Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 3 de marzo de 2023 Páx. 16311

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ferrol (expediente IN407A 2022/320-1).

Expediente: IN407A 2022/320-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: repotenciación do CT 15SN24 na rúa Pardo Bazán.

Concello: Ferrol.

Feitos:

1. O día 4 de outubro de 2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, coa fin de mellorar a distribución e a subministración eléctrica na contorna da rúa Pardo Bazán no concello de Ferrol. Proxéctase un aumento de potencia do centro de transformación soterrado CT Caranza nº 13 (15CN24, expediente 27.640) de 800 kVA de potencia alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT SMR732 Caranza-2 32, procedente da subestación Santa Marina, instalando un novo transformador de 1.000 kVA.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado repotenciación do CT 15SN24 na rúa Pardo Bazán, asinado por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial, Esp. Electricidade, nº colexiado LE-1010, o 20 de decembro de 2022. A especialidade quedou acreditada no certificado do COPITI-León que consta nesta xefatura territorial.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económia de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. No trámite de información a outras administracións públicas, non se solicitou o preceptivo informe a ningunha Administración, organismo ou, de ser o caso, empresa de servizo público ou de servizo de interese xeral afectadas, xa que a empresa promotora non achegou ningunha separata.

4. O 1 de febreiro de 2023, foi emitido o preceptivo informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que deseguido se relaciona:

a) Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Repotenciación do CT Caranza nº 13 (15CN24, expediente 27.640) soterrado de 800 kVA con relación de transformación de 15.000/400-230 V e alimentado pola LMT SMR732 Caranza-2 32, procedente da Subestación Santa Marina. Novo trafo 1.000 kVA e retirada do existente.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/a director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 9 de febreiro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña