Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2023 Páx. 14189

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2023 pola que se convocan os cursos de prevención de riscos laborais nivel básico para persoal empregado público, traballador por conta allea ou autónomo, empresario e persoa con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso en materia de prevención de riscos laborais.

RESOLVO:

Convocar os cursos de prevención de riscos laborais que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nesta actividade formativa: os/as empregados/as públicos/as, traballadores/as por conta allea ou autónomos/as, empresarios/as e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será do 17 ao 27 de febreiro de 2023.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividade solicitada e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 53, 981 54 63 35 e 981 54 62 57 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas, para o que terán prioridade aquelas persoas que posúan a condición de delegado/a de prevención, traballador/a designado/a e/ou empresario/a que asuma as funcións de prevención de riscos laborais na súa empresa (deberán achegar a documentación que o acredite ao enderezo <issga.cursoprl@xunta.gal> dentro do prazo de presentación de solicitudes) e reservarase o 50 % das prazas do curso ao persoal empregado público.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar no dito curso de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia e o seguimento das actividades formativas e desenvolvemento das probas de avaliación

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Non obstante, aqueles/as alumnos/as que non superen a actividade do módulo 1 no prazo establecido non poderán continuar o curso e serán substituídos/as por novos/as alumnos/as de acordo coa orde da lista de agarda.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Desenvolvemento das probas de avaliación:

A proba final do curso realizarase de xeito telemático a través da aula virtual.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas e o horario de realización destas será o indicado no anexo II.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP e do Issga

1. A EGAP e o Issga poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Issga reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Issga garantirán nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV23010.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga.

1. Obxectivos.

Proporcionar a formación que establece o anexo IV-A do Regulamento dos servizos de prevención (Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro) que capacita para o desenvolvemento das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais.

2. Destinatarios/as.

Empregados, traballadores por conta allea ou autónomos, traballadores designados e delegados de prevención, empresarios e aquelas persoas con inquietudes no ámbito da prevención de riscos laborais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 60 horas/edición.

Edicións: tres.

Datas: do 7 de marzo ao 5 de maio de 2023.

Proba final: o día 5 de maio, ás 10.00 horas.

A proba final do curso realizarase de xeito telemático a través da aula virtual.

Prazas: 100 por edición.

4. Contido.

1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

2. Riscos xerais e a súa prevención.

3. Riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención.

4. Elementos básicos da xestión da prevención de riscos.

5. Primeiros auxilios.

6. Prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.