Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11718

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, tramitada por anticipado de gasto (códigos de procedemento TR807A e TR807B).

BDNS (Identif.): 673663.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

A convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2023, para o funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, co fin último da mellora das condicións de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2023, tramitada por anticipado de gasto (códigos de procedemento TR807A e TR807B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón noventa e nove mil oitocentos euros (1.099.800 €), de acordo coa seguinte distribución:

Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2023.

780.200 € proporcionalmente distribuídos entre as organizacións sindicais solicitantes, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2022 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.

Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

319.600 € proporcionalmente distribuídos entre as organizacións sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2022 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade