Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 2 de marzo de 2023 Páx. 16073

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2023 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala executiva, categoría de inspector dos corpos da policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2023, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de inspector da policía local, conforme as seguintes bases:

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de inspector/a, e que non realizasen este curso.

Inscrición:

A inscrición dos/as participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que estean nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 8 de marzo de 2023.

3. Para aqueles/as alumnos/as que superasen o proceso selectivo unitario convocado a través da Orde do 21 de setembro de 2022, a reserva e solicitude son automáticas, sen necesidade de que o concello de procedencia efectúe a dita reserva.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso conterá os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de dirección de equipos.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase do 10 de marzo ao 27 de abril de 2023, coa seguinte distribución horaria:

– Presencial na Agasp:

– 10, 27, 28, 29, 30 e 31 de marzo de 2023.

– 17, 18, 19, 20, 21, 26 e 27 de abril de 2023.

– Teleformación: o resto dos días, que se compatibilizará co traballo no concello de procedencia.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu Regulamento de réxime interior, publicado mediante a Orde de 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Non se desenvolverá en réxime de internado, aquel alumnado interesado en pasar a noite na residencia da Agasp deberá comunicalo previamente ao enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.gal

No suposto de pasar a noite na Agasp, aplícase o réxime de internado vixente para os/as alumnos/as dos cursos selectivos, en relación coa uniformidade e horarios.

O horario do curso será como norma xeral das 10.00 ás 19.00 (mais haberá, polo menos, un día semanalmente en que o horario lectivo comezará ás 8.00 horas, que será comunicado no horario que se achegará ao alumnado o primeiro día do curso).

O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local, do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia, e a Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de oficial, así como a peza de cabeza.

En relación coas materias deportivas, como son educación física, socorrismo acuático, tecnificación operativa e defensa persoal policial, o alumnado que o desexe pode empregar a roupa deportiva e calzado da súa propiedade.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitirá un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de policía local.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de febreiro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública