Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 2 de marzo de 2023 Páx. 16071

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de febreiro de 2023 pola que se modifica a Orde do 1 de marzo de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos da consellería para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración.

A Orde do 1 de marzo de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos da consellería para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, publicada no DOG do 12 de marzo de 2021, ten por obxecto habilitar determinados colectivos de persoal empregado público da Consellería do Medio Rural para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Posteriormente, o 26 de abril de 2022, publicouse o Decreto 46/2022, do 21 de abril, polo que se modifica o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. No seu artigo único, punto 4, establécese a modificación da denominación, funcións e estrutura da Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias, que pasou a ser a Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias, e creouse un novo Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, con funcións en materia de mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria. Igualmente, no nivel territorial modificáronse a denominación e as funcións dos servizos de Industrias e Calidade Agroalimentaria, que pasaron a ser os servizos de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria, e que exercen, no respectivo ámbito territorial, as funcións da Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias.

Para desenvolver as novas funcións encomendadas, creáronse no nivel territorial novas prazas de persoal inspector, tal como figura recollido na Resolución do 5 de agosto de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de agosto de 2022, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural. Nas actuacións de inspección desenvolvidas por este persoal está xustificado o anonimato para a súa realización.

A Lei 13/2012, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, establece na súa disposición adicional primeira que as actuacións de control e inspección que leve a cabo a Axencia as realizarán funcionarios públicos que, no exercicio das súas funcións, terán a condición de axente da autoridade.

Procede, polo tanto, ampliar os colectivos da Consellería do Medio Rural para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

De acordo co exposto, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de marzo de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos da consellería para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega

Engádese un punto 4 no artigo 2 coa seguinte redacción:

«4. Habilítase adicionalmente, para o uso do certificado dixital con pseudónimo no desenvolvemento das súas funcións de inspección, o persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ocupe prazas dependentes da Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias e dos servizos de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria, que exercen, no seu respectivo ámbito, as funcións da Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural