Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2023 Páx. 9376

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 5 de xaneiro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dun programa de cooperación con organismos intermedios sen ánimo de lucro, para o asesoramento a empresas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR349Z).

A Recomendación do Consello Europeo do 22 de abril de 2013 define a garantía xuvenil como unha recomendación aos Estados para que velen para que todas as persoas mozas menores de vinte e cinco anos que nin traballan, nin estudan, nin seguen unha formación, reciban unha oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedaren desempregadas ou remataren a educación formal.

O Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, no marco do FSE, para o período 2014-2020 ten como obxectivo dotar de instrumentos a Iniciativa de emprego xuvenil co fin de loitar contra o desemprego entre as persoas mozas.

A Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para impulsar o Sistema nacional de garantía xuvenil, e polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, regula, entre outros aspectos, a creación dun ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e o proceso de inscrición das persoas mozas.

Posteriormente, de acordo co establecido no punto catro da disposición derradeira décimo segunda da Lei 25/2015, do 28 de xullo, amplíase a idade máxima de acceso ao Sistema nacional de garantía xuvenil aos maiores de 25 anos e menores de 30 que cumpran cos requisitos recollidos na Lei 18/2014.

Esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral e a través do Programa de cooperación con organismos intermedios sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX), cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo (FSE) para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89 %.

Dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX) 2014-2020, esta actuación en particular terá encaixe no:

– Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en sistemas de educación ou formación, en particular no contexto da garantía xuvenil (IEX/FSE).

– Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas (IEX), en particular, daquelas sen traballo e non integradas nos sistemas de educación ou formación, así como as persoas mozas que corren o risco de sufriren exclusión social e as procedentes de comunidades marxinadas, tamén a través da aplicación de garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido ou estable das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

– Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas cun período mínimo de permanencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á comunidade autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e control das axudas e subvencións do programa de axudas ás entidades sen ánimo de lucro para a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que a finalidade e o obxectivo último da Iniciativa de emprego xuvenil (IEX) e do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX), é a mellora da empregabilidade e a inserción laboral da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, mediante a creación de postos de traballo, polo que non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión dos incentivos se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Así mesmo, as solicitudes, tramitación e concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Secretaría Xeral da Igualdade e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta convocatoria ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con organismos intermedios sen ánimo de lucro (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores) para a contratación durante nove meses de persoas mozas, incluídas e que consten como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral (código de procedemento TR349Z).

2. Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas incluídas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, que non estivesen traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación, que teñan feito os dezaoito anos e, non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, mediante a prestación de servizos que posibiliten ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ás seguintes normas: Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. No que resulte de aplicación axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

3. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo FSE e pola IEX serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, e o Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, así como a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 3. Réxime de axudas

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, en particular:

Dentro do Programa operativo de emprego xuvenil (POEX) 2014-2020, esta actuación en particular terá encaixe no:

a) Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en sistemas de educación ou formación, en particular no contexto da garantía xuvenil (IEX/FSE).

b) Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

c) Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas (IEX), en particular, daquelas sen traballo e non integradas nos sistemas de educación ou formación, así como as persoas mozas que corren o risco de sufriren exclusión social e as procedentes de comunidades marxinadas, tamén a través da aplicación de garantía xuvenil.

d) Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido ou estable das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

e) Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas cun período mínimo de permanencia.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68 ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

En concreto, para a xustificación dos importes das axudas, establécese un baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) i) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Artigo 4. Financiamento

1. O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 4.244.205€, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, a través dos créditos consignados na aplicación 11.30.322C.481.7 (código de proxecto 2023 00099).

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde está suxeita á existencia de crédito orzamentario.

3. Os créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. Será necesario o informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do POEX 2014-2020 en Galicia (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

5. De acordo coas normas que regulan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por organismos intermedios sen ánimo de lucro:

• Organismos intermedios empresariais : asociacións empresariais sen ánimo de lucro, os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica sen ánimo de lucro, clústeres e agrupacións industriais empresariais, con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia, que representen un colectivo de empresas galegas.

Clúster: concentración de empresas nunha zona xeográfica determinada ou concentración de diferentes organizacións relacionadas cunha materia concreta, que buscan aumentar a produtividade das empresas e que estea presente en Galicia baixo formas de natureza asociativa sen ánimo de lucro.

• Agrupación industrial: organización de natureza asociativa sen ánimo de lucro, composta de empresas especializadas ao redor dunha cadea de valor, que cooperan estreitamente co fin de promover a súa competitividade, cunha especial atención á innovación e a internacionalización das empresas que forman parte desa cadea de valor.

• Asociación empresarial sectorial: asociación empresarial sen ánimo de lucro, cuxo fin é o apoio á competitividade das persoas autónomas, microempresas, pemes e grandes empresas dun sector de actividade económico específico, así como de representación e defensa do empresariado ante as institucións, organismos públicos e axentes sociais.

• Asociación empresarial intersectorial: asociación empresarial sen ánimo de lucro, integrada por unha diversidade de empresas ou de asociacións empresariais de diferentes ramos de actividade económica, e que presta servizos de fomento e apoio á competitividade das persoas autónomas, microempresas, pemes e grandes empresas, así como de representación e defensa do empresariado ante as institucións, organismos públicos e axentes sociais.

• Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación vinculada ao programa e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, de ser o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

• Persoas que poden ser contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención: deberán, en todo caso ser desempregadas inscritas e beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Artigo 6. Organismos intermedios beneficiarios sen ánimo de lucro

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde, os organismos intermedios sen ánimo de lucro que se atopen inscritos no correspondente rexistro e dispoñan de centro de traballo en Galicia, entendendo por organismos intermedios sen ánimo de lucro os seguintes:

– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, incluídas as de carácter tecnolóxico.

– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.

– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliadas en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas.

– Clústeres empresariais.

– Asociacións de persoas autónomas.

2. No poderán ter a condición de beneficiarios das subvencións establecidas nesta orde os organismos intermedios en quen concorra algunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos dos servizos que se prestarán aos organismos intermedios sen ánimo de lucro beneficiarios

Os servizos que se desenvolvan ao abeiro desta orde deberán posibilitar ás persoas contratadas a realización dun traballo efectivo en tarefas relacionadas co fins do organismo intermedio, que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo, e non estar afectos ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polos organismos intermedios beneficiarios en réxime de administración directa.

b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos en tarefas relacionadas co fins do organismo intermedio sexa, como mínimo, de 9 meses e a xornada a tempo completo.

d) Que o organismo intermedio beneficiario dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao amparo desta orde (artigo 8.4), de ser o caso.

Artigo 8. Contía da subvención

1. A contía da subvención que se concederá aos organismos intermedios beneficiarios será, por cada persoa moza contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a.i) do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Este método de custos simplificados consiste nun baremo estándar de custo unitario segundo o grupo de cotización en que se atopen as persoas traballadoras en cuestión:

IPREM

Módulo BECU (persoa contratada/mes)

Contía da axuda por 9 meses

BECU 1: grupo de cotización 1 a 4

3 veces o IPREM por persoa contratada

2.656,82 €

23.911,38 €

BECU 2: grupo de cotización 5 a 9

2 veces o IPREM por persoa contratada

1.771,21 €

15.940,89 €

BECU 3: grupo de cotización 10 a 11

1,5 veces o IPREM por persoa contratada

1.328,41 €

11.955,69 €

2. A presente regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados e da orde de elixibilidade, e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos organismos intermedios beneficiarios.

3. A contía da subvención concedida aboarase aos organismos intermedios beneficiarios nun único pagamento, logo de presentada a documentación xustificativa establecida no artigo 23 desta orde por cada persoa moza contratada, polo menos, por un período de 9 meses e cunha xornada a tempo completo.

4. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización e o importe correspondente ao salario dos días en que unha persoa traballadora subvencionada se atope de baixa temporal.

Ademais, acorde co disposto no artigo 5.1.c) da Orde ESS/1924/2016 pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, para calcular o custo subvencionable terase en conta soamente o tempo efectivo dedicado á actuación subvencionada, polo que non se deben computar as situacións con dereito a retribución en que non se presta servizo efectivo (como as ausencias ou as incapacidades temporais, nin as situacións recollidas no artigo 37.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro).

5. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

6. Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas no organismo intermedio beneficiario.

Artigo 9. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

O organismo intermedio deberá indicar no formulario normalizado (anexo I) o grupo de cotización a que pertencen as persoas traballadoras solicitadas. Para cada unha das persoas traballadoras solicitadas deberase consignar na solicitude o CNO a 4 díxitos, que facilite e axilice o proceso posterior de selección, e deberá existir coherencia entre o CNO solicitado e o grupo de cotización.

Para efectos orientativos, os organismos intermedios solicitantes teñen á súa disposición a páxina web: http://emprego.xunta.gal/portal/gl/buscador-ocupacions.html, na cal poden consultar o número de persoas mozas (garantía xuvenil), con dispoñibilidade para o emprego por concello, provincia, comarca, ou en toda Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. No caso de presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. Xunto co formulario de solicitude (anexo I), deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación do organismo intermedio asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos polo organismo intermedio, de ser o caso.

h) Que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas ten relación co fins do organismo intermedio e lles vai procurar unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.

i) Que o organismo intermedio solicitante non ten ánimo de lucro.

j) Que o organismo intermedio está inscrito no correspondente rexistro

k) Que o organismo intermedio dispón dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

l) Que coa presentación desta solicitude acepta a subvención.

m) Que ningunha das persoas que ocupan funcións directivas no organismo intermedio a partir da data de publicación da presente orde, nin os seus cónxuxes, ascendentes, descendentes ou demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, van ser contratadas ao abeiro da presente subvención.

n) Certificación do/da secretario/a do organismo intermedio ou, de non existir esa figura, da persoa representante do organismo, en que consten os custos salariais das persoas traballadoras que se pretenden contratar para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención. Farase referencia expresa ao convenio colectivo que sexa de aplicación.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou organismo intermedio interesado se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Consulta do código conta de cotización.

d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Consulta concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.

i) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

j) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

k) Inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego, nas datas de referencia (selección e contratación).

l) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.

m) Inscrición como beneficiaria no ficheiro do SNGX nas datas de referencia (selección e contratación).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa traballadora contratada faga constar que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente.

n) Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia.

ñ) Datos de residencia con data de última variación do padrón.

2. No caso de que as persoas ou organismos interesados se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas ou organismos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

4. A entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control, e facilitará toda a información requirida polos órganos verificadores establecidos en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 17. Procedemento para a concesión

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia non competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ata esgotar o crédito.

4. Revisados e completados os expedientes, realizarase unha selección co obxecto de outorgarlles a correspondente subvención aos organismos intermedios que cumpran os requisitos desta orde, seguindo as seguintes regras:

a) Terase en conta, para os efectos da asignación de contratos, a relación que figure no anexo da solicitude (epígrafe «subvención solicitada» relativo ao número de persoas que se vai contratar, tendo preferencia os contratos sinalados en primeiro lugar.

b) Recibirán subvención para tres contratacións os organismos intermedios beneficiarios de ámbito autonómico (Galicia), segundo o disposto no artigo 6.1.

c) Recibirán subvención para unha contratación os restantes organismos intermedios beneficiarios, segundo o disposto no artigo 6.1.

5. Terminada a asignación dos contratos sinalada nas anteriores alíneas a), b) e c), e de existir crédito dispoñible, os resto dos contratos adxudicaranse sucesivamente un a un, ata o esgotamento do crédito. O máximo de contratos por organismo intermedio fíxase en 7 contratacións.

Artigo 18. Resolución

1. A resolución dos expedientes de subvencións regulados na presente orde correspóndelle á secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, de acordo co establecido no Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, quen, tras a fiscalización da proposta do órgano instrutor pola Intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Na resolución de concesión informarase o beneficiario de que a axuda é financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Iniciativa de Emprego Xuvenil con expresión do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico, liña de actuación e porcentaxe de financiamento correspondente (91,89 %).

Igualmente, informarase de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, así como a outra información recollida no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

O nome dos organismos intermedios beneficiarios será publicado na lista de operacións prevista no artigo 115 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao FSE e outros fondos.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto neste programa esgotan a vía administrativa, polo que contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo dun mes computado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras

1. A partir do momento de comunicación da resolución de concesión por parte da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, os organismos intermedios beneficiarios poderán iniciar o procedemento de selección das persoas desempregadas que se vaian contratar.

2. As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán cumprir, en todo caso, os seguintes requisitos no momento da selección:

– Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

– Ser desempregadas inscritas como tales no Servizo Público de Emprego de Galicia.

– Estar inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, para ser beneficiarias desta medida, as persoas mozas deberán manter tanto o cumprimento do requisito de estar desempregadas e non ter traballado no día natural anterior á data da sinatura do contrato, como o de constar como beneficiarias no SNGX ata o momento da contratación, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificado polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, e polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo.

Será o organismo intermedio beneficiario da subvención o responsable de comprobar que, no momento de inicio da relación laboral, a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.

3. Os organismos intermedios beneficiarios da subvención poderán solicitar as persoas traballadoras que necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na correspondente oficina pública de emprego de Galicia, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados; deberá presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións –CNO– a 4 díxitos. A oferta na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación.

Poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta orde.

4. Se se opta pola presentación de oferta ante a oficina de emprego seguirase o seguinte proceso:

a) As ofertas achegaranse, necesariamente, a través de medios telemáticos (sede electrónica da Xunta de Galicia ou por correo electrónico). Presentarase unha oferta de emprego por cada categoría profesional que se demanda e xuntarase tamén a resolución de concesión.

b) Recibida a oferta, a oficina de emprego realizará unha sondaxe de persoas demandantes en función das características da oferta, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando un número de persoas candidatas por posto de traballo que non poderá ser, sempre que sexa posible, inferior a dúas nin superior a dez.

c) A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando o organismo intermedio xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario por escrito ou incomparecencia das remitidas.

d) No suposto de que os organismos intermedios beneficiarios non consigan cubrir algún dos postos de traballo concedidos, poderán substituílo por outro CNO dentro do mesmo grupo de cotización ca o inicialmente concedido.

e) A selección definitiva dos/das candidatos/as deberá ser notificada polo organismo intermedio beneficiario á correspondente oficina de emprego, que comprobará a inscrición como demandante de emprego e a situación laboral de non ocupada da persoa ou persoas seleccionadas, e proporcionará ao organismo intermedio beneficiario un código identificador da oferta que deberá empregar na comunicación obrigatoria da contratación a través da aplicación Contrat@

5. Para os efectos de facilitar a selección de persoas candidatas, a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social elaborará unha instrución informativa que publicará na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

Artigo 21. Contratación das persoas traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras segundo o disposto nesta orde e na instrución prevista no artigo 20.5, o organismo intermedio beneficiario procederá á súa contratación por un período mínimo de 9 meses a xornada completa.

Utilizarase ben a modalidade de contrato indefinido ben a modalidade de contrato temporal. Se a modalidade contractual pola que se opta é de carácter temporal, por tratarse de contratos vinculados a programas de activación para o emprego, utilizarase a modalidade de «contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral».

2. Será o organismo intermedio beneficiario da subvención o responsable de comprobar que, no momento de inicio da relación laboral, a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos e non supere a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estea desempregada inscrita como demandante de emprego e conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na correspondente oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil: https://garantiajuvenil.sepe.es/login.action. Os organismos intermedios beneficiarios deberán deixar constancia documental da comprobación sinalada para pista de auditoría (artigo 24.o).

3. Os contratos subvencionados ao amparo desta orde comezarán como data límite o 1 de maio de 2023, e rematarán aos 9 meses, salvo que se trate de contratos de carácter indefinido. No caso de contratos indefinidos, o importe subvencionable será como máximo de 9 meses. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo.

De producirse ampliación de crédito segundo o previsto no artigo 4.4, as datas límite previstas no parágrafo anterior poderán ampliarse se for preciso para garantir un período mínimo de 9 meses de contratación a xornada completa.

4. Os organismos intermedios beneficiarios darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

5. Os organismos intermedios beneficiarios asumen a súa condición de empregador respecto ás persoas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.

6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse, necesariamente, a través da aplicación CONTRAT@.

7. No momento da contratación a persoa moza asinará e cubrirán no anexo III, a declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa, no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación. Así mesmo, o órgano xestor realizará esas comprobacións finais, así como a de inscrición da persoa moza contratada como beneficiaria do SNGX.

8. O organismo intermedio beneficiario comunicará á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o inicio dos contratos no prazo máximo de dez días hábiles desde o dito inicio, con indicación do número de persoas mozas contratadas, e presentará a documentación xustificativa recollida no artigo 23.

9. Cando se produza a extinción do contrato antes de que finalice o período de 9 meses, optarase preferentemente por substituír a persoa traballadora segundo o establecido no artigo 22 da presente orde ou, no caso contrario, por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención correspondente ao período de baixa ou de redución do contrato.

10. A concesión e o uso destas axudas non suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

11. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas.

Artigo 22. Substitución das persoas traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, o organismo intermedio beneficiario poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada, nun prazo máximo de 15 días desde que se produza, á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, indicando a causa da baixa da anterior persoa traballadora que motiva a substitución.

Coa notificación da nova contratación o organismo intermedio beneficiario deberá achegar os seguintes documentos:

a) No caso de extinción de contrato, previsto no número 1 deste artigo, parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída e, no suposto de baixa temporal a que fai referencia o número 2, xustificación de duración superior a 30 días mediante o correspondente parte de baixa ou informe médico.

b) Contrato de traballo, ben na modalidade de contrato indefinido ou ben contrato na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral, formalizado e debidamente comunicado a través do aplicativo CONTRAT@.

c) Parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC) da persoa substituta.

e) Documento de información da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinado pola persoa substituta, segundo o modelo publicado na páxina web http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta pode levarse a cabo a través da correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e que cumpran os requisitos da orde de convocatoria no momento da súa contratación.

5. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e deberá facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo.

6. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de 9 meses por baixa voluntaria da persoa traballadora e o organismo intermedio opte por non substituíla, poderá devolver a parte proporcional da axuda recibida con carácter voluntario, e sen o requirimento previo da Administración, conforme o disposto no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro.

A devolución da axuda farase mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, o organismo intermedio deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboarase aos organismos intermedios beneficiarios nun único pagamento polo importe de 9 meses por cada persoa contratada, logo de presentada a documentación xustificativa que se relaciona no punto 4 deste artigo, e unha vez cumprido o obxectivo para o que foi concedida: a contratación de persoas mozas inscritas e beneficias do Sistema nacional de garantía xuvenil.

3. O prazo para a presentación da documentación xustificativa finaliza o 1 de xuño de 2023.

4. Documentación xustificativa.

a) Anexo II: certificado da persoa representante do organismo intermedio correctamente cuberto en todos os campos.

b) Anexo IV: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, en que se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas, (segundo o modelo do anexo V), en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

c) Contratos de traballo obxecto de subvención, ben na modalidade de contrato indefinido ben na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de «contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral», formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

d) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 25.

f) Acreditación, se é o caso, do sitio web do organismo intermedio, no cal conste unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

g) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados, segundo o modelo publicado na páxina web:

http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

h) Certificado de selección da persoa contratada, no modelo publicado na páxina web:

http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

i) Anexo III asinado por cada unha das persoas mozas contratadas no momento da contratación: declaración en que fai constar que non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa, no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación.

j) A falta de presentación da xustificación no prazo establecido no punto 3 deste artigo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.

5. O cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras establecidos no punto 2 do artigo 20 (ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, estar desempregadas inscritas, ser beneficiarias do SNGX na data de selección e formalización do contrato, e non ter traballado no día natural anterior á data da súa sinatura), será comprobado de oficio polo órgano concedente.

6. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres o organismo intermedio beneficiario non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. O pagamento da axuda ordenarase unha vez recibida a documentación xustificativa, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado no anexo I da solicitude.

Artigo 24. Obrigas dos organismos intermedios sen ánimo de lucro beneficiarios

Os organismos intermedios beneficiarios , ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Comunicar, a través da aplicación Contrat@, os contratos realizados.

d) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

e) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, de ser o caso.

f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer, no seu vencemento e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

g) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 9 meses, agás baixa voluntaria da persoa traballadora, caso en que a beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla segundo se establece no artigo 22 desta orde ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional.

As baixas voluntarias deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas no prazo de 5 días desde que se produzan, achegando a declaración da persoa traballadora en que se indique o motivo da baixa, segundo o modelo dispoñible na sede electrónica

h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

i) Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, o organismo intermedio beneficiario da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

j) Presentar ante a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, antes do 31 de xaneiro de 2024, unha memoria final, no modelo publicado na páxina web:

http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

k) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro, e o artigo 13 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, a Orde ESS/1924/2016 do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

l) Garantir os principios horizontais das axudas recollidos no Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, no seu artigo 7, respecto á promoción da igualdade entre homes e mulleres e a non discriminación.

m) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, así como adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia á «Iniciativa de emprego xuvenil. O FSE inviste no teu futuro»; nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

n) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, de conformidade co establecido no artigo 25.

ñ) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os indicadores de produtividade refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da persoa participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Para estes efectos, seralles facilitado aos organismos intermedios beneficiarios o acceso á aplicación PARTICIPA1420.

o) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

q) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Antes do 31 de xaneiro de 2024, o organismo intermedio beneficiario deberá presentar, ante a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, a seguinte documentación:

– Memoria final, no modelo publicado na páxina web:

http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html

– Certificado de fin de actuación asinado pola persoa responsable competente do organismo intermedio beneficiario, segundo o modelo publicado na páxina web.

3. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social realizará cantas comprobacións sexan precisas para verificar o cumprimento das obrigas recollidas nesta orde.

4. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de emprego xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas neste programa, a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e comunicación: cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social. na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego?content=iniciativa_0044.html, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego, polo Fondo Social Europeo e pola Iniciativa de emprego xuvenil.

Ademais, durante este tempo, de dispoñer o organismo intermedio dun sitio web, deberá realizar unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

b) Relacionadas cos sistemas de xestión e control, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma.

5. A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social realizará, de oficio, para os efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas ao organismo intermedio beneficiario para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Non ter comprobado que a persoa moza contratada non traballou nin recibiu ningunha acción formativa e/ou educativa no día inmediatamente anterior ao da selección e ao da contratación, constando para iso como beneficiario no Sistema nacional de garantía xuvenil nesa data: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable axeitada establecida no artigo 24.o): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) En caso de ausencia total da pista de auditoría establecida no artigo 24.o): reintegro do 100 % do gasto subvencionado.

f) Non proceder á devolución voluntaria da subvención segundo o previsto nos artigos 21.9 e 22.6: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 23.3: reintegro do 50 %; así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao amparo do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

h) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 24: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

i) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o organismo intermedio beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

j) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

k) En caso de baixa temporal das persoas subvencionadas e se a entidade beneficiaria non devolveu o importe do salario en concepto de remanente, procederá o reintegro do dito importe dos días correspondentes á baixa temporal.

3. As obrigas do reintegro establecidas no parágrafo anterior enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideren ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer tales feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado Servizo, que poderán consultar na ligazón indicada

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file