Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8599

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).

BDNS (Identif.): 671619.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

Segundo. Obxecto

Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2023 destinados á mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios solicitantes, a través dalgunha das seguintes intervencións:

a) No ámbito dos sistemas de tratamento da auga, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Obras de mellora nos sistemas de filtración e decantación.

2º. Instalación ou obras de mellora de sistemas de desinfección e de recirculación.

3º. Instalación ou obras de mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga.

b) No ámbito das infraestruturas de almacenamento da auga antes da súa subministración, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Instalacións ou obras de mellora dos respiradoiros.

2º. Impermeabilización de depósitos.

3º. Instalacións ou obras de mellora na cámara de chaves, válvulas de control de enchido para evitar desbordamentos e sectorización.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).

Cuarto. Importe

O importe das axudas para mellorar o estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no artigo 4.

O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia