O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.
O exercicio deste dereito tanto na Administración como nas empresas privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.
O desempeño da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, o que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.
O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.
O Servizo Galego de Saúde ten contratada coa empresa Fidelis Servicios Integrales, S.L. a prestación de servizo de operación telefónica, que desempeña o seu traballo na Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 (CCUSG-061).
A organización sindical Confederación General del Trabajo (CGT) presentou unha convocatoria de folga xeral que afectará a todas as actividades desempeñadas polas traballadoras e traballadores do sector do contact center (centros de chamadas) de ámbito estatal, que se desenvolverá o día 8 de marzo de 2023 durante a totalidade da xornada. Así pois, entre o colectivo chamado á folga figura o persoal da empresa Fidelis Servicios Integrales, S.L. que presta o servizo de operación telefónica na CCUSG-061.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, o número 061 é a entrada de referencia para a solicitude telefónica da atención sanitaria urxente de toda a cidadanía.
O persoal que atende sempre de inicio a demanda de asistencia é o xestor telefónico- teleoperador contratado pola citada empresa. A dimensión da Sala de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está estipulada en función do número histórico de chamadas do servizo, por días e tramos horarios, garantindo a atención do 100 % das chamadas.
O persoal xestor telefónico-teleoperador atende as chamadas, entre elas as urxencias vitais en materia de saúde que suceden no territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación.
O labor do devandito persoal consiste na activación e seguimento de todos os recursos asistenciais (ambulancias, helicópteros e persoal médico e de enfermaría), imprescindibles para a asistencia sanitaria e os traslados urxentes. Unha redución destes postos carrexaría o atraso na activación do recurso asistencial, coa consecuente demora na atención ao enfermo/a e, pola súa vez, o aumento da mortalidade en diversas patoloxías.
Polas características do servizo dispensado, a poboación non pode quedar desasistida en circunstancias de urxencia e emerxencia. Ademais, as funcións do colectivo afectado pola folga son tarefas específicas que non poden ser suplidas por outro persoal e é necesario ter en conta que a carga de traballo, ao longo do día, depende dun número imprevisible de chamadas, e que o volume de efectivos se axusta de maneira periódica para dar cobertura ás necesidades estimadas dentro dun rango.
Con base no que antecede,
DISPOÑO:
Artigo único
1. A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo o criterio establecido nesta orde. Os servizos mínimos resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de prevención e protección da saúde, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.
2. O devandito servizo abrangue a recepción inicial das chamadas de demanda que chegan á CCUSG-061 a través dos números de cabeceira que atende, 061 e 902 400 116, a súa xestión inicial, a activación e seguimento dos recursos e a recollida de datos das incidencias atendidas, polo que resulta imprescindible a prestación de servizos na dita central do 100 % do persoal habitual nos tramos horarios afectados pola folga, pois a carga de traballo ao longo de toda a xornada depende dun número de chamadas que non son programables, e axústase periodicamente para dar cobertura ás necesidades estimadas en materia de urxencia e emerxencia sanitaria, que en ningún caso poden quedar desasistidas. Noutro caso, poderían producirse graves prexuízos á cidadanía.
Detallado o fundamento do criterio e a porcentaxe expostos, cómpre subliñar que o persoal de operación telefónica (teleoperadores/as) constitúe o primeiro dos elos da cadea de atención ás emerxencias na Comunidade Autónoma de Galicia, a primeira toma de contacto coa persoa que alerta coa función principal de realizar o interrogatorio básico en que se toman datos de filiación do/da enfermo/a, ademais de facer unha clasificación fundamental do seu nivel de gravidade. Unha minoración do número de xestores/as telefónicos/as-teleoperadores/as supón unha perda da porcentaxe atendida de chamadas, o que implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde que acontecen en todo o territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación.
Pola súa parte, o persoal radiooperador (locutores/as) é o colectivo encargado de activar e seguir os recursos necesarios (ambulancias, helicópteros, persoal médico e de enfermaría, forzas e corpos de seguridade do Estado, etcétera) para dar unha resposta inmediata ás emerxencias e garantir unha atención en tempo dos pacientes e no seu traslado ata o centro sanitario. Unha diminución no número do posto xestor-locutor supón un atraso na activación do recurso asistencial, coa consecuente demora na atención á persoa enferma, o que implica un aumento da mortalidade e unha diminución da supervivencia nas patoloxías tempo-dependentes como o ictus, o infarto agudo de miocardio ou as paradas cardiorrespiratorias, entre outras.
A dimensión da Sala de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está estipulada en función do número histórico de chamadas do servizo, por días e tramos horarios, de maneira que queda garantida a atención do 100 % das chamadas. O índice de chamadas perdidas non supera o 3 % e procédese, por protocolo, a chamar a todos aqueles números que non conseguiron contactar, dado o carácter de urxencia do servizo prestado.
Polos motivos anteriormente expostos, resulta imprescindible garantir a cobertura do 100 % das presenzas habituais no devandito servizo.
3. Polo tanto, resultarán designados como servizos mínimos o total de efectivos establecidos para cadansúa franxa horaria obxecto desta convocatoria de folga, de acordo co exposto no anexo desta orde.
4. O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación suficiente. A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.
5. Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
6. Sen prexuízo do que establecen os números anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Efectivos de servizos mínimos*. Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061:
Persoal teleoperador |
Persoal radiooperador (locutoría) |
|||
7.3.2023 |
8.3.2023 |
7.2.2023 |
8.3.2023 |
|
00:00-02:00 |
6+3 |
2+2 |
||
02:00-08:00 |
4+3 |
2+2 |
||
08:00-09:00 |
7+3 |
3+2 |
||
09:00-10:00 |
7+3 |
4+2 |
||
10:00-22:00 |
9+3 |
5+2 |
||
22:00-23:00 |
8+3 |
8+3 |
4+2 |
4+2 |
23:00-00:00 |
8+3 |
8+3 |
3+2 |
3+2 |
* Inclúense como sumandos servizos de presenza física e gardas localizadas, respectivamente.