Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2023 Páx. 10346

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR342C).

BDNS (Identif.): 672679.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas ou entidades beneficiarias

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas en situación o risco de exclusión social.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as axudas establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

A orde regula o Plan de Galicia emprega (código de procedemento TR342C) de incentivos á contratación por conta allea e á formación dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 25.1.a), a través de dúas liñas de axudas:

1. A liña de incentivos á contratación por conta allea que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

2. A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional, dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR342C).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dezasete millóns catrocentos cincuenta mil euros (17.450.000 €), distribuídos do seguinte xeito:

– Persoas mozas: 3.000.000 €.

– Persoas paradas de longa duración e/ou persoas de 55 ou máis anos: 2.000.000 €.

– Persoas emigrantes retornadas e estranxeiras: 2.000.000 €.

– Mulleres: 7.000.000 €.

– Persoas con discapacidade e/ou en risco ou situación de exclusión social: 2.950.000 €.

– Para todos os colectivos anteriores, no caso de que a entidade beneficiaria sexa una entidade sen ánimo de lucro: 500.000 €.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 29 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade