Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2023 Páx. 8389

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 19 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT236A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

De conformidade co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, correspóndelle a este departamento, a través da Dirección Xeral de Cultura, o exercicio das competencias en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos, co fin de potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Así mesmo, compételle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas. Neste sentido, a Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, dispón que lle corresponde á consellería, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

En desenvolvemento destas previsións, a Dirección Xeral de Cultura desenvolve o programa Ler conta moito, co que, en colaboración coas entidades locais, promove a realización de actividades de dinamización da lectura na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Ler conta moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.

Con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión; e consolidar a programación compartida da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.

A través desta orde, establécense as bases das subvencións dirixidas ás entidades locais para a realización de actividades de animación á lectura nas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, no marco do programa Ler conta moito.

O procedemento de concesión ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos o número de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal.

Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, para o que existe crédito suficiente e adecuado previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023, no marco do programa Ler conta moito (código de procedemento CT236A).

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, suplementariamente:

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde é o de concorrencia non competitiva. Na súa virtude, para a concesión das subvencións ratearase o orzamento existente entre os solicitantes que cumpran as condicións establecidas, en función do número de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura de titularidade municipal con que conten as entidades locais, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión das subvencións realizarase polo procedemento abreviado establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.760.3, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe de 195.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Artigo 6. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura integradas na Rede de bibliotecas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos nesta orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos de participación

As bibliotecas públicas e axencias de lectura municipais para as que se solicita a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta e remitida ao Servizo do Sistema de Bibliotecas a estatística de bibliotecas do ano 2021.

Quedan excluídas do cumprimento deste requisito as bibliotecas públicas ou axencias de lectura que fosen creadas ou reactivasen os seus servizos durante 2022 ou 2023, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Artigo 8. Desenvolvemento do programa

1. As bibliotecas públicas ou axencias de lectura para as que se conceda a subvención deberán programar un mínimo de dúas actividades das incluídas no catálogo Ler conta moito 2023, que a Dirección Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal

2. A programación e execución das actividades deberase realizar entre a data de publicación do catálogo Ler conta moito 2023 e o 25 de outubro de 2023, ambos incluídos.

3. As entidades beneficiarias están obrigadas a:

a) Poñer á disposición dos profesionais dinamizadores as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada. As actividades deben desenvolverse nas instalacións da biblioteca ou espazos anexos (no caso de compartir edificio), ou ben noutros espazos adecuados sempre que se identifique de forma clara e suficiente a vinculación entre a actividade de promoción da lectura e o servizo bibliotecario. Tamén poderán realizarse actividades a través de canles dixitais, sempre que estean deseñadas para seren programadas deste xeito no catálogo Ler conta moito 2023.

b) Organizar puntualmente cada función. A programación debe manterse actualizada no formulario electrónico correspondente para que se reflicta na axenda de actividades do programa de forma correcta.

c) Colaborar no desenvolvemento de accións complementarias á actividade programada, para o seu maior aproveitamento por parte dos usuarios e usuarias de cada biblioteca. A biblioteca velará por establecer unha relación directa e explícita entre as actividades programadas e os seus fondos (libros, música, información na rede, publicacións periódicas etc.), de maneira que se favoreza un interese posterior por parte dos participantes pola lectura, ou que se lles facilite, de maneira sutil e lúdica, información sobre o uso da biblioteca.

d) Incorporar o logotipo do programa Ler conta moito en todas as accións de difusión ou actividades complementarias ao programa.

e) Confirmar a realización da actividade no formulario electrónico correspondente, e cubrir a avaliación da actividade desenvolvida, no prazo de cinco días desde a súa realización.

f) Publicar no blog do programa Ler conta moito polo menos unha imaxe do desenvolvemento da actividade xunto cun comentario explicativo que a acompañe, no prazo de cinco días desde a súa realización.

4. Todo o acompañamento e difusión das actividades do programa Ler conta moito farase en idioma galego segundo as normas ortográficas e morfolóxicas establecidas pola Real Academia Galega.

Artigo 9. Contía das axudas

1. Ás entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas nesta orde concederáselles unha subvención en función do número de bibliotecas ou axencias de lectura para as que solicite a axuda e que cumpran os requisitos do artigo 7. O importe asignado a cada biblioteca ou axencia de lectura será o resultado de ratear o orzamento dispoñible entre a totalidade delas.

2. A contía das axudas non poderá superar o 75 % do gasto subvencionable. Para estes efectos, non se considera subvencionable o gasto que exceda do custo das actividades que figura no catálogo do programa Ler conta moito 2023.

Artigo 10. Concorrencia das axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 11. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de subvención ao abeiro desta orde dirixiranse á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. A estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, teráselle por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor deste procedemento é a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro. Este órgano desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Realizada a distribución do importe das subvencións de conformidade co sinalado no artigo 9, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 17. Resolución

1. No prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución por parte do órgano instrutor, a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de entidades locais beneficiarias e as cantidades concedidas e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal). Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

2. O prazo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Aceptación das axudas

Notificada a resolución, as beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, e entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular a proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no artigo 9 desta orde.

Artigo 20. Recursos

Contra as resolucións que esgotan a vía administrativa a persoa interesada poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa do gasto realizado, con data límite 15 de novembro de 2023.

2. Considerarase gasto realizado o importe das actividades levadas a cabo con cargo ao programa Ler conta moito, realizadas dentro do período sinalado no artigo 8.2 desta orde e que resulte efectivamente pagado antes da data límite de xustificación sinalada no parágrafo anterior.

3. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados.

4. A documentación xustificativa que debe presentarse é a seguinte:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.

c) Documentos acreditativos do gasto realizado, a través dunha das modalidades seguintes:

A. Conta xustificativa. Neste suposto, deberase achegar certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada: nome da actividade, profesional ou entidade que a realiza, número de factura, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. A omisión dalgún destes datos comporta a obriga de acollerse á modalidade B.

B. Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

– Copia das facturas, en que debe constar: nome da actividade, profesional ou entidade que a realiza, data de realización, número de factura, importe da factura e data de emisión da factura.

– Xustificantes bancarios do pagamento, en que conste a identificación da persoa que realiza o pagamento (que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda) e a do destinatario do pagamento (que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura).

5. A documentación deberá dirixirse á Dirección Xeral de Cultura e presentarse electronicamente, accedendo ao expediente deste procedemento na Carpeta cidadá da entidade beneficiaria, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

Artigo 22. Pagamento

1. Unha vez xustificada a subvención, antes de proceder ao seu pagamento, o órgano competente poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

2. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía da subvención.

Artigo 23. Obrigas das beneficiarias

As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás seguintes obrigas:

a) Cumprir o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 24. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención e axuda pública percibida cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a entidade local beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file