Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11756

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023 (código de procedemento TR807J).

BDNS (Identif.): 673675.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As asociacións empresariais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 2 de agosto, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

As organizacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2023, da concesión de subvencións, pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de subvencionar a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial (código de procedemento TR807J).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2023 (código de procedemento TR807J).

Cuarto. Importe

Cóntase cun orzamento de 400.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 2022.11.40.324A.480.6, código de proxecto 2019 00016, que se distribuirá do seguinte xeito: o 50 % para as asociacións empresariais e o 50 % restante para as organizacións sindicais intersectoriais.

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade