Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2023 Páx. 15352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2023, conxunta da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de xaneiro de 2023, polo que se declara o interese autonómico do proxecto de ampliación da Casa Grande de Xanceda, situada no concello de Mesía.

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de xaneiro de 2023, polo que se declara o interese autonómico do proxecto de ampliación da Casa Grande de Xanceda, situada no concello de Mesía.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Antecedentes:

Casa Grande de Xanceda, S.L. propón unha actuación destinada a ampliar a súa industria láctea, dispoñer de terreos para instalacións complementarias á actividade gandeira (planta de biogás de tratamento de xurros), así como habilitar outras superficies para novas instalacións destinadas ás súas actividades turísticas, culturais e de formación (novas oficinas e sala multiusos para actividades turísticas e de formación, así como unha aula natura).

As actuacións previstas transcenden o ámbito municipal, xa que as súas actividades son un referente no sector agroalimentario ecolóxico galego, ao ser un modelo de desenvolvemento económico sustentable no rural por combinar un equilibrio entre unha ecoindustria e o coidado do ambiente e do benestar animal, promover a formación e a concienciación ambiental mediante visitas guiadas, ofertar programas de educación escolar continua en toda Galicia e realizar accións solidarias no ámbito de España.

Trátase, por tanto, dunha actuación que ordena o territorio e que afecta a produción ecolóxica no sector lácteo, un sector estratéxico para o rural de Galicia.

Dada a singularidade e relevancia da actuación, cómpre acudir a unha das ferramentas de que dispón a Comunidade Autónoma a través da Lei 1/2021, de ordenación do territorio de Galicia, como é a do proxecto de interese autonómico, para poder acometer a actuación.

Por todo iso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 19 de xaneiro de 2023, adoptou, entre outros, o seguinte

ACORDO:

Declarar o interese autonómico do proxecto de ampliación da Casa Grande de Xanceda, solicitado por Casa Grande de Xanceda, S.L., de acordo co previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, pola influencia económica das súas actividades no sector agroalimentario ecolóxico galego.

A consellería competente para a tramitación do expediente será a Consellería do Medio Rural.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Inés Santé Riveira
Directora xeral de Desenvolvemento Rural