Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11720

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023 (código de procedemento TR807J).

O artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, determina o marco xeral en que se encadran as subvencións que a consellería competente, na actualidade a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, lles concederá ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitarlles ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a dita lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, establécense axudas para o ano 2023 referentes á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, reserva á Dirección Xeral de Relacións Laborais o impulso e desenvolvemento das políticas de igualdade laboral e de medidas de conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral nas empresas.

No exercicio destas funcións, á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade correspóndenlle a dirección e coordinación das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, así como a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, igualdade laboral e de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas empresas, así como a modulación das relacións laborais cos axentes económicos e sociais.

O importe desta axuda ascende a un total de 400.000 €, que terá tramitación anticipada de acordo co artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (RLSG).

A Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercizo inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Obxecto, actividades subvencionables entidades beneficiarias,
compatibilidade e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 da concesión de subvencións, pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de subvencionar a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial (código de procedemento TR807J).

Artigo 2. Actividades subvencionables

A actividade subvencionable será a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que desenvolvan accións directas de apoio a empresas e persoas traballadoras na procura da igualdade laboral e de oportunidades e da redución da fenda salarial de xénero.

As entidades que resulten beneficiarias poderán adscribir a estes gabinetes persoal propio ou ben contratar persoas expertas en igualdade laboral, que deberán contar con formación e/ou experiencia acreditada en materia de igualdade de xénero e de oportunidades.

Concretamente, o persoal destes gabinetes encargarase de desenvolver as actividades derivadas do seu funcionamento ordinario, entre as que cómpre salientar as seguintes:

1. Apoiar tecnicamente e asesorar as empresas e as representacións sindicais no fomento da igualdade laboral en ámbitos como contidos da negociación colectiva e introdución da perspectiva de xénero, proceso de selección e contratación, clasificación profesional, promoción profesional, condicións de traballo, exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, infrarrepresentación feminina, retribucións, prevención do acoso moral, sexual e por razón de sexo, etc.

2. Apoiar as empresas e persoas traballadoras na definición e no desenvolvemento dos plans de igualdade, así como a súa avaliación e seguimento.

3. Desenvolver un traballo de diagnose permanente, desde o punto de vista da igualdade e da fenda salarial, a través de diferentes actuacións, que poderán ser:

a. Análise sectorial dos plans de igualdade que formen parte dun convenio colectivo e elaboración de informes sectoriais sobre situacións relativas a sectores feminizados, masculinizados e sobre sectores con mellores condicións de traballo e salario.

Non se terán en conta aquelas análises e os informes que non sexan innovadores e que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato, así como os subvencionados en anos anteriores ou os que xa estean realizados por outras entidades cuxos resultados estean publicados e accesibles ao público por calquera medio.

b. Identificación de boas prácticas en plans de igualdade laboral de empresas galegas.

c. Actividades informativas e divulgativas dirixidas ás empresas e persoas traballadoras na procura da igualdade laboral e de oportunidades e da redución da fenda salarial de xénero.

d. Aqueloutras consideracións que contribúan á mellora e á redución da fenda salarial e á igualdade laboral e de oportunidades.

Non serán obxecto desta subvención as actividades de formación.

Artigo 3. Compatibilidade

Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións, non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da subvención serán:

1. As asociacións empresariais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 2 de agosto, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

2. As organizacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 5. Financiamento

O importe desta subvención ascende a 400.000 € e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 2022.11.40.324A.480.6, código de proxecto 2019 00016, que se distribuirá do seguinte xeito: o 50 % para as asociacións empresariais e o 50 % restante para as organizacións sindicais intersectoriais.

O importe subvencionable non superará a porcentaxe de representatividade das entidades solicitantes; non obstante, estas poderán solicitar, e poderáselles conceder, un importe superior ao que corresponda á súa representatividade, sempre e cando existan remanentes. No caso de existiren remanentes, estes serán redistribuídos, ata esgotar o orzamento existente, tendo en conta a representatividade relativa, resultado de dividir a representatividade de cada entidade entre a suma das representatividades das entidades beneficiarias.

Así mesmo, e de acordo co establecido no artigo 25.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (RLSG), a concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron os ditos actos.

Na partida orzamentaria sinalada existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2022.

Artigo 6 Entidades non beneficiarias

a. Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b. As administracións públicas, as sociedades públicas, e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

c. As asociacións que se encontren integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal, cando a federación ou confederación de que formen parte sexa tamén beneficiaria desta subvención.

d. No caso de que a entidade solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá esta última para todos os efectos recollidos nesta orde.

Artigo 7. Ampliación do crédito dispoñible

Poderanse ditar resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso, non se poderán ter en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.

TÍTULO II

Requisitos e gastos subvencionables

Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial deberán estar integrados, como mínimo, por:

a. Unha persoa cunha titulación de grao ou equivalente e contratada nos grupos de cotización 1 ou 2 a tempo completo, que acredite unha experiencia na elaboración de plans de igualdade e na implantación e seguimento de medidas de igualdade nas empresas de polo menos dous (2) anos, e unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes.

b. Unha persoa con titulación de técnico superior en Promoción da Igualdade de Xénero, contratada a tempo completo no grupo de cotización que lle corresponda como persoal técnico superior.

Os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.

Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación

1. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico derivadas do funcionamento ordinario dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial que impliquen o normal desenvolvemento das súas funcións e, en concreto, as especificadas no artigo 2 desta orde.

2. Os gastos derivados de persoal adscrito aos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, incluído o persoal de xestión administrativa, coordinación e dirección técnica, poderanse imputar desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2023.

3. Os gastos das actividades levadas a cabo serán imputables de acordo co seguinte:

a. Gastos xerais de execución que teñan relación directa coa actividade subvencionable e poderán comprender: compra de material funxible, gastos de deseño, maquetación, impresión, distribución e publicidade.

b. Gastos derivados da subcontratación.

c. Gastos de persoal propio: a súa porcentaxe poderá ser do 100 %. Deberase ter en conta que o referido límite se calculará en función das nóminas do período que corresponda á actividade que se vai realizar, non en función do custo total anual, e débense especificar as horas destinadas, así como a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos realizados.

d. Gastos de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento da actividade subvencionable: poderase imputar o 100 % do custo laboral.

e. Gastos de axudas de custo do persoal técnico: poderán ser por desprazamento, coas contías máximas de 0,19 euros por quilómetro.

f. Gastos indirectos: gastos tales como consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, entre outros: poderase imputar ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan aos locais en que se realizan as accións, tendo en conta que:

I. Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

II. O período máximo para imputar estes gastos estará en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

4. O cobramento destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda, pública ou privada, da mesma natureza para a mesma actuación.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

1. Non se poderán imputar os gastos do persoal directivo ou dos cargos electos executivos das entidades solicitantes.

2. Non se admitirán gastos referidos á manutención nin ningún outro de carácter protocolario.

3. Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira ou xurídica e os gastos notariais e rexistrais, nin os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

TÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 11. Membros asociados das entidades beneficiarias

De conformidade co establecido no artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, terán tamén a condición de entidades beneficiarias os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. O pagamento da subvención efectuarase á entidade beneficiaria principal.

Artigo 12. Prazo para a presentación de solicitudes e o seu contido

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes e, se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas. No caso de que se presente máis dunha solicitude, só se terá en conta aquela que se presentou en primeiro lugar.

Artigo 13. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

2) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención.

3) Unha memoria explicativa das funcións que vai desenvolver o gabinete, que inclúa unha desagregación orzamentaria segundo a tipoloxía do gasto.

4) Unha relación do número de persoas que van conformar o gabinete e as funcións que vai desenvolver cada unha delas.

5) Compromiso asinado pola persoa responsable da entidade solicitante de dispoñer, ou estar en situación de dispoñer, do equipo mínimo exixido, no artigo 8 desta orde.

6) Actuación solicitada segundo o anexo II.

7) Orzamento total do solicitado por tipoloxía de gasto (anexo III).

8) Vida laboral das entidades beneficiarias ou das que están integradas nelas e van xestionar os fondos adxudicados, dos últimos 30 días inmediatamente anteriores á data da solicitude.

9) Certificado expedido por quen exerza estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación (só no caso das entidades a que se refire o artigo 11).

10) Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, no cal se concrete que partes do proxecto realizará cada entidade (só no caso das entidades a que se refire o artigo 11).

11) Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución mentres non transcorran os prazos de prescrición legalmente previstos (só no caso das entidades a que se refire o artigo 11).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes se entenderán cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a. DNI/NIE da persoa representante.

b. NIF da entidade solicitante.

c. Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d. Certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e. Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 17. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e de Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a. A solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde, o órgano competente, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a entidade interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fai, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b. O órgano instrutor poderalles solicitar a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a adecuada valoración das solicitudes.

Artigo 18. Avaliación e Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor, á vista das solicitudes e da documentación que se presente, verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e, no caso de non cumprir coas condicións para ser entidade beneficiaria, ditará resolución de exclusión a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. A Comisión de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e dúas persoas vogais, unha das cales será elixida de entre as persoas adscritas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, que exercerá as funcións de titular da Secretaría, con voz pero sen voto, e outra vogal que será unha persoa experta do Servizo de Igualdade da Dirección Xeral de Relacións Laborais. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Poderá asistir ás reunións da Comisión de Valoración, con voz e sen voto, calquera outra persoa que se considere necesaria, elixida de entre as persoas adscritas á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

3. Para unha mellor avaliación dos expedientes, a Comisión de Valoración, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa coa solicitude.

4. A Comisión de Valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións tendo en conta a orde de prelación obtiva polas entidades solicitantes e con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde.

5. A Presidencia da Comisión, tendo en conta o informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 19. Criterios de valoración para as solicitudes

A Comisión de Valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

1. Representatividade da entidade solicitante (de 0 a 5 puntos):

A puntuación da representatividade valorarase da seguinte maneira (de 0 a 5 puntos):

a. Menos do 3 %: 0 puntos;

b. Do 3 % ata o 10 %: 1 punto.

c. Do 10 % ata o 15 %: 2 puntos.

d. Do 15 % ata o 20 %: 3 puntos.

e. Do 20 % ata o 24 %: 4 puntos.

f. Maior do 24 %: 5 puntos.

Terase en conta a representatividade con que conte cada organización no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo con:

1º. Para as organizacións sindicais: a representatividade sindical en 31 de decembro de 2022, concluído o proceso de eleccións sindicais previsto no título III da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais para os efectos das axudas previstas nesta orde.

2º. Para as asociacións empresariais: a representatividade de acordo co disposto nos artigos 6.2.a) e 7.1 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro.

2. Taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos):

Entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade:

a. Menos do 15 %: 0 puntos.

b. Do 15 % ata o 30 %: 1 punto.

c. Do 30 % ata o 50 %: 2 puntos.

d. Do 50 % ata o 80 %: 3 puntos.

e. 80 % ou máis: 4 puntos.

3. Segundo o número de mulleres que formen parte do gabinete (de 0 a 2 puntos):

a. Menos dun 50 % de mulleres: 0 puntos.

b. Igual ou máis dun 50 % de mulleres: 2 puntos.

4. Polo compromiso do emprego efectivo da lingua galega, e de conformidade con establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (0-1 puntos):

a. Polo emprego efectivo da lingua galega: 1 punto.

b. Non empregar a lingua galega: 0 puntos.

5. Pola contribución á integración laboral de mulleres con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %; mulleres vítimas de violencia de xénero; desempregadas menores de 30 ou maiores de 45 anos na data de inicio da actividade laboral; desempregadas de longa duración (para estes efectos, entenderase que están na dita situación as que leven máis de doce meses sen ocupación na data de inicio da actividade laboral): ata un máximo de 6 puntos, 2 puntos por cada traballadora indefinida a tempo completo nalgunha destas situacións adscrita ao gabinete.

6. Aquelas entidades que recollesen nos seus estatutos ou fins sociais a promoción da igualdade ou a responsabilidade social, ou que teñan un plan de igualdade, puntuaranse con 5 puntos.

7. Unha vez instruídas todas as solicitudes, no caso de que o importe das axudas que se concedan sexa inferior ou igual ao orzamento previsto nesta orde, non se procederá a aplicar os criterios de valoración.

Artigo 20. Criterios de desempate

No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida no artigo anterior desta orde. No caso de persistir o empate, teranse en conta a data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 21. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que lles será notificada ás entidades interesadas no prazo de dez (10) días desde que se dite. Unha vez notificadas as resolucións, as entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os tres (3) meses. Transcorrido ese prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Relacións Laborais, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 22. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificación electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica de Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efecto de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Xustificación da subvención

No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados, logo de solicitude en concepto de anticipo e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a. Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata o 80 % da subvención concedida.

b. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

Neste caso, as entidades solicitantes dese pagamento anticipado quedan exoneradas da constitución de garantía segundo o disposto no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite do 31 de outubro de 2023, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

No relativo á presentación da documentación xustificativa, será ata o 15 de novembro de 2023.

Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento

1. A acreditación da aplicación da subvención para os fins para os cales foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e da xustificación técnica ou do informe final, dirixida á Dirección Xeral de Relacións Laborais da forma prevista no artigo 15.

2. Deberá achegar os seguintes documentos:

a. Certificación da persoa representante legal da entidade solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico.

b. Certificado da entidade, en que figuren a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas e os gastos de persoal (anexo IV).

c. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, para a mesma actividade ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluídas as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, se é o caso, así como o xustificante de pagamento do financiamento propio (anexo V).

d. Facturas nas cales figure o destino concreto do gasto, que se deberá axustar á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

e. Admítese a presentación de facturas electrónicas sempre que se poida garantir a autenticidade da orixe e a integridade do contido da factura, de acordo co artigo 10 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigacións de facturación. Tamén se admiten os xustificantes de pagamento por vía electrónica.

f. Non se admitirán as xustificacións de gastos realizadas mediante pagamentos en efectivo nin xustificantes con data posterior á do vencemento do prazo de xustificación.

g. Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra Administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados (anexo V).

h. A xustificación técnica ou informe final do proxecto será conforme o modelo que se inclúe como anexo VI ao final deste texto articulado. O informe deberá conter unha memoria descritiva das actividades realizadas polos membros dos gabinentes de maneira pormenorizada.

i. Segundo a tipoloxía do gasto, a documentación que se vai presentar será a seguinte:

I. Gastos xerais de execución: achegarase copia e o seu xustificante de pagamento. De ser o caso, achegarase coa solicitude de xustificación unha unidade física dos respectivos materiais elaborados. No caso dos gastos de publicidade e difusión, presentarase, ademais, documento gráfico ou material que acredite a súa realización: prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel; os ditos materiais, unha vez feita a comprobación pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, deberán ser retirados pola propia entidade nun prazo de dous meses desde o pagamento. No caso de que non se retiraren, pasarán a ser propiedade da Administración.

II. Gastos derivados da subcontratación:

1º. No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida na lexislación vixente de contratos do sector público para os contratos menores, deberanse presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores que a entidade beneficiaria deberá solicitar con carácter previo á contratación.

2º. Para xustificar este gasto, presentaranse copia do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; copia da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

III. Gastos de persoal:

Para xustificar os gastos de persoal, deberase presentar a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite que, como mínimo, unha das persoas adscritas ao gabinete dispón dunha titulación de grao ou equivalente (título universitario ou equivalente).

2º. Acreditación de que, como mínimo, unha das persoas adscritas ao gabinete pertence ao grupo de cotización 1 ou 2.

3º. Acreditación de que como mínimo unha das persoas adscritas ao gabinete dispón de experiencia de, como mínimo dous (2) anos, na elaboración de plans de igualdade e na implantación e seguimento de medidas de igualdade nas empresas (curriculum vitae) e unha formación mínima de 200 horas en materia de igualdade de xénero e de oportunidades entre mulleres e homes (títulos, diplomas, certificados das entidades que impartiron o curso).

4º. No caso de persoal propio, deberán presentar certificado da persoa representante legal da entidade no cal consten o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada á actividade subvencionada e o seu custo.

5º. Terá que se presentar o contrato de traballo do persoal adscrito á actividade do gabinete.

No caso de que a persoa que forma parte do gabinete sexa un liberado/a sindical, deberá posuír a titulacion exixida no artigo 8 desta orde.

6º. Copia das nóminas de cada un dos meses que se imputan á actividade subvencionada, xunto co comprobante do pagamento expedido pola entidade bancaria.

7º. Cadro en que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención: horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais. Nun formato (tipo Calc ou Excel) que permita extraer datos para a súa posterior consulta.

8º Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

9º. Modelo 190, relativo ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

IV. Axudas de custo: deberán presentar o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

V. Gastos indirectos: certificado emitido pola persoa representante legal da entidade beneficiaria, sen prexuízo de que a Dirección Xeral de Relacións Laborais solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

VI. Gastos específicos das accións: copia da factura e o seu xustificante de pagamento.

3. Os documentos e demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de», o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/a-marca) e o depósito legal, de ser o caso. Por outra banda, ao estar financiada esta orde con fondos finalistas do Estado, deberase incorporar a esta documentación o anagrama correspondente do Ministerio de Traballo e Economía Social recollido na Orde TES 527/2021.

4. O incumprimento da obriga de presentar a xustificación técnica, así como a de incluír os aspectos sinalados neste artigo, dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

Artigo 25. Corrección de defectos da xustificación e pagamento

1. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a entidade beneficiaria da subvención presentase a documentación exixida, requirirase para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. Así mesmo, cando a Dirección Xeral de Relacións Laborais, na comprobación da subvención, aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola/s beneficiaria/s, poñerao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

2. Poderanse acordar pagamentos parciais á medida que as entidades beneficiarias xustifiquen as actividades xa realizadas. Estes pagamentos, conxuntamente cos pagamentos anticipados, nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

3. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exoneradas da constitución de garantías as entidades beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Executar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Comunicarlle ao órgano instrutor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas.

3. Comunicar a obtención concorrente de subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional.

4. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao do Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento das actuacións que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberase consignar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/a-marca) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén se deberá observar o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, deberase incorporar a esta documentación o anagrama correspondente do Ministerio de Traballo e Economía Social recollido na Orde TES 527/2021, ao estar financiada esta orde con fondos finalistas do Estado.

8. Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución da actividade, dípticos, enquisas, conferencias e relatorios que poidan ser de interese.

10. Deberán estar ao día, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Compromiso da entidade solicitante no cal se indique que os locais que vai ocupar estarán debidamente identificados.

12. As actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, poderán ser realizados en idioma galego e castelán pero, en todo caso, deberanse realizar en galego.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida nos seguintes casos:

a. Incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola entidade beneficiaria.

b. Incumprimento das obrigas exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención, recollidas no artigo 26 desta orde.

c. No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

d. Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde.

e. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

f. Cando as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, non estean en galego.

2. Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pagamento, nos seguintes supostos:

a. A presentación só de parte da documentación exixida ou que esa documentación sexa incorrecta.

b. Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

Artigo 30. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, fóra dos casos permitidos nesta orde, ou que o importe supere o custo total da actividade subvencionada que desenvolverá a entidade beneficiaria, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 31. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 32. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

2. Co fin de garantir o seguimento adecuado e o control destas subvencións, unha vez notificadas as resolucións de concesión, as entidades beneficiarias deberán achegar a planificación definitiva e só se comunicarán os cambios que afecten esa planificación definitiva. Estes cambios dirixiranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das cales derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Outra documentación

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir, en todo momento, a documentación que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas da subvención concedida agás aquela que, de acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa se encontre en poder da Administración actuante.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, o Estatuto dos traballadores e, con carácter supletorio, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Modelo de xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada

O obxectivo de presentar un informe final da actividade subvencionada é para facilitar a difusión, se é o caso, dos seus resultados.

Este documento debe seguir o esquema seguinte:

A. Datos de identificación da actividade subvencionada.

1. Título: indíquese o título completo.

2. Persoa autora: en primeiro lugar, indíquese o nome das persoas autoras principais e, a seguir, o das persoas colaboradoras.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade e NIF.

4. Datas de realización: indíquese a data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: preséntese un cronograma co desenvolvemento das distintas fases da actividade.

6. Ámbito territorial: sinálese a dimensión territorial.

7. Persoas destinatarias: sinálese a quen vai dirixido e se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes.

B. Sinopse.

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes da actividade. Así mesmo, explicaranse, brevemente, os antecedentes, o desenvolvemento da actividade obxecto de subvención e os obxectivos conseguidos, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

C. Metodoloxía.

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo a actividade subvencionada. Se é o caso, débense explicar o método de recollida da información, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal.

D. Resultados.

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes.

E. Utilidade práctica dos resultados en relación coa igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

Describirase a achega que a actividade supón no eido da igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se vai ter continuidade.

F. Conclusións finais e posibles recomendacións.

Expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución dos problemas detectados e a súa posible aplicación nas empresas.

G. Recursos humanos e técnicos.

Sinalaranse as persoas participantes na actividade subvencionada e os medios técnicos que se precisaron. Entre os recursos deberán figurar, se é o caso, as subcontratacións realizadas, e deberanse indicar as tarefas encomendadas e a xustificación da necesidade de recorrer a estas subcontratacións.

H. Ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos: (1 por cada consulta).

Nome do persoal técnico: Persoa traballadora: Hombre □ Muller □

Empresa asesorada: □ Sector de actividade

Actividade divulgativa ou informativa:

Data: Hora de inicio: Hora de finalización: Resumo da actuación realizada: