Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11805

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (código de procedemento VI426C).

BDNS (Identif.): 673471.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa Rehaluga, dirixido ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), e proceder á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (código de procedemento VI426C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Persoas beneficiarias

Poderanse beneficiar destas axudas as persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea incorporada ao PMVA.

2. Que a/as actuación/s subvencionable/s se realicen no período que se sinale na correspondente resolución de convocatoria.

3. Que a vivenda en que se realice/n a/as actuación/s subvencionable/s non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS do Programa Rehaluga, ao abeiro do PMVA.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.7, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 300.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 150.000 euros para a anualidade 2023 e 150.000 euros para a anualidade 2024.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Contía das axudas

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe máximo desta axuda poida superar as seguintes cantidades, con independencia do número de actuacións que se realicen:

a) 3.000 euros, no suposto de que a vivenda estea alugada ou se vaia alugar conforme o prezo máximo de renda fixado no anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o PMVA, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

b) 5.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior, polo menos, nun 10 % e ata un 15 % ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

c) 8.000 euros, no suposto de que a renda da vivenda que estea alugada ou se vaia alugar sexa inferior en máis dun 15 % ao prezo máximo de renda fixado no dito anexo I da Resolución do 21 de setembro de 2022, segundo o municipio en que se localice a vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o día 3 de novembro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo