Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2023 Páx. 10159

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2023, así como a bonificación aplicable para o devandito ano.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 19 de xaneiro de 2022, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, emitida ao abeiro do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 19, do 28 de xaneiro de 2022, fíxose público o importe do canon unitario que vai percibir a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2022, que se fixa na suma de 66,00 euros por tonelada máis IVE de residuos xestionada.

Segundo. De acordo co establecido no punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estableceuse para o ano 2022 unha bonificación do canon por importe do 10 % do canon do ano anterior, da cal resulta unha cantidade de 59,40 euros máis IVE como canon bonificado para aplicar a aquelas entidades locais que cumpran os requisitos establecidos na lei.

Terceiro. Que a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, estableceu unha modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, concretamente no punto tres bis da súa disposición adicional vixésimo primeira, que regula a bonificación do canon, mediante a cal se establece que o seu importe pode chegar ao 15 % da cantidade que en concepto de canon estea vixente no ano inmediatamente anterior.

Cuarto. De acordo cos resultados económicos obtidos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), para o ano 2023 é posible manter a contía do canon unitario de tratamento aplicado no ano 2022. Igualmente, é posible aplicar para o ano 2023 unha bonificación do canon dun 15 % para aquelas entidades locais que xustificasen o cumprimento dos requisitos establecidos na modificación do punto tres bis da disposición adicional 21 da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

O punto dous da devandita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos ao consumo, e a súa contía publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A citada disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establece como unha das súas finalidades o alcanzar un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema, polo que, quedando garantida a sustentabilidade financeira do sistema, é posible establecer para o ano 2023, e de forma excepcional, o mantemento do canon unitario de residuos aplicado no ano 2022.

Igualmente, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduciu no seu artigo 11 unha modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, mediante a cal se introduce un punto tres bis na disposición adicional vixésimo primeira, modificado novamente á súa vez pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que regula a posibilidade de establecer unha bonificación na contía do canon unitario de tratamento por tonelada nunha porcentaxe que non excederá o 15 % da cantidade que en concepto de canon estea vixente no ano inmediatamente anterior.

Dándose as circunstancias establecidas nese punto tres bis da mencionada disposición adicional vixésimo primeira, ao concorreren na Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) circunstancias económicas de cumprimento dos obxectivos orzamentarios e as previsións do plan de viabilidade, é posible aplicar durante o ano 2023 a bonificación do canon unitario aplicable sobre o vixente no ano 2022.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable durante o ano 2023, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 66,00 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Establecer e facer público durante o ano 2023 dunha bonificación do canon unitario, por importe do 15 % do canon unitario establecido para o ano 2022, da cal resulta así un canon bonificado para o ano 2023 de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido. Este canon bonificado será de aplicación a aquelas entidades locais que cumprisen no ano 2022 as condicións específicas establecidas nese punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e cumpran igualmente no ano 2023 as novas condicións establecidas nela segundo a modificación operada pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e débese solicitar a Sogama a nova bonificación para o ano 2023 antes do 1 de marzo de 2023.

Para aquelas entidades que non solicitasen a aplicación do canon bonificado no ano 2022, ou ben, solicitándoo, non cumprisen os requisitos establecidos na lei para o seu mantemento, poderán solicitar a súa aplicación para o ano 2023 ata o 1 de marzo de 2023, que será efectiva sempre que cumpran as condicións específicas establecidas no punto tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, segundo a modificación operada pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda