Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8669

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2023, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 115, do 18 de xuño), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión do 16 de xaneiro de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 16 de maio de 2022 (DOG núm. 97, do 20 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021 (DOG núm. 115, do 18 de xuño),

ACORDOU:

Primeiro. Mediante a Resolución do 2 de decembro de 2022 convocouse, segundo o previsto nas bases II.1.2.1 e II.1.3.3 da convocatoria, o terceiro exercicio do proceso selectivo pola quenda de acceso libre e o primeiro exercicio do devandito proceso, pola quenda de promoción interna, para o acceso ao corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

De conformidade co disposto nas bases II.1.2.1 e II.1.3.3 da convocatoria, o exercicio do proceso selectivo consiste, tanto no caso de acceso libre como por promoción interna, de dúas probas: a primeira consiste na resolución por escrito dun cuestionario de dez preguntas e a segunda, na resolución, á elección do aspirante, de tres casos de prácticas de dereito tributario ou de dereito orzamentario.

En virtude do previsto nas citadas bases, mediante o acordo deste tribunal do 5 de decembro de 2022, establecéronse os seguintes criterios de corrección, valoración e superación do exercicio:

a) A primeira proba cualificarase de 0 a 15 puntos. Cada unha das 10 preguntas terá unha puntuación máxima de 1,5 puntos. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

O tribunal avaliará o coñecemento dos aspirantes e valorará nas respostas dadas o seu grao de corrección, adecuación e precisión, así como a súa exposición estruturada e contextualizada.

O tempo máximo de duración desta proba será dunha (1) hora e trinta (30) minutos.

b) A segunda proba cualificarase de 0 a 15 puntos. Cada suposto práctico de dereito tributario terá a valoración de 5 puntos como máximo. Cada suposto de dereito orzamentario terá a valoración de 5 puntos como máximo. Os supostos non contestados non penalizan nin reciben puntuación.

O tribunal avaliará o coñecemento dos aspirantes e valorará nas respostas dadas o seu grao de corrección, adecuación e precisión, tanto no seu contido como no razoamento seguido para a resolución dos supostos, así como a súa exposición estruturada e contextualizada.

A duración da proba será de dúas (2) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos. Para superalo é necesario ter un mínimo de 15 puntos. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba e da segunda; suma que non terá lugar se a cualificación obtida en calquera das probas for inferior a seis (6) puntos, caso en que non se superará o exercicio.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas o 14 de decembro de 2022 ao terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Respecto do primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso pola quenda de promoción interna no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, non se presentou ningún aspirante, polo que, segundo o previsto na base I.1 da convocatoria, a praza (1) reservada a este sistema de acceso acumularase ás de acceso libre, computando así un total de 9.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.4.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.3.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o terceiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa da exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, xunto con esta resolución.

Quinto. De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023

Juan José Rodríguez Díaz
Presidente do tribunal