Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 27 de febreiro de 2023 Páx. 15669

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do Acordo da Mesa Sectorial de Sanidade, do 8 de febreiro de 2023, de modificación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

De conformidade coas competencias previstas na norma I.6.1 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, asinado o 13 de xuño de 2016, no seo da Comisión Central de Seguimento do devandito pacto, na reunión mantida o 2 de febreiro de 2023, e tras posterior ratificación no seo da Mesa Sectorial, na reunión mantida o 8 de febreiro de 2023, adóptanse os acordos con incidencia na xestión das listas.

Para xeral coñecemento de tales acordos faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade á modificación das cláusulas III.7 e IV.1 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm.123, do 30 de xuño de 2016), nos termos que se indican no anexo.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Disposicións especiais. Cláusula III.7. Promoción profesional.

Engádense os parágrafos seguintes:

Co obxecto de mellorar a xestión dos chamamentos, nas listas de ámbito autonómico, excepto as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a alternancia do 50 % entre os chamamentos da quenda de promoción profesional e da quenda de libre sempre se efectuarán por categoría e distrito sanitario.

Polo tanto, nas listas de ámbito autonómico a reserva do 50 % dos nomeamentos na quenda de promoción profesional efectuarase en cada distrito.

A alternancia entre a quenda de libre e a quenda de promoción profesional nun distrito sanitario debe facerse tendo en conta a duración do vínculo, diferenciando de modo independente entre estes dous bloques:

– Vínculos de duración entre dous meses e menos dun ano.

– Vínculos de longa duración.

Réxime de penalizacións. Cláusula IV.1. Por renuncia ao nomeamento.

Engádense os parágrafos seguintes:

Nos chamamentos de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas. Para os efectos do cómputo da penalización, neste tipo de chamamentos tan só se poderá contabilizar unha chamada como non atendida en cada día. Se, realizadas as dúas chamadas, non se tivese contactado coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

Nos chamamentos non urxentes, de facérense máis de tres chamadas nun día, só se contabilizará para efectos de penalización un máximo de tres chamadas non atendidas para ese aspirante e para ese día, sempre que entre elas medien 15 minutos.

Realizadas tres chamadas con intervalo inferior a quince minutos, o órgano competente poderá continuar co chamamento á seguinte persoa dispoñible pola orde da lista, pero só poderá contabilizar para efectos de penalización unha única chamada.

En ningún caso se poderán contabilizar para os efectos de penalizacións máis de tres chamadas non atendidas por aspirante e día, xa deriven de chamamentos urxentes ou non.