Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2023 Páx. 14148

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2023 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial dos corpos da policia local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2023, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial da policía local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

– Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

– Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de oficial e que non tivesen realizado este curso.

Inscrición:

A inscrición dos/das participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 3 de marzo de 2023.

3. Aqueles/as alumnos/as que superasen o proceso selectivo unitario convocado a través da Orde do 26 de xullo de 2022, a reserva e solicitude son automáticas, sen necesidade que o concello de procedencia efectúe a dita reserva.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso conterá os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase do 10 de marzo ao 27 de abril de 2023, coa seguinte distribución horaria:

– Presencial na Agasp:

• 10, 13, 14, 15, 16, 20, 21, 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de marzo.

• 11, 12, 13, 18, 19, 26 e 27 de abril.

– Teleformación (con sesións de telepresenza que se indicarán ao comezo do curso):

• 17, 24 e 31 de marzo.

• 3, 4, 5, 10, 14, 17, 20, 21, 24 e 25 de abril.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu regulamento de réxime interior, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro.

Non se desenvolverá en réxime de internado, aquel alumnado en pernoctar na residencia da Agasp deberá comunicalo previamente ao enderezo de correo electrónico:

formacion.agasp@xunta.gal

No suposto de pernoctar na Agasp, aplicarase o réxime de internado vixente para os/as alumnos/as dos cursos selectivos, en relación coa uniformidade e horarios.

O horario do curso será como norma xeral das 10.00 ás 19.00 (mais haberá polo menos un día semanalmente en que o horario lectivo comezará ás 8.00 horas, que será comunicado no horario que se achegará ao alumnado o primeiro día do curso).

O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local, do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia, a Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de oficial, así como a prenda de cabeza.

En relación coas materias deportivas, como son educación física, socorrismo acuático, tecnificación operativa e defensa persoal policial, o alumnado que o desexe pode empregar a roupa deportiva e calzado da súa propiedade.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de policía local.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de febreiro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública