Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2023 Páx. 9421

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 5 de xaneiro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun programa de cooperación con organismos intermedios sen ánimo de lucro, para o asesoramento a empresas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR349Z).

BDNS (Identif.): 671564.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Organismos intermedios beneficiarios sen ánimo de lucro

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os organismos intermedios sen ánimo de lucro que se atopen inscritos no correspondente rexistro e dispoñan de centro de traballo en Galicia, entendendo por organismos intermedios sen ánimo de lucro os seguintes:

– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, incluídas as de carácter tecnolóxico.

– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.

– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliadas en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas.

– Clústeres empresariais.

– Asociacións de persoas autónomas.

Segundo. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento do emprego en colaboración con organismos intermedios sen ánimo de lucro (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores) para a contratación durante nove meses de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de xaneiro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun programa de cooperación con organismos intermedios sen ánimo de lucro, para o asesoramento a empresas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR349Z).

Cuarto. Requisitos dos servizos

a) Que sexan prestados polos organismos intermedios beneficiarios en réxime de administración directa.

b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas co fin do organismo intermedio sexa, como mínimo, de 9 meses e a xornada a tempo completo.

e) Que o organismo intermedio beneficiario dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta orde.

Quinto. Importe

Para a concesión desta axuda destínanse catro millóns douscentos corenta e catro mil douscentos cinco euros (4.244.205 €).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade