Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2023 Páx. 15474

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403C).

BDNS (Identif.): 676927.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións ou formación que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

1º. Técnico/a superior en educación infantil.

2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.

3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha do proxecto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, se é o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá como mínimo, un cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.

En todo caso o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais en planta baixa.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos de servizos durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, destinados á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).

Para os efectos desta orde, considéranse núcleos rurais as parroquias do territorio existentes nos concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdese por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas que reciban axudas da Xunta de Galicia para a gratuidade da atención educativa. Igualmente, entenderase que existen recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade se os anteditos equipamentos dos ditos servizos están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha dos proxectos de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2023, 2024, 2025 e 2026, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403C).

Cuarto. Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos realizados, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.

2. A axuda polo desenvolvemento da actividade do proxecto consistirá nunha achega económica de 21.560 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Quinto. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de oitocentos sesenta e oito mil seiscentos sesenta e sete euros (868.667€) distribuído en catro anualidades e que se imputará ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

Orzamento 2023

Orzamento 2024

Orzamento 2025

Orzamento 2026

Orzamento total

13.02.312B.770.0

150.000,00 €

150.000,00 €

13.02.312B.470.0

71.867,00 €

215.600,00 €

215.600,00 €

215.600,00 €

718.667,00 €

Total

221.867,00 €

215.600,00 €

215.600,00 €

215.600,00 €

868.667,00 €

2. A partida 13.02.312B.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimento.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude