Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2023 Páx. 9176

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Outes, sito nos concellos de Negreira e Outes (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/13).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Outes (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Norvento, S.L. (en diante, a promotora) cunha potencia de 21 MW.

Segundo. O 12.5.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

Terceiro. Mediante a Resolución do 30 de maio de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, do 12 de xullo de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña, do 2 de xullo, e no xornal El Correo Gallego, do 30 de xuño. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Negreira e Outes), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial) e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de exposición pública, así como durante a tramitación do procedemento, presentáronse as alegacións recollidas no anexo desta resolución. A continuación, resúmese o seu contido:

– Erros nos enderezos de notificación aos afectados, nos datos de titularidade das parcelas e no tipo de cultivo reflectido na relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

– A Cámara Mineira de Galicia comunica que, segundo consta no Censo Catastral Mineiro, existe un dereito mineiro afectado polo parque eólico e solicita que se proceda a verificación destes datos coa documentación contida no Rexistro Mineiro e, de ser o caso, sexan tidos en conta estes dereitos mineiros no proceso de tramitación do proxecto. Solicita, así mesmo, que se cumpra o establecido no artigo 14.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 122 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e que se estableza a compatibilidade ou incompatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes, e de resultar incompatibles, se outorgue prevalencia a estes últimos.

– Móstrase oposición ao proxecto por supoñer un grave prexuízo para o medio natural, flora e fauna, paisaxístico e social, causando ademais trastornos e mingua na calidade de vida da veciñanza derivados do ruído provocado polo funcionamento dos aeroxeradores, así como do incremento do tránsito de vehículos pesados durante a construción do parque eólico e nas posteriores labores de mantemento durante a fase de funcionamento, o que contribuirá ademais á degradación e deterioración das vías de comunicación municipais.

Así mesmo, alegan que o proxecto suporá unha mingua no valor dos terreos e das vivendas próximas.

Consideran que debe prevalecer o principio de prevención das afeccións ambientais, paisaxísticas e sociais sobre o mero interese privado dunha empresa.

– Maniféstanse, así mesmo, os prexuízos que provocan os proxecto eólicos para a práctica da caza, de grande importancia económica e cultural na zona, e que a instalación dun novo parque eólico imposibilitaría o exercicio desta actividade.

– Maniféstase a oposición á declaración de utilidade pública, así como á expropiación parcial dalgunhas parcelas, posto que a conservación da parte non expropiada resulta antieconómica, e non consta no expediente a necesaria xustificación da conveniencia da ocupación. Así mesmo, alegan que a promotora non se puxo en contacto cos afectados para intentar acadar acordos para a ocupación dos terreos.

– Alegan afeccións a establecementos de turismo rural próximos e manifestan que a instalación do parque eólico implicaría a curto ou medio prazo o pechamento destes establecementos, os cales xeran postos de traballo directos e indirectos.

– Aléganse afeccións a explotacións gandeiras e manifestan que o proxecto afectaría a saúde dos animais e, consecuentemente, a súa produción. Así mesmo, a expropiación de parte dos terreos minguaría a extensión para a alimentación e pastoreo do gando, o que faría practicamente inviable manter a explotación.

Ademais poñen de manifesto afeccións a dous mananciais que regan os terreos de pastoreo, que se verían afectados por derrames de aceite que acabarían afectando ao río Donas que rega todo o val.

– Asociacións existentes na comarca alegan o impacto que tería o proxecto sobre o bosque autóctono, xa que destrúe unha importante masa de bosque caducifolio e provoca un grave impacto visual e paisaxístico en toda a contorna, así como sobre o patrimonio histórico (sepulcros megalíticos, castros e xacementos medievais,...).

– Por parte do Concello de Outes, maniféstase a súa oposición ao emprazamento proxectado para o parque eólico, e que a empresa promotora debe consensuar cos veciños un novo emprazamento e a dispoñibilidade dos terreos. No caso de que non se acade este consenso, o Concello estará ao lado dos veciños en contra da localización do parque eólico ata onde llo permita a lexislación en vigor.

– Bótase en falta a análise de alternativas exixida pola lexislación ambiental, así como un mellor estudo da incidencia do parque eólico sobre a poboación.

Unha parte da poligonal do parque eólico atópase dentro da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 do ano 2008 (LIC Devesa de Chacín). Outro espazo que resultaría afectado, tamén definido dentro da dita proposta, é o LIC Esteiro do Tambre.

Incidencia negativa sobre os modos e calidade de vida dos habitantes de ambos os dous termos municipais afectados, tanto no que se refire á saúde e descanso dos cidadáns como ás actividades económicas desenvolvidas. En concreto, faise referencia aos seguintes impactos negativo sobre a saúde humana:

• Contaminación acústica e do aire durante a fase de obras debido aos movementos de terras, tránsito de vehículos pesados, voaduras, etc.

• Contaminación acústica e o «efecto discoteca» provocado polas sombras das pas dos aeroxeradores, durante a fase de funcionamento do parque eólico.

• Campos electromagnéticos provocados polas instalacións eléctricas de alta tensión.

• Impacto das gabias sobre as traídas veciñais de auga, o que pode dar lugar a súa contaminación.

• Risco de accidentes (incendios, desprendementos de bloques de xeo desde as pas, caída dos aeroxeradores, vertedura de aceites...).

Para fundamentar estas alegacións sobre os diferentes impactos sobre a saúde humana, menciónanse diversas publicacións, estudos e sentenzas.

– Considérase que este tipo de proxectos contradí o previsto nas directrices de ordenación do territorio aprobadas polo Decreto do Consello da Xunta de Galicia 19/2011, do 10 de febreiro, posto que estas, nas súas determinacións orientativas, e en relación coas actuacións relativas á enerxía eólica, establecen que se priorizará a repotenciación dos parques eólico xa existentes.

– Alégase o incumprimento da distancia mínima dos parques eólicos a solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable sectorializado, recollida no Plan sectorial eólico, en concreto, con respecto ao núcleo de Oroña e Cabanamoura.

– Solicítase:

• Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade.

• Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

• Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

• Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico.

– Non se tiveron en conta os efectos sinérxicos con outros parques eólicos existentes e en tramitación próximos.

– Considérase que o estudo de impacto ambiental está desfasado e obsoleto polo que non está adaptado á normativa vixente, e posto que a declaración de impacto ambiental está baseada neste documento, cómpre a súa nulidade.

– Desacordo coa dimensión desproporcionada da poligonal do parque eólico, posto que supón un agravamento das afeccións e as cargas que teñen que sufrir os veciños.

– Non se avaliaron os impactos sobre o lobo, o que é causa de nulidade de pleno dereito do proxecto industrial.

– Fragmentación de hábitats e perda de biodiversidade derivada dunha deficiente e obsoleta planificación sectorial eólica. Falta de avaliación ambiental estratéxica do Plan sectorial eólico de Galicia. A inaplicación deste plan deriva da súa invalidez polo transcurso do tempo, ao abeiro da lexislación ambiental actual, e ao principio de xerarquía normativa e nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneran normas de rango superior. Por este motivo debe ser revogada a declaración de impacto ambiental.

– A Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural non informou sobre as explotacións madeireiras e forestais da zona afectada.

– Impacto non previsto sobre o oficializado Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia, que xa forma parte da Ruta Xacobea oficial desde o ano 2020, polo que conta cun grao de protección insoslaiable que se debe respectar, de modo que os usos permitidos sobre a traza son limitados e aparecen recollidos no artigo 77 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, e no artigo 78 os usos prohibidos.

– Impacto no turismo incorrectamente avaliado ao non ter en conta o trazado do Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia, e que o concello de Outes pertence ao xeodestino turístico Ría de Muros e Noia, Ría da Estrela. O proxecto eólico tería unha grande afectación para as empresas turísticas da zona, algunhas das cales contan con premios de recoñecemento nacional.

– Solicítase a nulidade de pleno dereito de DIA, a inaplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, que debería revisarse e actualizarse de forma inmediata, o rexeitamento do proxecto eólico Outes, mentres non se revise o dito plan, e a revisión da DIA por incorrer en nulidade de pleno dereito.

Cuarto. O 31.5.2012, de acordo co establecido no artigo 37.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Retevisión I, S.A., Retegal, Concello de Negreira e Concello de Outes.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, o 26.6.2012 e o 17.10.2012, Retevisión I, S.A., o 28.6.2012, Augas de Galicia, o 29.8.2012 e o Concello de Negreira, o 25.9.2012 e o 4.3.2013.

O Concello de Outes non emitiu condicionado pese a reiteración da solicitude o 22.8.2012.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

En relación cos condicionados técnicos solicitados e que non foron emitidos, cómpre ter en conta que, de acordo co establecido no artigo 37.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente na data de remisión das separatas do proxecto ás diferentes administracións, organismos ou empresas de servizo público, «No caso de que as citadas administracións, organismos ou empresas de servizo público afectadas non presten a súa conformidade ou oposición no prazo de vinte días, a Administración encargada da tramitación reiterará o requirimento para que nun novo prazo de dez días se pronuncien sobre a conformidade ou oposición á instalación. Pasado o prazo de reiteración sen que se tivera producido a contestación, entenderase a conformidade da dita administración, organismo ou empresa de servizo público afectada pola instalación».

Quinto. O 17.8.2012, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e establece o correspondente condicionado.

Sexto. O 29.10.2014, a xefatura territorial emitiu informe e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), para continuar coa tramitación do procedemento.

Sétimo. O 22.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, emitiu o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, e indica que as posicións dos 7 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable delimitado reguladas no Plan Sectorial Eólico de Galicia.

Oitavo. O 11.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 4 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DOG núm. 120, do 25 de xuño).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza (actualmente, de Patrimonio Natural), e de Innovación e Xestión da Saúde Publica (actualmente, de Saúde Pública), Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo (actualmente, Axencia Turismo de Galicia), Augas de Galicia e o Concello de Negreira.

Noveno. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico, e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo. O 7.10.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, logo de analizar as características do proxecto do parque eólico, cómpre reiterar o que se indicou nos seus informes anteriores e, por conseguinte, considerar que este proxecto non vulnera as determinacións das directrices de paisaxe de Galicia.

Décimo primeiro. O 2.6.2022, a promotora presentou ante esta dirección xeral o proxecto de execución refundido do parque eólico, actualizado segundo a normativa vixente de aplicación, co fin de continuar coa tramitación das autorizacións administrativas para o parque eólico. O 16.9.2022, esta dirección xeral remitiu este proxecto á xefatura territorial para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Décimo segundo. O 16.11.2022, a xefatura territorial notificoulle á promotora un requirimento de documentación en que se lle comunica, entre outras cuestións, que unha das posicións proxectadas non cumpre a distancia mínima regulamentaria a unha liña eléctrica de transporte existente.

Décimo terceiro. O 18.11.2022, a promotora achegou o documento proxecto de execución parque eólico Outes versión 3. TM de Negreira e Outes. A Coruña. Novembro 2022, adaptado ao mencionado requirimento da xefatura territorial.

Neste documento recóllense as seguintes modificacións: elimínase o aeroxerador OU02, xunto co seu ramal de acceso e infraestrutura eléctrica asociada, aumenta a potencia unitaria dos outros seis aeroxeradores, de 3 a 3,5 MW, mantendo inalteradas o resto das súas características, e axústase a configuración da rede colectora de media tensión como consecuencia da redución do número de aeroxeradores.

Posteriormente, o 29.11.2022, a promotora achegou o documento ambiental en que se avalían estas modificacións.

Décimo cuarto. O 22.11.2022, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto achegado pola promotora o 18.11.2022.

Décimo quinto. O 23.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou unha consulta á Asesoría Xurídica Xeral, en relación coa procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao proxecto do parque eólico, tendo en conta que este atópase afectado pola Sentenza da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo 1492/2018, do 9 de outubro de 2018, ditada no recurso de casación nº 2783/2016, e que está pendente de execución, relativa á anulación, no que se refire á selección de anteproxectos na zona 7, da Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

Décimo sexto. O 5.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe en relación coas modificacións introducidas no proxecto ás cales se fai referencia no antecedente de feito décimo cuarto, e conclúe que «Á vista da documentación recibida e unha vez revisado o expediente, considérase que non existen obxeccións ás modificacións propostas polo promotor, sen prexuízo do cumprimento das condicións que figuran na DIA».

Décimo sétimo. O 9.12.2022, a Asesoría Xurídica Xeral deu resposta á consulta efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 23.11.2022, e conclúe que a falta de resolución sobre o incidente de execución de sentenza non impide continuar coa tramitación dos proxectos dos parques eólicos da zona 7 e outorgar as autorizacións. A epígrafe de conclusións do informe transcríbese no fundamento de dereito sétimo desta resolución.

Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 21 MW, segundo informe do xestor da rede do 15.12.2014.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito terceiro, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico (erros na titularidade e características dos bens e dereitos afectados, nos enderezos para os efectos de notificación, compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto), cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, de ser o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cabe indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (emprazamento, extensión, tipo de aproveitamento...).

No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

2. No que atinxe ás alegacións sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico.

3. No que respecta ás distancias a núcleos rurais cómpre remitirse ao informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 22.7.2020, en que se conclúe que os sete aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable delimitado reguladas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Cómpre manifestar, ademais, no que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, que estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

4. No relativo ás afeccións de carácter ambiental do proxecto e afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, ao turismo, e aquelas referentes aos niveis de ruído e ao efecto shadow flicker, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal, o 11.5.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

En relación coas afeccións sobre o impacto turístico, cómpre indicar que a Secretaría Xeral para o Turismo emitiu informe en que se conclúe que o proxecto posúe unha influencia asumible sobre o turismo.

Con respecto ás alegacións en que se argumenta a nulidade de pleno dereito da declaración de impacto ambiental, cómpre manifestar que para a súa emisión seguiuse o procedemento establecido no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Cómpre ter en conta, así mesmo, que tal e como establece o artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

5. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, reiterando neste punto o disposto no anterior Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

6. En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre a actividade cinexética e sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque Outes, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.5.2021, e recollida no antecedente de feito oitavo desta resolución:

a) Na dita declaración, o órgano ambiental Resolve o seguinte:

«Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Outes, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Outes.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Quinto. Tal e como se recolle no antecedente de feito décimo sétimo, o 9.12.2022, a Asesoría Xurídica Xeral emitiu informe en resposta á consulta desta dirección xeral do 23.11.2022, sobre a procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao parque eólico obxecto da presente resolución. No dito informe conclúese o seguinte:

«1. Esta asesoría xurídica entende, en coherencia coa nosa postura procesual mantida no incidente de execución, que os parques eólicos que se encontran en tramitación na zona 7 non se poderían ver afectados pola execución de sentenza, pois a súa autorización é unha cuestión allea ao procedemento de execución.

2. En efecto, as persoas promotoras dos proxectos seleccionados na zona 7 que se encontran na súa fase final de tramitación, como o proxecto obxecto desta petición de informe, optaron no seu día por acollerse ao novo réxime legal derivado da Lei 5/2017, de acordo coa súa disposición transitoria terceira.

3. Deste modo, como se explica no noso escrito procesual, os proxectos seleccionados no seu día se continuaron tramitando como novas solicitudes de acordo coa Lei 5/2017, e se desvincularon do concurso de selección de anteproxectos realizado no seu día, pois este xa non era o fundamento da súa tramitación.

4. Polo tanto, ao noso xuízo, unha eventual execución da sentenza, de ser esta posible, en ningún caso podería afectar o resto de proxectos autorizados na zona 7 e que se están tramitando nestes momentos, dado que se rexen pola nova lexislación e xa non precisan dun trámite previo de selección (desaparecido xa legalmente).

5. Neste sentido, como explicamos no noso escrito procesual, aínda no suposto de que se considerase posible retrotraer o procedemento e efectuar novamente un proceso de valoración dos anteproxectos (cuestión que consideramos que legalmente non é posible) e esta nova valoración permitise eventualmente concluír que o resultado debía haber sido no seu día outro, ningunha consecuencia desfavorable podería deducirse para estes proxectos, pois desde o ano 2017 optaron por acollerse ao novo réxime legal e os seus requisitos, e deberá, polo tanto, ser tratada esta opción como unha nova solicitude de autorización de proxecto desvinculada do resultado do concurso.

6. En particular, o feito de que a consecuencia do cambio do réxime legal as solicitudes dos proxectos do recorrente poidan ser, estar e continuar, evidencia, pola mesma razón, a corrección e propiedade de que continúen as restantes.

7. O incidente de execución aínda non está resolto polo tribunal. Porén, tendo en conta os argumentos antes expostos, a falta desta resolución non obsta para que a Administración autonómica poida continuar neste momento a tramitación dos proxectos dos parques eólicos na zona 7, e outorgar as autorizacións, tendo en conta, ademais, que estes están afectados polos fitos temporais previstos na normativa legal estatal, cuxo incumprimento determina a caducidade dos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución e o consecuente prexuízo para os promotores».

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Outes, sito nos concellos de Negreira e Outes (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 21 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Outes, composto polo documento: proxecto de execución parque eólico Outes. Versión 3. TM de Negreira e Outes. A Coruña. Novembro 2022, asinado o 18.11.2022 polo enxeñeiro Pablo Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do Colexio de Enxeñeiros do ICAI, e visado na mesma data polo dito colexio co número 0218/22.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico Outes.

Potencia instalada: 21 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 21 MW.

Produción neta estimada: 71.447 MWh/ano.

Concellos afectados: Negreira e Outes (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 16.127.724,14 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

510.874,67

4.745.785,39

2

506.874,64

4.745.785,40

3

506.874,63

4.746.785,40

4

504.874,61

4.746.785,40

5

504.874,59

4.752.285,45

6

510.874,64

4.752.285,46

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

OU01

510.634,65

4.750.119,44

OU03

510.117,65

4.748.763,42

OU04

510.226,65

4.748.473,42

OU05

510.338,65

4.748.157,42

OU06

510.381,66

4.747.825,41

OU07

510.455,66

4.747.500,41

Coordenadas das torres meteorolóxicas do parque eólico:

Torres anemométricas

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM_OU1

509.996,65

4.748.565,42

TM_OU2

510.506,65

4.748.394,42

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

510.324,65

4.748.935,42

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores Vestas V-112 o similar de 3.500 kW de potencia nominal unitaria, altura de buxa de ata 119 metros e diámetro de rotor de 112 metros.

– 6 centros de transformación de 4.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 20/0,65 kV, instalados unitariamente en interior da góndola, cos correspondentes elementos de seccionamento, manobra e protección.

– Liñas de media tensión (20 kV) subterráneas, con condutor tipo RHZ1-OL 12/20 kV, de interconexión entre os centros de transformación 0,65/20 kV dos aeroxeradores, e entre estes e a subestación transformadora 20/66 kV.

– Subestación transformadora 20/66 kV para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador principal 20/66 kV de 15,75/21 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal e un transformador para servizos auxiliares 20/0,4 kV de 100 KVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– 2 torres anemométricas autoportantes de 119 m de altura, equipadas con anemómetros, cataventos, medidores de temperatura e presión e logger rexistrador.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 138.467 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, os condicionados dos organismos e/ou empresas de servizo público que procedan.

En especial, a promotora deberá contar, antes do inicio das obras, co condicionado favorable do Concello de Negreira.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do expediente

Cámara Oficial Mineira de Galicia (Francisco Arechaga Rodríguez, pdte.); AA.VV. San Campio (Constantino González Picallo-secretario); Severino Buján Anelo, en calidade de secret. Xunta Rectora do Monte Veciñal en Man Común Gende; Manuela Sieira Pérez; Pedro Cambeiro Martelo; Xoán D. Caamaño Fernández; Javier Romay Mariño; Enrique Antelo Gómez; Divina Silva Rodríguez; David Barreiro Fernández; David Núñez Silva; Roberto Martínez Domínguez; Joaquín Núñez; Domingo M. Ferdey Pais; A. Enrique Martínez Pedrosa; Delmira Sanmartín García; Severino Antelo Lavandeira; María Hermitas Lema Nieto; Enia Antelo Alvite; Benito Villaverde Nieto; Amelia Ferro Sánchez; Purificación Molinos Dans; Manuel Blanco Molinos; Marina Villaverde Ferro; José Sanmartín García; Dorinda Antelo Nieto; Domingo Antelo Lourido; Asociación Xente de San Orente, repres. Gandarela Antelo, Benito; Pedrosa Lestón, Juan C.; García Beiro, José Antonio; Pérez Montes, Eladio; Núñez Pais, José Manuel; Arces Silva, Senén; Bermúdez Cuns, Bienvenido; Izquierdo Rafael; Sieira Blanco, Consuelo; Campos Lourido, Josefa Julia; herdeiros de Manuela Sieira Alvite; Caamaño Solís Suc; Toriz Pontes, Manuel; Joaquín Núñez; López Míguez, Jesús; Lestón Freire, José Manuel; Pedrares Leis, Juana; Nieto López, María; Abelleira Suárez, Evangelino; Abelleira Nieto, José Luis; Paz Baños, Manuel; Nieto Ramorís, José Agustín; Arcos Añón, Juan Jesús; Nieto Tomé, Manuel; Agra Tuñas, M. Carmen; Martínez Gorgal, Rosa; Cernadas Esteiro, Urbano; Castro Pedrosa, Daniel; Castro Pedrosa, Estela; Castro Pedrosa, Javier; Lago Vázquez, Xosé D.; Alvite González, Alonso; Fernández Figueiras, Margarita; Fuentes Ramos, Enrique; Domínguez Almezara, Carmen; Villar Domínguez, Fernando; González Mª Teresa; Mallo Turnes, Juan; Cambeiro Martelo José Mª; García Peral, Manuel; Antelo Fidalgo, Juan Carlos; Lago Martelo, Ángel; Lago Vázquez, Cipriano; Tuñas Castro, Xosé Antón; García Blanco, Diego; Rodríguez Nieto, José Manuel; Buján González, Rocío; Buján González, José; Calvo Vitumo, Manuel; Martínez Rodríguez, José Mª; Nieto Andrés; Insua L., Mª del Pilar; Antelo Nieto, José C.; Antelo García, Enrique; Lema Sieira, Manuel, rep. do Artesanato C.A.C., S.L.; Lema Sieira, Manuel, rep. Asoc. en favor do Bosque Caducifolio Galego; Asociación de Caza e Pesca Os Labercos, repres. Núñez Cernadas, Joaquín Manuel; Mariño Reino, Xoán X., rep. Asoc. Cívico-Cultural Terra de Outes; Pazos Martínez, Manuel; Insua Canales, José Manuel; Sánchez Brea, José; Nieto Tomé, Ramón; Nieto Ramorís, José Agustín; Treciosky Doldán, Irene; Nieto Sieira, Mª Josefa; Silva Pereira, José Luis; Silva Dayana; Varela Carro, Sergio Adolfo; Ladandeira, Juan Manuel; Certón T. Manuel; Caamaño Cerviño, Eugenio; Caamaño Pedrosa, Carmen; Horta Pedrosa, Mª del Carmen; Alvite Guzmán, Shaila; Taboada Míguez, Fernando J.; Alvite Guzmán, Mª Marsei; Alvite Garabaz, Manuel; Rubín Domínguez, Inma; Medina Ocaña, Juan Santiago; Lema Nieto, Mónica; Cambeiro Canocida, Leonor; Sieira Mª Isabel; Ferreiro Ferreiro, José Manuel; Blanco José Manuel; Casais Nieto, Carmen; Gómez Núñez, Antonio; Turnes Romero, Saladina; Cort. Luz; Romero, José Manuel; Muñoz Chas, Alejandro; Iglesias Rodríguez, Óscar; Fiuza Leis, Xosé Anxo; Pastelero León, Manuela; Núñez León, Melania; Núñez León, Manuel; Velázquez Martín, Andrés; Vázquez Coso, Andrés; Monteagudo Pereiro, Aranzazu; Agra Gándara, María; Insua Leis, Mª Aranzazu; Núñez León, José Manuel; Pedrosa Vieites, Rosa; Pose Lado, Mª de los Ángeles; Caamaño Riveiro Juan José; Trzcinsky Trindade, Fabricio Martín; Guzmán Blanco, Beatriz; Domínguez Domínguez, Orentina; Casais Plata, Natalia; Nieto Barbazán, Germán; Nieto Barbazán, Laureana; Sieira Casais, Manuel; Barrazán Nieto, José; Nieto Barbazán, Dorinda; García Romarís, Víctor; García Romarís, José; Campos Lourido, Francisca Julia; Barbazán Lens, Nieves; Sanmartín Villar, Bienvenido; Nieto García, Alfredo; Gómez Molíns, Clara; Cancey Pérez, Amalia; Tamanes Mª Josefa; Rama Guzmán, Rubén, repres. a Manuela Corgal Fernández; Rama Guzmán, Rubén, repres. a Antonio Guzmán Corgal; Guzmán Gorgal, Argentina; Guzmán Guzmán, Enrique; Guzmán Gorgal, Juana Francisca; Mallo Blanco, María; Outes Fernández, Sonia; del Río Rodríguez, Manuel; Molino Monte, Juan José; Ponte Castro, Mª Esperanza; Nimo Ríos, Pablo; Mariño Reino, Xoán X.; Lago García, Iria; Porto García, Mª Milagros; Romay Caamaño, Mª Fátima; Rodríguez Jallas, Juan M.; Miñones Bermúdez, Francisco José; Blanco Fernández, Alberto; Villar Martínez, Milagros; Esmorís Rosende, Felipe; Romay Caamaño, Francisco José; González M., Julio José; Albores Romero, Josefa M.; Balayo Lago, Francisco; Mariño Ponte, Minia; Blanco Fernández, Ramón; Saavedra Pino, David; Camaño Silva, Esther; Vicente Lorenzo, Lidia; Ros Diz, Xosé Mª; Nieto Villar, Berta; Martínez Prol, Dolores; Abelleira Cambeiro, Vicente; Negreira Blanco, Jesús Mª; Díaz Andrés, Piedad; Ado Viña, Manuel; Baña Álvarez, Mª Luisa; Vázquez Lubri, José Manuel; Martínez Méndez, José A; Coiradas Campos, Mª Concepción; Cuns Turnes, Herminia; Vieito Nieto, Ramón; Suárez Puente, Eliseo; Oviedo Abeijón, José M; Antelo Antelo, Santiago; Castro Campos, Xosé B.; González Santoror, Miguel; Pérez Suárez, Severiano; García Beiro, Mª Helena; Carou Rogelio; Oviedo Abeijón, Julio; Castro Canosa, José A; Turnes Romero, Marisol; Martínez del Río, Domingo A.; Grille Josefina; Lores Castro, Manuel; Mallo Blanco, Juan A.; Juanatey Rodríguez, José Manuel; del Río García, Xosé; Liñares Burgo, José; Blanco Blanco, José Gerardo; Villaverde Nieto, Fernando; Concello de Outes; José Nieto Aragoneses; Manuela Nieto López; Odulia García Villar; Blandina Cobas Nieto; Manuel García Villar; Hermosinda Barbazán Nieto; Manuel Domínguez Sieira; Manuel Domínguez Sieira; María Magdalena Maceiras Sieira; Manuela Maceiras Sieira; Ofelina Domínguez Corbal; Manuela Cobas Nieto; David Blanco Pais; Doradina Antelo Leis; Manuela Leis Sanmartín; Gumersinda Nieto Rodríguez; Carlos Nieto Aragoneses; Sofía García Suárez; Javier Lourido Sanmartín, en nome propio e en representación de Antonio Lourido Sanmartín e Patricia Lourido Sanmartín; Pilar Nieto Barbazán; Patricia Bermúdez Nieto; Plácido Nieto Guzmán; Francisca Blanca Domínguez; José Sieira; Mª Dolores Germán Domínguez; Dolores Laura Sieira Casais; María Teresa Sieira Casais; Consuelo Sieira Casais; Antonio Sieira Tuñas; Consuelo Nieto Barbazán; María Martínez Coiradas; Manuel García Gorgal; Manuel Martínez Moledo; Manuel Tomé Pontes; Concepción González Arufe; Ana Caamaño Silva; Piedad Figueirido; José Pazos Martínez; Mª Carmen Sieira Blanco; Asociación de Veciños 3 de Maio de Sta. Cruz de Campolongo, repres. Freire Maneiro, José; Mariño Reino, Juan J.; Senande Figueiras, José; Abelleira Cambeiro, Vicente; Agra Tuñas, María Soledad; Fernández Domínguez, María Encarnación; Lema Turnes, Renata; Blanco Turnes, Miguel; Rama Baña, María Dolores; Turnes Romero, José Ramón; Turnes Romero, María Sol; Suárez Pais, Serafina; Pais García, Carmen; Caamaño Gosende, María Dominga; Antelo Lourido, Inés; Blanco José, Gerardo; Mallo Turnes, Paula; Lestón Suárez, Bibiana; Turnes Romero, Manuela; Suárez Pais, José María; Lado Ramos, María Junquera; Mosquera Astray, Lucía; Moledo Pérez, Francisco; Martínez Trillo, Clara; Alvite Lema, Manuela; Añón Abelleira, Vanesa; Gandarela Antelo, Celia; Antelo García, María del Carmen; Otero de la Iglesia, María del Carmen; Arcos Martínez, María Teresa; Turnes Romero, Saladina; Mallo Turnes, Juan; Lema Sieira, Manuel; Vidal Romero, Beatriz; Lema Sieira, Hermosinda; Moure Vázquez, Carlos; Insua Lourido, María del Pilar; López Antelo, José Domingo; Antelo Santos, Ramón Joaquín; Núñez Silva, Verónica; Guzmán Gorgal, Antonio; Santos Sieira, Manuel; Santos Sieira, Antonio; Sieira Blanco, Josefina Áurea; Barbazán Nieto, Felesindo; Asociación de Caza e Pesca Os Labercos, repres. Núñez Cernadas, Joaquín Manuel; Carnota Castro, Ignacio; Pais Beiro, Gonzalo; Casais Nieto, Celia; Antelo Lourido, José; Lourido García, María Sara; Romero Cambeiro, Dominga Felisa; Leis García, María; Juan Domingo Caamaño Fernández, en representación da Asociación de Veciños San Campio; Sociedade Galega de Historia Natural, repres. González Prieto Serafín J.