Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2023 Páx. 14332

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2023 pola que se convocan as actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

A política económica vixente, derivada en boa parte das directrices europeas e das circunstancias actuais, implica novos retos para as administracións, que requiren de empregados públicos cualificados que poidan facer fronte ás tarefas de administración e dirección exixidas pola configuración da facenda pública actual.

Por outra banda, a defensa dos intereses da Comunidade Autónoma nos eidos do sistema de financiamento autonómico e captación de fondos estruturais e de investimentos da UE exixe un soporte de información técnica especializada á medida de cada actuación, que contribúa ademais ao fortalecemento dos sistemas de control interno e de prevención de riscos de xestión e financiamento nas administracións públicas.

O Plan formativo do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) para o ano 2023, integrado por primeira vez no Plan de formación continua da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), configúrase como unha oferta dirixida a facerlles fronte aos principais retos que se lles presentan ás administracións públicas en materia económica e orzamentaria, a través de actividades formativas específicas sobre fiscalidade, financiamento público, economía orzamentaria, procedemento tributario ou xestión de fondos, entre outras.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, procede convocar as actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) correspondentes ao primeiro semestre do ano 2023.

RESOLVO:

Convocar as actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse conforme as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos dos/das participantes

1. Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia; das entidades locais de Galicia; e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

2. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia, policía local e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal, os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As persoas solicitantes de actividades impartidas na modalidade de teleformación e/ou telepresenza deberán dispor dunha conta de correo electrónico, cuxo enderezo terán que indicar na solicitude, e dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

4. Para as actividades impartidas na modalidade de telepresenza contarán, ademais, cun manual de usuario na páxina web da EGAP na seguinte ligazón <https://egap.xunta.gal/formulariosrecursos> onde se indicará como acceder a esta plataforma de telepresenza e os compoñentes que o equipo necesita para un funcionamento básico da plataforma.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen no anexo II desta resolución. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 27 de febreiro de 2023.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a tres.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (como por exemplo discapacidade ou permiso de maternidade), de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través do número de teléfono 981 54 62 52 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados pola persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación nas accións formativas convocadas a través desta resolución, así como aqueles outros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme ao disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nas anteditas accións formativas serán publicados conforme o detallado na base sexta desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións dos cursos impartidos na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. As devanditas gravacións conservaranse á disposición do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, se é o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e ao persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente, incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

1. Os criterios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na páxina web da EGAP e que poderán ser consultados na seguinte ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/s/eBXtEfnF8MGqCJB

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo).

Sexta. Publicación das relacións do persoal seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia e o seguimento das actividades

1. Os cambios ou substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:

3.1. Seguimento das actividades telepresenciais:

a) É obrigatoria a asistencia e puntualidade ás sesións da actividade formativa.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas telepresenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3.2. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de finalización desta actividade.

Oitava. Superación das actividades. Realización das probas

Para poder superar as actividades formativas será necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

a) Para as actividades telepresenciais: a superación dunha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

b) Para as actividades de teleformación:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas e superadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final que se realizará en liña.

– A superación dunha proba de avaliación final. Para superar a proba de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

As datas e o horario en que terán lugar as probas de avaliación, que se realizarán en liña, indícanse no anexo II da convocatoria, información que será ampliada e actualizada a través da páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación.

Novena. Certificado

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe declarando apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que lle afecten á súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten ao desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

5. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Denominación

Persoal destinatario

Prazas

Horas

Cualificación

Modalidade

Data
de inicio

Data
de fin

Data e hora do exame (en liña)

IE23002

Lei xeral tributaria

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; das entidades públicas instrumentais, e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

16.3.2023

13.4.2023

18.4.2023

17.00 horas

IE23003

Política orzamentaria e desenvolvemento normativo

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

20.3.2023

14.4.2023

20.4.2023

17.00 horas

IE23004

Procedemento tributario

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

27.3.2023

24.4.2023

28.4.2023

17.00 horas

IE23005

O dereito da competencia e a protección dos consumidores

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

30

Aproveitamento

Teleformación

24.4.2023

24.5.2023

29.5.2023

17.00 horas

IE23006

Lei xeral orzamentaria

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

2.5.2023

26.5.2023

1.6.2023

17.00 horas

IE23007

Imposto sobre sociedades

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

8.5.2023

5.6.2023

9.6.2023

19.00 horas

IE23008

Retos públicos en materia económica

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

22.5.2023

16.6.2023

22.6.2023

18.00 horas

IE23009

O Mecanismo de recuperación e resiliencia e os plans de prevención da fraude, a corrupción e o conflito de intereses

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

20

Aproveitamento

Teleformación

1.6.2023

26.6.2023

29.6.2023

17.00 horas

IE23010

Imposto sobre a renda das persoas físicas

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

50

25

Aproveitamento

Teleformación

11.4.2023

5.5.2023

11.5.2023

17.00 horas

IE23011

A elaboración dos orzamentos na Comunidade Autónoma de Galicia

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; das entidades locais; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

40

35

Aproveitamento

Mixto

Teleformación+

Telepresenza

Do 22.5.2023 ao 26.6.2023

Sesións de telepresenza: 23 e 31 de maio e 7, 14 de xuño, das 16.30 ás 19.30 horas; e 21 de xuño das 16.30 ás 18.30 horas

30.6.2023

17.00 horas