionados con elas.

– Asumir persoalmente e baixo a súa responsabilidade, en casos de urxencia ou gravidade, a dirección inmediata de determinadas operacións ou traballos en curso, para o que o contratista deberá poñer á súa disposición o persoal e material da obra.

– Acreditar ao contratista as obras realizadas, conforme o disposto nos documentos do contrato.

– Participar nas recepcións definitiva e redactar a liquidación das obras, conforme as normas legais establecidas.

– Redactaranse tantos informes como as circunstancias e necesidades do contrato exixan.

– Redactarase un informe mensual das obras e, no caso de que o director do contrato, de acordo co director de execución, o xulguen necesario por consideralo conveniente para levar un mellor control da obra, elaborarase algún informe puntual.

– Os informes técnicos deberán presentarse ao director do contrato dentro das 48 horas seguintes, cando as circunstancias sobrevidas ou necesidades o requiran.

– Asistencia ao director do contrato para a redacción de plans de inspección, mantemento e conservación das obras.

– Apoio técnico aos labores de supervisión dos proxectos sobrevidos que teñan relación coa conservación e mantemento.

– Desenvolvemento de aplicacións informáticas, novas ou existentes, relacionadas dunha ou doutra maneira cos labores anteriormente descritos.

– Redacción de memorias técnicas ou proxectos de contido mínimo para tramitalos aos distintos organismos, se for o caso.

– Acondicionamento dun arquivo de control de toda a documentación relacionada cos labores descritos.

Funcións da coordinación de seguridade e saúde:

As actuacións de coordinación en materia de seguridade e saúde estarán suxeita ao establecido no Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción.

As distintas funcións que se realizarán son as seguintes, entre outras:

– Coordinar a aplicación dos principios xerais de prevención e de seguridade.

– Coordinar as actividades da obra para garantir que o contratista e, se é o caso, os subcontratistas e os traballadores autónomos apliquen, de xeito coherente e responsable os principios da acción preventiva que se recollen no artigo 15 da Lei de prevención de riscos laborais durante a execución da obra e, en particular:

• O mantemento da obra en bo estado de orde e limpeza.

• A elección da localización dos postos e áreas de traballo, tendo en conta as súas condicións de acceso, e a determinación das vías ou zonas de desprazamento ou circulación.

• A manipulación dos distintos materiais e a utilización dos medios auxiliares.

• O mantemento, o control previo á posta en servizo e o control periódico das instalacións e dispositivos necesarios para a execución da obra, co obxecto de corrixir os defectos que poidan afectar a seguridade e saúde dos traballadores.

• A delimitación e o acondicionamento das zonas de almacenamento e depósito dos distintos materiais, en particular se se trata de materiais ou substancias perigosas.

• A recollida dos materiais perigosos utilizados.

• Almacenamento e a eliminación ou evacuación de residuos e entullo.

• A adaptación, en función da evolución da obra, do período de tempo efectivo que haberá de dedicarse a distintos traballos ou fases de traballo.

• A cooperación entre os contratistas, subcontratistas e traballadores autónomos.

– Aprobar o plan de seguridade e saúde elaborado polo contratista e, se é o caso, as modificacións introducidas no devandito plan.

– Organizar a coordinación de actividades empresariais previstas no artigo 24 da Lei de prevención de riscos laborais.

– Coordinar as accións e funcións de control de aplicación correcta dos métodos de traballo.

– Adoptar as medidas necesarias para que só as persoas autorizadas poidan acceder á obra.

– As comunicacións á dirección de obras nos cumprimentos e incumprimentos en materia de seguridade e saúde.

– A Administración, a través da dirección dos traballos, levará a cabo a inspección, comprobación e vixilancia para a completa realización do traballo executado, axustándose ao establecido no artigo 94 do RXLCAP.

– Redacción de anexos ao documento de xestión preventiva de cada lote.

– Redacción de documentos de xestión preventiva ou informes favorables de coordinador de SSAA para novas actuacións mediante proxectos menores que teñan relación directa cos Camiños de Santiago.

Funcións do servizo de apoio técnico para control e vixilancia das actuacións:

Tratarase, en primeiro lugar, cun control cualitativo das actuacións coas seguintes funcións:

– Comprobación de que a execución das obras se realiza de acordo coas especificacións establecidas no proxecto e na normativa.

– Realización dun informe, da proposta que faga o laboratorio de control, de calidade sobre a adecuación do plan de ensaios aos requisitos da obra.

– Análise para cada unidade, ou parte de obra, dos resultados dos ensaios de control, xa sexan en laboratorio ou in situ. Da análise dos anteriores resultados concluirase explicitamente nos informes a proposta de aprobación provisional das partes executadas ou, en caso contrario, a proposta de medidas correctoras.

O control cuantitativo consistirá no seguinte:

– Comprobación da xeometría e implantación das obras, controlando que se axusten ao proxectado, e ás especificacións aplicables, e que se cumpren as tolerancias xeométricas previstas.

– Comprobación de medicións en xeral das partes de obra que queden, co fin de que sirvan de base ao pagamento.

– Tendo en conta as medicións de cada unidade executada no mes, formulación mensual dunha proposta de relación valorada, que permita á dirección de obra formalizar as certificacións aos contratistas.

– Previsión de quilómetros na rede dos camiños a seu cargo, previamente á campaña de roza.

Asistencia á dirección de execución ou dirección de contrato:

– Asistencia á dirección de execución para o estudo, toma de datos, tanto dos proxectos que rexan a execución das obras, así como outros expedientes que poidan resultar necesarios. Esta asistencia consistirá na proposta de modificacións que resolvan as omisións ou anomalías que se detecten ao longo das obras.

– Asistencia técnica para a redacción de plans de inspección, mantemento e conservación das obras.

– Apoio técnico aos labores de supervisión.

– Desenvolvemento de aplicacións informáticas, novas ou existentes, relacionadas dunha ou doutra maneira cos labores anteriormente descritos.

– Labores de supervisión de medicións dos traballos realizados polos equipos da parte do contrato destinada á conservación integral, en dependencia directa e exclusiva da dirección do contrato ou dirección de execución.

– Acondicionamento dun arquivo de control de toda a documentación relacionada cos labores descritos.

Emisión de informes:

– Redactaranse tantos informes como as circunstancias e necesidades do contrato o precisen.

– Redactarase un informe mensual das obras e, no caso de que o director do contrato, de acordo co director de execución, o xulguen necesario por consideralo conveniente para levar un mellor control da obra, elaborarase algún informe puntual.

– Nos informes especificaranse os resultados do control cualitativo e cuantitativo realizado.

– Os informes técnicos deberán presentarse ao director de execución dentro das 48 horas seguintes cando as circunstancias sobrevidas ou necesidades o requiran.

Segunda. Ámbito territorial

Os Camiños a Santiago están en procedemento de delimitación pola Xunta de Galicia, e na data de hoxe están oficialmente delimitados o Camiño Francés, o Camiño Norte: Ruta do Interior, o Camiño Norte: Ruta da Costa, o Camiño Inglés e as entradas e saída a Santiago de todos os camiños.

Os restantes camiños poderían ser modificados no seu trazado, con respecto ao actualmente sinalizado, polo que se se levase a cabo o cambio de trazado, unha vez delimitado oficialmente pola Xunta de Galicia, a empresa encargada queda obrigada a axustar a súa actuación conservadora á nova delimitación oficial da Xunta de Galicia, ata o remate deste servizo.

Son obxecto do presente encargo todos os camiños ou treitos da Rede de camiños que pertencen ao Camiño de Santiago, como os seus elementos funcionais, con conservación e competencia transferida á Axencia Turismo de Galicia.

– Camiño Francés.

– Camiño de Santiago do Norte: Ruta do Interior, Camiño Primitivo ou de Ovedo.

– Camiño Santiago do Norte Ruta da Costa.

– Camiño Portugués.

– Camiño Vía da Prata.

– Camiño de Fisterra-Muxía.

– Camiño Inglés.

– Camiño de Inverno.

Terceiro. Calendario de execución

Os traballos realizaranse desde o 1 de febreiro de 2023 ata o 31 de xaneiro de 2025.

Cuarto. Dirección dos traballos

A dirección, control e vixilancia dos traballos levarase a cabo baixo a supervisión dun director dos traballos que poderá contar con colaboradores técnicos ou directores adxuntos, e designados para o dito efecto pola Axencia de Turismo de Galicia.

Para tal fin, a dirección de obra terá como funcións, entre outras:

– Determinar as parcelas en que deben realizarse as actuacións obxecto do presente encargo.

– Garantir que a realización dos traballos sexa de acordo coas prescricións da proposta ou coas modificacións debidamente autorizadas.

– Resolver todas as cuestións técnicas que se formulen, mentres non se modifiquen as condicións do contrato.

– Levar a cabo o posterior control de calidade deste e, cando este o permita, certificar a súa realización.

Quinta. Control dos traballos

Para a correcta coordinación do encargo, será nomeado un supervisor do encargo pola Axencia Turismo de Galicia, que será responsable de asegurar a correcta execución dos traballos previstos no encargo, e de resolver as incidencias que poidan xurdir durante a súa realización; así mesmo, velará pola adecuada xestión do encargo, de modo que na súa execución non se dean situacións que poidan propiciar a existencia dunha cesión ilegal de traballadores ou dar lugar á declaración de relacións de laboralidade entre a Administración e o persoal da entidade encargada.

Deberá efectuarse o nomeamento ou designación do responsable do encargo que poderá coincidir, de ser o caso, coa designación do director de obra.

O supervisor do encargo ou responsable deste desenvolverá, ademais, de forma específica as seguintes funcións:

– Encargarase de que a entidade encargada achegue a súa propia dirección e xestión no desenvolvemento do obxecto do encargo e sexa responsable da organización do servizo.

– Velará por que a entidade encargada, a través dos encargados por ela designados, se faga responsable en materia de xestión de persoal, da organización e directrices de distribución do traballo, horarios, permisos, etc., de tal maneira que sexa a Administración pública de todo allea a estas relacións laborais.

– Velará por que se canalicen a través dos encargados designados pola entidade encomendante, as posibles incidencias que se formulen na execución dos traballos.

– Deberá corrixir inmediatamente calquera incidencia ou desviación na execución que poida supoñer infracción das regras mencionadas, así como dar parte ao órgano de contratación da situación.

Sexta. Medios proporcionados pola empresa

A empresa pública Seaga comprométese a achegar para a realización destes traballos os medios persoais con capacidade e experiencia suficientes, así como os medios materiais necesarios para poder desempeñalos eficazmente.

1. A empresa pública Seaga comprométese a fornecer para a realización destes traballos os medios persoais suficientes e axeitados para a súa correcta execución, e que estarán formados especificamente no obxecto dos traballos.

2. A empresa pública Seaga comprométese a proporcionar os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento dos traballos. Estes traballos en ningún caso se desenvolverán en instalacións da Administración.

O instrumental e os elementos de traballo deberán estar en perfectas condicións de funcionamento e quedarán adscritos ao traballo durante a súa execución.

Seaga está considerada poder adxudicador pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A calidade dos técnicos dos traballos que figura no artigo 49 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, queda claramente demostrada coa realización de diferentes encargos de tipoloxía semellante ao presente encargo desde o ano 2007 e cun elevado grao de satisfacción por parte das diferentes entidades que realizan as encargas.

Sétima. Orzamento

Segundo o disposto no artigo 69.3 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o imposto sobre o valor engadido, excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE, non será subvencionable cunha contribución dos fondos EIE.

Segundo o artigo 7 da Lei 28/2014, do 27 de novembro, que modifica a Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, a partir do 1 de xaneiro de 2015 as operación dos medios propios non están suxeitas a este imposto cando facturen servizos prestados en virtude de encargos a administracións públicas das cales son dependentes.

O orzamento de execución Administración/Seaga ascende á cantidade de cincocentos oitenta e cinco mil oitocentos oitenta e tres euros con tres céntimos (585.883,03 €).

Oitava. Pagamento

Segundo se indica na Instrución conxunta das consellerías de Economía e Facenda e do Medio Rural sobre o réxime dos encargos á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), que foi aprobada o 19 de marzo de 2007, e máis concretamente no seu punto 3.3, «para determinar o orzamento das actuacións encargadas a Seaga calcularase o correspondente á súa realización material aplicando as tarifas respectivas ás unidades de execución, no suposto de que algunha unidade de execución non se atope incluída no sistema de tarifas o seu importe calcularase a partir dos prezos simples e/ou de mercado contrastados pola Administración que encargue a actuación ou servizo, e incorporando os prezos unitarios aos custos indirectos da actuación».

No que respecta ao IVE aplicable, o artigo 7.8.C) da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, na súa redacción actual (introducida por medio da disposición derradeira décima da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e que entrou en vigor o 10 de novembro de 2017), establece o seguinte:

«Non estarán suxeitos ao imposto os servizos prestados en virtude dos encargos executados polos entes, organismos e entidades do sector público que teñan, de conformidade co establecido no artigo 32 da Lei de contratos do sector público, a condición de medio propio personificado do poder adxudicador que ordenou o encargo, nos termos establecidos no referido artigo 32».

Pola súa banda o artigo 11 da Lei 37/1992 dispón que «Para os efectos do imposto sobre o valor engadido, entenderase por prestación de servizos toda operación suxeita ao dito tributo que, de acordo con esta lei, non teña a consideración de entrega, adquisición intracomunitaria ou importación de bens».

O concepto de entrega de bens atópase no artigo 8 da Lei 37/1992 e as operacións asimiladas á entrega de bens detállanse no artigo 9.

As actuacións que constitúen o obxecto do encargo non teñen a consideración legal de entrega de bens nin se atopan entre as prestacións de servizos en todo caso suxeitas ao imposto. Debe concluírse, en definitiva, que os traballos previstos neste encargo á empresa pública Seaga (que ten a consideración de medio e servizo técnico da Administración), non están suxeitos ao IVE.

Tal e como se indica en parágrafos anteriores, o orzamento de execución calcúlase aplicando os rendementos e prezos establecidos no sistema de tarifas de prezos de Seaga vixente, aprobado o 20 de agosto de 2013.