Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 3 de marzo de 2023 Páx. 16276

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR701E).

BDNS (Identif.): 678912.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é establecer as normas de xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de febreiro de 2023 para a concesión das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento MR701E).

Cuarto. Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 17.999.842,00 euros, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2023-00002) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

2023: 6.248.145,00 €.

2024: 11.751.697,00 €.

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_01 Servizos básicos), nun 12 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 28 % por fondos propios da Xunta de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da Resolución do 28 de febreiro de 2023 pola que se aproba o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Outros datos

A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do artigo 19.2) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables. A porcentaxe de axuda calcularase sobre o importe dos gastos subvencionables ata o límite do importe asignado a cada concello.

Santiago de Compostela, do 28 de febreiro de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural