Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11781

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (código de procedemento VI426C).

No marco do Observatorio da Vivenda de Galicia asinouse, o 22 de xaneiro de 2021, o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, o cal prevé na súa liña estratéxica 1, eixe primeiro, programa 4, acción 5, a implementación por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo dun programa de mobilización de vivendas baleiras, co obxectivo de mobilizar o maior número posible de vivendas baleiras de titularidade privada para a súa incorporación ao mercado de alugamento a un prezo accesible. No citado pacto incluíase, ademais, como complemento ao programa, a liña de axudas para realizar arranxos nas vivendas.

Para a consecución da incorporación de vivendas baleiras nos termos indicados ditouse a Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (código de procedemento VI426D), a cal foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 3 de outubro de 2022. A citada resolución regula a participación das entidades colaboradoras, os requisitos que deben cumprir tanto as vivendas que se pretendan incorporar como as persoas que queiran ser arrendatarias, así como os demais elementos do programa.

Para os efectos de desenvolver o segundo dos obxectivos do Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025 anteriormente mencionados, establécense nesta resolución as bases reguladoras dunha liña de subvencións para realizar arranxos nas vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, e procédese á súa convocatoria para o ano 2023, con carácter plurianual.

Tendo en conta a data de inicio da vixencia do Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, o 3 de outubro de 2022, poderanse acoller á convocatoria das subvencións do Programa Rehaluga do ano 2023 as actuacións que se realicen desde o 3 de outubro de 2022.

Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Esta resolución tramítase ao abeiro do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, dado que existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de Lei orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), e proceder á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (código de procedemento VI426C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras

Quinto. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Obras de conservación e mantemento.

b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.

c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

d) Adquisición e colocación de mobiliario de cociña, así como dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno e campá extractora.

e) Cambio de sanitarios, bañeira e anteparos.

Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Sexto. Requisitos para obter a axuda

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea incorporada ao PMVA.

2. Que a/as actuación/s subvencionable/s se realicen no período que se sinale na correspondente resolución de convocatoria.

3. Que a vivenda en que se realice/n a/as actuación/s subvencionable/s non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Sétimo. Persoas beneficiarias

Poderanse beneficiar destas axudas as persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitavo. Importes máximos das subvencións

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe máximo desta axuda poida superar as seguintes cantidades, con independencia do número de actuacións que se realicen:

a) 3.000 euros, no suposto de que a vivenda estea alugada ou se vaia alugar conforme o prezo máximo de renda fixado no anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o PMVA, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

b) 5.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior, polo menos, nun 10 % e ata un 15 % ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

c) 8.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior en máis dun 15 % ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

Noveno. Solicitudes

1. As solicitudes realizaranse mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, que se deberá dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto das actuacións.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que sexa propietaria e/ou usufrutuaria da vivenda, de ser o caso, solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas propietarias e/ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso, para a mesma finalidade.

c) Que na vivenda se realizaron as actuacións para as cales se solicita a subvención, de ser o caso.

d) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa nas causas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberase acreditar a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble.

c) No suposto de que se solicite un importe maior de subvención como consecuencia da minoración da renda, compromiso de incluír o importe da dita renda minorada no contrato de alugamento da vivenda ou, no suposto de que a vivenda xa estivese alugada, contrato en que figure a renda minorada.

d) Memoria descritiva das actuacións subvencionables realizadas ou que se pretendan realizar, con indicación, neste último caso, do orzamento e do prazo previsto de realización das actuacións, que non poderá exceder os catro meses desde a notificación da resolución de concesión.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

Décimo primeiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial nos termos sinalados no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

c) Certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante.

d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que a persoa solicitante se opoña á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto das actuacións.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.

Décimo quinto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e/ou correo electrónico, avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibiren as ditas comunicacións.

5. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido en cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo sexto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará ou desestimará a solicitude da axuda.

2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización, agás no caso de que estivesen rematadas no momento da presentación da solicitude da subvención. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual. Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa beneficiaria acepte as condicións do programa no prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. No caso de non rexeitalas expresamente no citado prazo, entenderase que a persoa beneficiaria acepta as condicións do programa.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a concesión das axudas será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar, mesmo durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio, de ser o caso, dun expediente de reintegro das cantidades que se puideron cobrar indebidamente.

A dita comunicación deberase realizar no prazo de dez días desde o momento en que se produza a dita modificación, nos termos previstos no ordinal décimo terceiro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo oitavo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente resolución de convocatoria, así como a exclusión do PMVA, de conformidade co ordinal vixésimo primeiro da Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Décimo noveno. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas beneficiarias deberanlle comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras ou a adquisición e colocación do mobiliario de cociña ou baño na anualidade prevista na resolución de concesión. A comunicación deberase realizar nun prazo máximo de quince días, contado desde o día seguinte ao da realización das actuacións subvencionadas ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das actuacións subvencionables. A comunicación realizarase mediante a presentación do anexo II desta resolución.

2. No suposto da realización de obras, a comunicación da súa execución deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das obras, de ser o caso.

b) Memoria explicativa das obras realizadas.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberase xustificar mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

d) Fotografías que mostren as obras realizadas.

e) Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. A comunicación previa ao concello deberá ir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda, no suposto de ter transcorrido máis de quince días hábiles, contados desde a data da súa presentación.

f) Certificado de finalización das obras e, cando proceda, das correspondentes autorizacións administrativas polas instalacións realizadas.

3. No suposto de adquisición e colocación de mobiliario de cociña e dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno e campá extractora, así como, no caso do cambio de sanitarios, bañeira e anteparos, deberanse presentar, xunto coas facturas e xustificantes bancarios do pagamento, as fotografías acreditativas da realización das actuacións e a declaración responsable de que esas actuacións se realizaron na vivenda incorporada ao PMVA.

4. Esta documentación presentarase de conformidade co establecido no ordinal décimo terceiro.

5. Transcorridos os prazos indicados sen que as persoas beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requirirállela para que a presenten nun prazo improrrogable de dez días.

6. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no número anterior se fixese dentro dos dez días anteriores a esas datas. Non obstante, cando concorran circunstancias que así o xustifiquen, poderase demorar a citada data mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG.

7. No caso de que o ritmo de execución das obras sexa diferente ao establecido na resolución de concesión, poderanse reaxustar as anualidades, logo de solicitude da persoa beneficiaria, conforme o procedemento establecido no ordinal décimo terceiro, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

8. No caso de non se ter presentado a xustificación correspondente nos prazos indicados, perderase o dereito ao cobramento á subvención concedida, o que lle será notificado á persoa beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

9. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS onde se sitúe a vivenda emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, no cal se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións efectuadas, e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Vixésimo. Pagamento da subvención. Anticipos e pagamentos á conta

1. O pagamento da subvención requirirá que a persoa presente a documentación relacionada no punto anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I da solicitude.

2. Poderanse dotar de anticipos as persoas beneficiarias que así o soliciten, mediante o anexo III, sempre e cando, ao abeiro do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se cumpran as seguintes condicións:

a) Que non superen o 50 % do importe total da axuda concedida á persoa beneficiaria nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) Que se destinen exclusivamente a cubrir gastos da actuación obxecto da subvención e se xustifiquen adecuadamente.

3. De conformidade co artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderanse realizar pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos que cómpre xustificar, que non poderán exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Vixésimo primeiro. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais de cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes:

1. Xustificar a subvención conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Cumprir as condicións do PMVA e manter a vivenda no citado programa durante un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da posta da vivenda á disposición da persoa arrendataria.

3. No suposto de que o importe da subvención concedida teña en conta a porcentaxe de minoración da renda, a dita minoración deberase incluír no contrato de alugamento da vivenda e deberase manter nos sucesivos contratos que se formalicen, de ser o caso, durante os cinco anos de permanencia no PMVA.

4. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

5. Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

6. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

7. As demais obrigas que derivan desta resolución.

Vixésimo segundo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior, en particular da obriga de minorar a renda, no suposto de que a axuda se concedese atendendo a esta circunstancia.

b) A falta de xustificación da subvención.

c) A exclusión da vivenda do PMVA ou a súa retirada do programa pola persoa arrendadora dentro dos cinco anos contados desde a data da posta da vivenda á disposición da persoa arrendataria. Neste caso, o reintegro será proporcional ao tempo que reste para cumprir os cinco anos.

d) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento, calculados aplicando o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Compatibilidade e incompatibilidade

1. As persoas beneficiarias deste programa poderán compatibilizar estas axudas con outras subvencións concedidas para o mesmo obxecto procedentes doutras administracións ou institucións, sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións.

2. Non se poderá percibir máis dunha axuda para a mesma vivenda a través do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Vixésimo cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación, electrónica ou en papel, no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo quinto. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo sexto. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo sétimo. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

III. Convocatoria

Vixésimo oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o día 3 de novembro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Vixésimo noveno. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.7, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 300.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 150.000 euros para a anualidade 2023 e 150.000 euros para a anualidade 2024.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo. Prazo de execución das actuacións

Poderanse acoller a esta convocatoria as actuacións que se realizasen desde o 3 de outubro de 2022, sen que o prazo de execución das actuacións poida, en ningún caso, exceder o 30 de abril de 2024.

IV. Eficacia

Trixésimo primeiro. Eficacia desta resolución

Esta resolución producirá efectos a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file