Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2023 Páx. 11776

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2023 pola que se convoca un curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos de policía local, correspondente á décimo quinta promoción.

Dentro das actividades programadas para o ano 2023, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios/as:

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos da policía local dos diferentes concellos de Galicia, e para que unha vez realizado sexan nomeados funcionarios/as en prácticas deses concellos.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía.

Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos á convocatoria unificada.

Contido e duración do curso:

O curso desenvolverase en réxime de internado, na sede Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

– Xurídico.

– Policía de tráfico.

– Operativo.

– Asistencial.

– Técnico.

– Policía administrativa.

– Social-humanístico.

– Policía xudicial e de investigación.

– Formación física.

O curso terá unha duración de 1.400 horas lectivas, 900 horas de formación na Agasp en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Así mesmo, poderán programarse clases lectivas durante a fin de semana (sábados e domingos) co fin de obter habilitacións formativas, o que será notificado con antelación suficiente ao alumnado.

Desenvolvemento do curso:

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública durante o seu período de permanencia rexerase polo Regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde de 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12.2.2009.

De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e o artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Academia, por orde da xefatura de ensino, poderanse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de xeito aleatorio ou específico entre o alumnado para verificar esas situacións.

Datas:

– Este curso desenvolverase entre o 3 de marzo de 2023 e o 12 de decembro de 2023, na forma que a continuación se indica:

– Na Academia, en dous períodos:

1) Do 3 de marzo ao 23 de xuño de 2023.

2) Do 25 de setembro ao 24 de novembro de 2023.

– Nos concellos de procedencia para realizar o período de prácticas:

1) Do 24 de xuño ao 24 de setembro de 2023.

O alumnado terá dereito ao remate do curso selectivo ao desfrute das vacacións, polo tanto, de acordo coa normativa xeral de función pública, disporán de 16 días hábiles de vacacións, que se desfrutarán nos períodos que a continuación se sinalan:

– Os días 3, 4 e 5 de abril de 2023.

– Os días 30, 31 de outubro e 2 e 3 de novembro de 2023.

– Os días 27, 28, 29, 30 de novembro e 4, 5, 7, 11, 12 de decembro de 2023.

A toma de posesión como persoal funcionario de carreira no corpo da policía local do concello de procedencia, no suposto de superar o curso selectivo, producirase con data do 13 de decembro de 2023. A Agasp remitirá aos concellos de procedencia o informe final preceptivo con anterioridade a esa data.

Informe final:

De acordo co previsto no artigo 19 de Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe en que certifica a dita superación, de xeito que polo concello de pertenza se poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Os concellos de procedencia do alumnado deberán remitir á Agasp ao remate do período de prácticas un informe individual por cada alumno/a elaborado polo/pola xefe/a de policía en que reflicta se o dito alumno superou o período de prácticas. Así mesmo, ese informe deberá presentarse xunto co escrito, ao cal lle serve de base, asinado pola alcaldía ou pola concellería respectiva no suposto de ter delegada a dita competencia, no cal o concello dá conta á Agasp do resultado da avaliación das prácticas.

Tendo en conta que este informe vincula directamente o concello de procedencia ao decidir sobre a superación ou non do período de prácticas do alumnado e, polo tanto, da súa futura toma de posesión como funcionario/a de carreira dese concello, resolverá polo tanto un procedemento para o nomeamento de persoal municipal, o informe que anteriormente se indica deberá ser asinado tal e como indica o artigo 18 do Decreto 243/2008, ou pola alcaldía ou polo concelleiro con competencias directas en materia de nomeamento de persoal e/ou seguridade pública.

Este informe debe remitirse á Agasp entre o 2 e o 31 de outubro do ano 2023.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de xaneiro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública