Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2023 Páx. 11513

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, tramitada como anticipada de gasto (código de procedemento IN501A).

BDNS (Identif.): 673418.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (htpp://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela:

a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

b) Agrupacións empresariais innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

c) Colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.

d) Centros universitarios.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros, de ser o caso.

b) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.

3. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de maneira individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo.

3.1. No caso de proxectos individuais, unicamente poderá presentarse unha solicitude por entidade (ben sexa proxecto tractor ou singular). En caso de presentar máis dunha solicitude individual, terase en conta a presentada en último lugar e procederase á inadmisión das restantes presentadas.

3.2. No caso de proxectos conxuntos, non hai límite de presentación de solicitudes por entidade.

Neste caso, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, as entidades solicitantes deben compartir polo menos o 80 % das actividades propostas, e deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de entidades beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación, e que será o interlocutor único ante a Administración.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión das axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de Formación e coa Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2023, para o desenvolvemento de proxectos tractores e proxectos singulares (código de procedemento IN501A).

2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e os seus produtos derivados.

Proxectos subvencionables:

1. Nos termos desta resolución, tanto no caso de proxectos tractores como singulares, serán subvencionables os proxectos que integren actividades de carácter formativo non regrado, así como actividades de carácter divulgativo que promovan a industria forestal-madeira de Galicia como unha industria estratéxica e de futuro.

2. Os proxectos recollerán:

a) Organización de actividades formativas non regradas, tales como másters, cursos ou pílulas formativas relacionados coa industria forestal-madeira. En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

a.1) Formación específica non regrada:

1º. Habilidades e coñecementos na xestión de aproveitamentos madeireiros, na xestión de aproveitamentos non madeireiros tales como a resina (quedan excluídos os alimentarios como fungos, froitos, mel, aromatizantes e medicinais), en tratamentos silvícolas e na utilización de maquinaria forestal.

2º. Habilidades no manexo de maquinaria de primeira transformación, así como do coñecemento dos procesos industriais de serra, secado, clasificación da madeira e tratamentos preventivos e curativos da madeira que contribúan á súa valorización comercial.

3º. Habilidades no manexo de maquinaria de segunda transformación, control numérico CNC, procesos de acabamento, así como no desenvolvemento de proxectos de instalación e amoblamento.

4º. Incorporación do deseño como ferramenta de diferenciación nos produtos de madeira ao longo de toda a cadea de valor e, en particular, na carpintaría e o moble.

5º. Competencias profesionais en materia de construción en madeira.

6º. Competencias profesionais para a caracterización e clasificación de madeiras locais.

a.2) Formación non regrada de carácter transversal:

1º. Seguridade e saúde laboral nos procesos da cadea de valor da industria forestal-madeira que incorpore as novidades tecnolóxicas da industria e que permita a reciclaxe profesional neste ámbito. Queda excluída a formación centrada especificamente nos posto de traballo ou funcións de cada traballador, así como a adaptación desta á aparición de novos riscos.

2º. Competencias para o manexo de software e Tics no ámbito da industria forestal-madeira.

3º. Habilidades directivas e formación en métodos de xestión, dirección, comercialización e márketing.

4º. Implantación de procesos de certificación forestal (FSC e PEFC), dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira (entre outros, mediante tecnoloxía blockchain).

b) Organización de actividades de divulgación: xornadas, conferencias, seminarios, charlas ou visitas instrutivas en colexios, universidades ou outros centros, ou, en xeral, calquera formato de divulgación sobre a industria forestal-madeira. A protagonista indubidable das actividades de divulgación será a industria forestal-madeira, e a súa cadea de valor, quedando excluídos outros usos ou labores vencellados ao monte.

En concreto, subvencionaranse exclusivamente as actividades que aborden as seguintes temáticas:

1º. Difusión das vantaxes ambientais do uso da madeira e da súa contribución á sustentabilidade e á economía circular, así como das ferramentas que facilitan a súa cuantificación e comunicación: análise de ciclo de vida, ecodeseño, etiquetaxes ambientais, etc.

2º. Novos usos da madeira na construción.

3º. Materiais derivados da madeira, as súas últimas innovacións e aplicacións.

4º. Necesidade de certificación (PEFC e FSC) da xestión forestal, implantación da cadea de custodia e dilixencia debida, así como métodos para monitorizar a orixe e destino da madeira.

5º. Nova demanda de produtos madeireiros ou baseados en madeira.

6º. O papel da muller na industria forestal-madeira: perfís profesionais, impacto e impulso de novas vocacións.

7º. Calquera das temáticas recollidas nas epígrafes a.1) e a.2).

Terceiro. Contía

As axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo á aplicación orzamentaria 14.A4.741A.481.0 no código de proxecto 2018 00005. O orzamento destinado a esta convocatoria do exercicio contable 2023 é de 500.000 euros.

Categoría

Código de proxecto

Aplicación orzamentaria

Orzamento

Proxectos tractores

2018 00005

14.A4.741A.481.0

425.000 €

Proxectos singulares

2018 00005

14.A4.741A.481.0

  75.000 €

A intensidade máxima da axuda será do 100 % do investimento total subvencionable tanto para as actividades formativas non regradas como para as actividades divulgativas, ata un máximo de 90.000 euros por solicitude e 120.000 € por persoa beneficiaria.

Cuarto. Prazo de presentacións de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Jacobo Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal