Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2023 Páx. 12047

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se procede á convocatoria das axudas para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 para o ano 2023 (código de procedemento VI435A).

BDNS (identif.): 674098.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

c) Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:

– Que a vivenda estea localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de entrada en vigor do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

– Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000 €.

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.

e) Que as rendas anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a seguir. O referido límite será de de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

f) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior Plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

h) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda ao abeiro da Resolución do 1 de agosto de 2022 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Segundo. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes do programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, que se tramitarán co código de procedemento VI435A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento VI435A), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 154, do 12 de agosto.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe total de 1.550.000 euros.

O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2023 do programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición será de ata 10.800 € por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa propietaria, o importe da axuda que puidese recibir un/unha beneficiario/a que adquira unha parte dela determinarase aplicando ao importe da axuda que correspondería da adquisición do 100 % da vivenda a porcentaxe de cota adquirida.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da resolución e rematará o 31 de outubro de 2023, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo