Mediante a Orde do 12 de decembro de 2014, publicada no Diario Oficial de Galicia número 2, do 5 de xaneiro de 2015, autorízase a apertura e funcionamento do Centro autorizado de ensinanzas deportivas Cented, de Santiago de Compostela.
A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos incoa o expediente de extinción da autorización do centro docente, de conformidade co establecido no Decreto 410/2003, do 6 de novembro, sobre autorización a centros privados e centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia, e pola Orde do 12 de abril de 2004 que o desenvolve.
Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Extinción da autorización
Extinguir, de oficio, por cesamento nas súas actividades docentes, a autorización do centro CAD Cented, de Santiago de Compostela, código 15032901, con efectos do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 2. Inscrición no rexistro de centros
A extinción da autorización dará lugar a correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2023
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades