Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2023 Páx. 10723

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento BS306B).

BDNS (Identif.): 672718.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Grupos informais de entre 5 e 8 persoas mozas, debidamente identificadas, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación. Deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Segundo. Obxecto

O establecemento das bases reguladoras para a concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2023 e nas cales as persoas novas participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento BS306B).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 400.000,00 euros. Finánciase o 100 % do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior a 5.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Publicación

A publicación no Diario Oficial de Galicia dos actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento producirá os efectos de notificación.

Sétimo. Outros datos

O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2023.

Coa presentación da solicitude achegarase o proxecto de iniciativas xuvenís seguindo o modelo publicado na convocatoria.

Todas as entidades e grupos aos cales se lles conceda a axuda e o soliciten recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social