Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2023 Páx. 12912

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2023 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 224, do 25 de novembro), pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, e modificada pola Resolución do 28 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, e modificada pola Resolución do 28 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos adquiridos polo persoal aspirante no curso selectivo previsto na base III da convocatoria.

As prácticas terán como finalidade a preparación das persoas aspirantes para o manexo de paquetes ofimáticos no contorno de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos), e terase en conta unha versión máis actualizada á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Organización e dirección

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) da Consellería de Facenda e Administración Pública será a encargada da organización e da dirección do curso selectivo.

Terceiro. Destinos en prácticas

Os destinos en prácticas serán os obtidos como consecuencia da adxudicación de prazas derivada da elección de destino convocada pola Resolución do 19 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 17, do 25 de xaneiro).

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

Cuarto. Toma de posesión como persoal funcionario en prácticas

1º. As persoas que ocupan actualmente postos como persoal funcionario interino ou laboral temporal ou laboral indefinido non fixo na Xunta de Galicia deberán cesar no seu posto, no seu caso de interino ou laboral, e deberán tomar posesión da praza adxudicada como persoal funcionario en prácticas o día 15 de febreiro de 2023. Unha vez superado o curso selectivo serán nomeados persoal funcionario de carreira, con destino provisional, no corpo auxiliar na mesma praza adxudicada durante o período de prácticas.

2º. As persoas que ocupan postos como persoal funcionario de carreira na Xunta de Galicia poderán acollerse ao disposto no artigo 129 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (licenzas para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública) e deberán prestar servizos efectivos na praza adxudicada como consecuencia da elección de destino; neste caso, poderán optar entre percibir as retribucións que correspondan pola condición de persoal funcionario de carreira ou as retribucións previstas para o persoal funcionario en prácticas. Esta petición deberán cursala na súa propia consellería.

Tal e como dispón o artigo 129.2 da Lei 2/2015, no caso de que os servizos como persoal funcionario de carreira se prestasen noutra Administración distinta da Xunta de Galicia, percibiranse necesariamente as retribucións fixadas nesta última para o período como persoal funcionario en prácticas. Este persoal tamén deberá prestar servizos efectivos na praza adxudicada como consecuencia da elección de destino.

3º. No suposto de que o día da toma de posesión como persoal funcionario en prácticas, a persoa aspirante se atopara de baixa por incapacidade temporal (IT) ou por maternidade, paternidade ou risco de embarazo, deberá acudir a tomar posesión o día sinalado e, na mesma data da toma de posesión (o 15 de febreiro de 2023), formalizarase a licenza ou permiso correspondente segundo a causa de que se trate. Para isto, deberá achegar a documentación xustificativa dela. Naqueles casos en que por causa de forza maior non lle sexa posible acudir a tomar posesión, deberá poñerse en contacto coa unidade en que teña que tomar posesión, que será a que lle indicará a forma en que debe achegar a documentación xustificativa e, en todo caso, formalizará o día establecido tanto a toma de posesión (o 15 de febreiro de 2023) na praza adxudicada como a licenza ou permiso correspondente.

Quinto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día 15 de febreiro de 2023, día en que deberá tomar posesión e desenvolver as tarefas propias da praza adxudicada como consecuencia da elección de destino, e simultaneamente comezará o curso selectivo; que segundo o disposto na base III.2 da convocatoria do proceso selectivo, terá unha duración máxima dun (1) mes.

O curso selectivo realizarase na modalidade teleformación, cun total de 80 horas, a través da aula virtual da EGAP. Para acceder ao curso, é imprescindible rexistrar unha conta na EGAP que lle permitirá acceder ás aplicacións da aula virtual e a zona de matrícula; no caso de que as persoas aspirantes non teñan conta, deberán, previamente ao comezo do período de prácticas, rexistrala e cubrir os seus datos (imprescindibles os de contacto para recibir as comunicacións relativas ao curso) no seguinte enderezo https://egap.xunta.gal/cas/newuser

O curso selectivo e a prestación de servizos como persoal funcionario en prácticas desenvolveranse de luns a venres, dentro do período comprendido entre as 7.45 e 15.15 horas, no destino resultante da elección de destino en prácticas establecido pola Resolución do 19 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 17, do 25 de xaneiro).

O curso selectivo deberá realizarse nas primeiras catro (4) horas diarias dentro do horario laboral.

Sexto. Sistema de cualificación

O curso selectivo rematará cunha proba final, en que se avaliará o nivel de coñecemento do seu contido. Segundo a base III.3 da convocatoria, o curso selectivo valorarase como apto ou non apto e para superalo é necesario obter o resultado de apto.

Para acadar a cualificación de apto será obrigatorio obter a puntuación mínima establecida en cada unha das probas de avaliación. Ao final do curso selectivo terán unha proba en liña, na aula virtual da EGAP, que tamén deberán superar, obtendo como resultado «apto»: para isto, deberán obter como correctas o 50 % das respostas ás preguntas formuladas sobre o manexo de paquetes ofimáticos no contorno de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos).

Logo de realizar esta proba, a Escola Galega de Administración Pública remitiralle ao tribunal do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, un informe en que manifeste expresamente se o persoal funcionario en prácticas superou o curso selectivo.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador do proceso selectivo, logo de informe proposta da Escola Galega de Administración Pública.

Para a avaliación do persoal funcionario en prácticas é preciso a superación do curso selectivo e a prestación das tarefas propias da praza adxudicada. No caso de que non fose posible a prestación de servizos por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude da persoa interesada, mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública, debendo obrigatoriamente superar o curso selectivo.

Sétimo. Non superación do período de prácticas

Segundo a base III.4 da convocatoria, as persoas aspirantes que non superen o curso selectivo perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, por resolución motivada da Dirección Xeral da Función Pública.

En casos extraordinarios debidamente xustificados, e logo de solicitude motivada por escrito da persoa interesada, a Dirección Xeral da Función Pública poderá aprobar adaptacións para que o curso selectivo poida levarse a cabo e/ou avaliarse dun xeito alternativo ao inicialmente previsto, asegurando en todo caso o cumprimento dos fins e principios que deben rexer os procesos selectivos.

No suposto de que, debido a unha causa de forza maior e debidamente xustificada, non puidera rematarse en prazo o curso selectivo, a Dirección Xeral da Función Pública outorgará ás persoas aspirantes a posibilidade de aprazar o curso selectivo a unha única segunda edición, que terá lugar non antes dos dous (2) meses seguintes ao remate da primeira edición.

Oitavo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas o persoal aspirante será nomeado persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Segundo a base III.5 da convocatoria do proceso selectivo, unha vez rematado o curso selectivo e ata que se proceda ao seu nomeamento como persoal funcionario de carreira con destino provisional na mesma praza que desenvolveu as súas prácticas, as persoas aspirantes continuarán prestando servizos como persoal funcionario en prácticas.

Noveno. Réxime disciplinario

O persoal funcionario en prácticas estará sometido ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Décimo

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública