Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2023 Páx. 10157

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023 pola que se fai público o importe do canon específico de tratamento por tonelada na planta da fracción orgánica dos residuos urbanos que deberá aplicar a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2023.

Antecedentes.

Primeiro. A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, prevé que a consellería competente en materia de residuos, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), e dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establecerá un programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe, e fixará as condicións de adhesión dos concellos, así como a aprobación do modelo de adhesión para a súa formalización, o que se fixo mediante a Resolución da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do 19 de decembro de 2017 (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro de 2018).

Segundo. Na mencionada disposición adicional segunda, fixouse un canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica, máis o IVE correspondente, que sería actualizada anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos ao consumo galego.

Terceiro. Que para o ano 2022 o canon ascendeu a 48,30 euros tonelada máis o IVE.

Cuarto. Segundo os resultados económicos obtidos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), para o ano 2023, é posible manter o importe do canon específico por tonelada de residuos entregados aplicada no ano 2022.

Fundamentos xurídicos.

I. O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección de esta incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sinala que dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, poñerase en marcha unha planta de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais.

O punto catro desta disposición, en garantía da sustentibilidade financeira da nova instalación de xestión, fixou o canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo galego e que a súa contía actualizada se publicaría no Diario Oficial de Galicia.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica aplicable, durante o ano 2023, no marco do Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 48,30 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda