Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2023 Páx. 11548

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xaneiro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 10 de xaneiro de 2023 relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común do Navallo e O Mente, e Portela de Fraga, no concello de Riós (Ourense).

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC do Navallo, pertencente á CMMVVMC de Navallo e O Mente; e do MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMMVVMC de Pedrosa, no concello de Riós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 16.8.2022, a CMMVVMC do Navallo e O Mente presentou un escrito (Rexel 2022/2070812) en que solicita a aprobación dun deslindamento entre o MVMC Navallo e o MVMC Portela da Fraga.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 12.4.2022.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Riós.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 26 de outubro de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC do Navallo, pertencente á CMMVVMC do Navallo e O Mente, e o MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMMVVMC de Pedrosa, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 15 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que o punto inicial 1 (situado na liña de termo coa Gudiña e estremando tamén co MVMC Comunal de Parada da Serra) debe ter a consideración de punto auxiliar; isto débese a que o dito punto, nin se sitúa sobre a liña intermunicipal actualmente vixente no MTN do IGN, nin tampouco sobre un punto singular ou que conte coa avinza da CMMVVMC de Parada da Serra e que permita concluír inequivocamente que non se está a invadir o TM da Gudiña. Pola contra, a adopción do dito punto implicaría crear unha terceira raia ou referencia, distinta tanto da liña de termo do IGN como da liña perimetral procedente da dixitalización das carpetas-ficha, e que achegaría máis dúbidas e inseguridade no tocante á definición, nesa estrema común, dos montes obxecto de deslindamento e máis do Comunal de Parada da Serra.

Xa que logo, fíxase o punto 1 como referencia para determinar a dirección da liña antes de chegar ao primeiro punto do deslindamento como tal, que sería o 2. Desde aquí, a liña vai seguindo a traza dun cortalumes ata chegar ao punto 14, onde pasa a estar definida polo eixo lonxitudinal dunha pista forestal correspondente coa RC 32072A05309001.

O citado informe considera que a solicitude axústase ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 15 indicados na acta de conciliación, tendo o punto 1 a consideración de vértice auxiliar que define a dirección da liña no tramo anterior ao punto 2.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se vai seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de outubro de 2022, o Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou por unanimidade o día 13 de decembro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC do Navallo, pertencente á CMMVVMC do Navallo e O Mente; e do MVMC Portela de Fraga, pertencente á CMMVVMC de Pedrosa, no concello de Riós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 11 de xaneiro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense