Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2023 Páx. 15396

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 16/2023, do 16 de febreiro, polo que se modifican os estatutos da Axencia de Turismo de Galicia para a creación da Área de Turismo Termal con sede en Ourense.

I

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece, no seu artigo 54.1, que a creación das entidades públicas instrumentais, agás os consorcios, require autorización mediante lei, e o número 3 do mesmo precepto engade que, tras a lei que autorice a creación dunha entidade instrumental, se procederá á súa creación e á aprobación dos estatutos por decreto.

Pola súa banda, o artigo 54.5.b) da citada lei indica que entre o contido mínimo dos estatutos deberá figurar a estrutura orgánica das referidas entidades públicas instrumentais.

Do mesmo xeito, o artigo 55.1 sinala que a modificación dos estatutos das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico se levará a cabo mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

A Axencia de Turismo de Galicia foi creada polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia. No capítulo IV dos estatutos, composto polos artigos 14 ao 29, regúlase a organización da Axencia.

O Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, establece no seu artigo único, letra b, que a Axencia de Turismo de Galicia queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia e se axustará, nos seus fins, estrutura e funcionamento, ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, e no Decreto 196/2012, do 27 de setembro.

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Galicia é a terra da auga. A auga forma parte da nosa esencia. É un elemento endóxeno, isto é, un dos elementos con maiores potencialidades para xerar experiencias turísticas singulares, que nos axudan a diferenciarnos, a desestacionalizarnos e a especializarnos nun nicho de mercado que cobra agora un especial protagonismo como consecuencia do incremento do interese das persoas viaxeiras polo turismo de benestar e a busca da saúde.

O turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público, de grande atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico e deportivo.

Respondendo a estes obxectivos, mediante este decreto dótase a Axencia de Turismo de Galicia dunha nova área con competencias específicas en materia de turismo termal, situada na cidade de Ourense. Coa creación desta nova área, que estará integrada na Dirección da Axencia, potenciarase a posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vinculados ao termalismo en Galicia, con especial énfase na provincia de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan ao impulso de Galicia como destino termal.

Esta nova estrutura está amparada polas competencias autonómicas de autoorganización e de promoción do turismo, conforme os artigos 27.1, 27. 21 e 28.1 do Estatuto de autonomía, e atende aos principios da actuación administrativa do artigo 103.1 da Constitución española.

II

A presente disposición adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, por canto se trata dunha modificación mínima necesaria, orientada a mellorar a eficacia no funcionamento da Axencia, e proporcionada aos seus obxectivos.

De xeito máis concreto, no que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria que crea unha área de turismo termal que se dedica de xeito específico á posta en valor turístico dos recursos naturais e culturais vinculados ao termalismo en Galicia. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos.

Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico.

No que respecta aos principios de transparencia e accesibilidade, debe sinalarse que o proxecto de decreto de referencia é unha disposición puramente organizativa, exceptuada, polo tanto, dos trámites de consulta pública previa, audiencia e información pública, conforme o disposto nos artigos 41.2 e 42.6 da Lei 16/2020, do 17 de decembro.

Así mesmo, no proceso de elaboración o proxecto normativo someteuse a informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Dirección Xeral de Función Pública, da Consellería de Facenda e Administración Pública, informe de impacto por razón de xénero, da Secretaría Xeral da Igualdade, e informe de análise de impacto demográfico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude, así como informe da Asesoría Xurídica Xeral. No procedemento de elaboración da norma deuse, así mesmo, participación ao Consello Reitor da Axencia de Turismo de Galicia.

Pola súa banda, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e non se prevén cargas administrativas para as persoas destinatarias.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co artigo 55 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación

Créase unha nova área da Axencia de Turismo de Galicia coa denominación de Área de Turismo Termal.

Disposición derradeira única. Modificación dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro

Os estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, quedan modificados como segue:

Un. O número 3 do artigo 5 queda redactado como segue:

«A Axencia conta cunha Área de Turismo Termal na cidade de Ourense e con áreas de ámbito provincial nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra».

Dous. Engádese un número 7 ao artigo 19 coa seguinte redacción:

«7. Depende da Dirección a Área de Turismo Termal».

Tres. Engádese un artigo 29 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 29 bis. Área de Turismo Termal

1. A Área de Turismo Termal, situada na cidade de Ourense, exercerá as súas competencias sobre todo o territorio galego, de acordo coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección.

2. Será a área da Axencia a que lle corresponderá especificamente o exercicio das seguintes funcións no eido concreto do turismo termal:

A xestión da articulación dos recursos, servizos e oferta termais como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores, que comprenderá en particular:

1º. Promover a valorización patrimonial dos recursos.

2º. Deseñar e implantar campañas promocionais tanto para a comercialización dos establecementos como de novos produtos comerciais que creen imaxe de destino.

3º. Apoiar a edición de publicacións sobre turismo termal.

4º. Fomentar actuacións dirixidas á modernización das infraestruturas existentes e á creación de novas infraestruturas sustentables.

5º. Estudar e impulsar a creación de oferta complementaria.

A planificación e xestión de actuacións para o posicionamento de Galicia como destino termal a través da potenciación de Galicia como destino termal, que comprenderá, en particular:

1º. Impulsar a organización de modelos de negocio innovadores para diversificar o sector co fin de ampliar a oferta cara a segmentos novos.

2º. Profundar no deseño de produtos turísticos na comunidade en colaboración con entidades públicas e privadas.

3º. Mellorar a información e divulgación no sector.

4º. Promover a integración do termalismo galego en proxectos europeos vinculados ao turismo de saúde.

5º. Potenciar o desenvolvemento dunha marca propia que identifique o turismo termal e que posicione o sector no panorama nacional e internacional.

6º. Garantir a presenza de Galicia en foros e xornadas relacionadas co fenómeno termal.

7º. Organizar simposios, conferencias e seminarios sobre saúde e turismo.

O desenvolvemento de programas de mellora da calidade turística no ámbito termal, que comprenderá, en particular:

1º. Fomentar a colaboración con empresas e institucións para desenvolver áreas de investigación vinculadas á identificación xenérica das augas mineromedicinais.

2º. Impulsar a introdución das novas tecnoloxías e a creación de produtos na área de preparación de produtos terapéuticos.

3º. Procurar unha especialización das instalacións para diferenciar o produto turístico termal doutros produtos turísticos.

4º. Continuar coas accións dirixidas á obtención da marca Q de calidade turística e a implementar as normas ISO relacionadas con este sector turístico.

5º. Profundar na formación e capacitación das persoas profesionais das instalacións termais.

6º. Afondar nas actuacións de I+D+i tanto na explotación dos recursos como na investigación aplicada á hidroloxía médica.

A coordinación das actuacións que poidan ter incidencia en materia de turismo termal que se desenvolvan no ámbito do sector público autonómico, en particular:

1º. Revisar a adecuación do marco normativo autonómico existente nesta materia en coordinación coas consellerías e entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias en materia de industria, sanidade, ambiente, territorio, e en colaboración coas entidades locais.

2º. Desenvolver un plan de termalismo en coordinación coas consellerías e entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias en materia de industria, sanidade, ambiente, territorio e augas, e en colaboración coas entidades locais».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes