Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2023 Páx. 12720

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 13/2023, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello do Bolo duns treitos antigos da estrada OU-533, xunto co seu dominio público viario (DPV).

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 26 de abril de 2022, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello do Bolo asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a mellora da pavimentación de acceso ao lugar do Vao. A cláusula 3ª deste convenio recolle a transferencia a prol do Concello de dous treitos antigos da estrada autonómica OU-533 e un camiño de servizo.

Nas últimas décadas, na estrada OU-533 leváronse a cabo melloras de trazado, o que provocou que varios treitos do antigo trazado quedasen sen funcionalidade desde o punto de vista de mobilidade interurbana.

A delimitación do DPV destes treitos antigos que se van transferir modificou as coordenadas UTM e lonxitudes dos treitos antigos con respecto ás recollidas no convenio asinado.

O camiño de servizo a que se fai referencia no convenio está localizado no treito antigo que se vai transferir denominado V-46, formando parte do seu DPV.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos antigos da estrada OU-533, definidos no artigo 1, e do seu dominio público viario.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Bolo dos seguintes treitos antigos da OU-533, xunto co seu DPV:

Estrada

Treito que se vai transferir

P.q.i

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

P.q.f

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. aprox. (m)

OU-533

Treito antigo V-46

(incluído camiño de servizo)

28+920 MD

x=655.967

y=4.678.270

29+780 MD

x=655.870

y=4.679.005

1.167

OU-533

Treito antigo V-47

29+800 ME

x=655.823

y=4.678.994

30+040 ME

x=655.684

y=4.679.166

393

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello do Bolo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos transferidos e do seu dominio público viario, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade